Pontevedra: Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2012, coloquio sobre Os Gazafellos, de Pepe Carballude

Do domingo 4 ao sábado 31 de marzo, no Pazo de Cultura de Pontevedra, regresa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para achegarnos ao mundo da literatura. Este ano o Salón, que ten a Paco Martín como autor homenaxeado, indagará nas supersticións; de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. Temos preparado un amplo programa de actividades no que toda a familia pode participar porque, no Salón, rapaces e maiores percorren xuntos e descobren o universo dos libros. O horario de apertura será de luns a venres de 9:30 a 13:30 h., e de 16:30 a 20:00 h., e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. O programa completo pódese descargar aquí: programa_salon_libro_2012.

– O luns 19 de marzo, ás 20:00 horas, no Salón de actos, coloquio arredor dos Gazafellos, con Pepe Carballude e Xosé Miranda, moderados por Quico Cadaval.

Muxía: coloquio e presentación de Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco, e As silenciadas, de Pablo Ces

O sábado 17 de marzo, ás 19:00 horas, no Salón de Actos de Muxía, e dentro das actividades da Galería de Mulleres de Muxía, proxéctase o documental de Pablo Ces As silenciadas, con guión de Aurora Marco e baseado no seu libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega. Neste acto van estar presentes os propios Pablo Ces e Aurora Marco, que nos falarán da película e do libro, e actuará en directo o compositor que fixo a banda sonora.

Manel Cráneo: “O cómic en Galicia está mellor que hai 20 anos, pero queda moito por percorrer”

Entrevista a Manel Cráneo en Galiciaé:
“(…) – Galiciaé (G): ¿Onde reside o éxito da novela gráfica histórica?
– Manel Cráneo (MC): É un formato que atrae os consumidores de novela histórica e de certos xéneros fóra do cómic e máis a aos que leen banda deseñada que está acostumada a todo tipo de temática.
– G: ¿A que se debe o auxe actual da banda deseñada?
– MC: Agora temos grandes talentos de diferentes xeracións, que traballan aquí ou fóra, nas editoriais máis importantes do mundo. Ademáis temos máis editoriais avanzamos moito desde hai 20 anos, pero aínda queda moito por percorrer, hai que ir pasiño a pasiño.”

O outro tabú sobre Carvalho Calero

Artigo de Helena Miguélez en El País:
“Aparece con frecuencia nos medios e no discurso académico a referencia ao nome de Ricardo Carvalho Calero como presenza incómoda, mesmo como tabú. A explicación de por que isto é así adoita a non se dar, ou cando si aparece, resulta somera ou críptica. Sorprende que nisto sexan coincidentes tanto os artigos de opinión xornalísticos como os académicos, cando o segundo tipo de texto podería permirtirse maior delonga á hora de xustificar por que, á altura de 2012, resulta aínda necesario referírmonos a un participante histórico da cultura galega en termos de censura. As que lemos o discurso do nacionalismo cultural galego en tanto que narrativa histórica houbemos de remexer nos propios códigos da crítica carvalhocaleriana (refírome aos traballos sobre el, non aos escritos por el) para entendermos qué está en xogo cando se di que mentar a Carvalho Calero constitúe en por si un acto transgresor. Ditos códigos inclúen, por exemplo, a referencia ao autor como exemplo dunha humildade e modestia portentosas, a prevalencia do método científico que caracteriza a súa historia literaria, a súa vocación de servizo desinteresado á construción nacional, servizo que a Galicia autonómica lle compensou pobremente, ou mesmo do cal renegou. Sobre todo, as referencias a Carvalho Calero oscilan entre os arquetipos do mártir ou do mentor total, e por iso, os e as que reclaman unha meirande visibilidade do seu legado se pronuncian, antes que nada, na estela dunha débeda impagable. (…)”

Ribadeo: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

A sexta feira 16 de marzo, ás 20:30 horas, na Casa das Letras (Rúa Rodríguez Murias, 8) de Ribadeo, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, intervén, xunto ao autor, Dores Fernández Abel.

María Reimóndez recolle o Premio Dora Vázquez polo seu artigo Desobediencia

Desde Xerais:
“A escritora e activista María Reimóndez recibiu o Premio Dora Vázquez 2012 polo seu artigo Desobediencia. Reproducimos o vídeo do discurso da autora de libros como O club da calceta ou Pirata na recollida do premio en Arteixo, que lle foi entregado pola concelleira da Muller, Fina Zas.”

O Burgo, Culleredo: presentación de Xaime Quintanilla Martínez, de Carlos Pereira e Ana Romero

O venres 16 de marzo, ás 20:30 horas, no Edificio de Servizos Múltiples (Rúa Ramón Cabanillas, 14) do Burgo, Culleredo, preséntase o libro Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ao servizo da República, de Ana Romero Masiá e Carlos Pereira Martínez, Premio Luís Tilve de Investigación e Divulgación Histórica 2011. No acto participan Xesús Mosquera Sueiro, Alicia Ferreiro Varela e os autores. A presentación estará complementada cunha pequena actuación musical.