Ferrol: presentación da colección Clássicos da Galiza e o Arquivo Digital da AGLP

“A sexta-feira, 20 de Janeiro, às 20:00 horas, serão apresentados os Clássicos da Galiza e o Arquivo Digital da AGLP nos locais da Escola Oficial de Idiomas (Rua Real, 29), de Ferrol. O evento conta com a organização da própria Fundaçom Artábria e com a colaboração da Pró Academia e do Departamento de Português da EOI de Ferrol. O presidente da AGLP, o catedrático José-Martinho Montero Santalha, apresentará a coleção CLÁSSICOS DA GALIZA, editada por Edições da Galiza em parceria com a Academia Galega da Língua Portuguesa, focando a sua exposição na edição do volume Queixume dos Pinhos e Outros Poemas. Os Clássicos da Galiza são uma reedição dos grandes autores galegos adaptados ao Acordo Ortográfico de 1990 com notas e glossários que enriquecem o texto literário. Celso Álvarez Caccamo apresentará o recentemente criado Arquivo Digital da AGLP, um inovador repositório de materiais digitalizados acerca da língua e cultura galega.” Vía Portal Galego da Língua.

Publicado o número 69 da Revista Galega de Teatro

“A Revista Galega de Teatro saca á rúa o seu número 69, correspondente ao inverno 2011-2012 e faino mantendo as súas seccións habituais e achegándose á dramaturxia portuguesa coa edición do texto Padam Padam, de Jose Maria Vieira Mendes (Lisboa, 1976). Deste xeito, a publicación consolida a súa aposta por tender pontes de intercambio co mundo da lusofonía despois de editar hai un ano Nunca estive em Bagdad, de Abel Neves. Dentro das diferentes seccións deste número 69 da RGT, destaca o traballo Sexo e Teatro asinado por Afonso Becerra de Becerreá incluído no apartado ESPAZOS. O propio Becerra é tamén autor do artigo Escenarios do corpo que xunto coa experiencia de Metátese e Alentía Teatro en Guatemala pechan esta sección.
O apartado TEMAS está reservado ás protestas que o sector das artes escénicas levou a cabo durante o outono en Crónica dunha rebelión que asina Xosé Manuel Pazos, a desaparición da Feira Galega das Artes Escénicas que realiza Zé Paredes con Non houbo Feira, e a conversa con diferentes axentes de distribución de artes escénicas en Galicia. Por outra banda, a sección ENTREVISTAS está adicada as compañías Lagarta Lagarta e Teatro de Ningures, que vén de cumplir 25 anos de traxectoria. Por último, xunto coas seccións habituais de FESTIVAIS, LIBROS, AXENDA e FICHEIROS, destaca o apartado ESPECTÁCULOS coas críticas das montaxes Oeste solitario, de Producións Teatrais Excéntricas, O florido pénsil, de eme2 producións e Uno de Nabeirarrúa Danza.”

Ramón Otero Pedrayo en América (I)

Desde Cultura Galega:
“Otero Pedrayo pronunciou esta conferencia en Bos Aires en xuño de 1959, aos postres dun banquete de celebración da colectividade galega. Trátase do segundo volume da colección As Nosas Voces, editado orixinalmente en cassette en 1993 polo Arquivo Sonoro de Galicia. A peza, de boa calidade técnica, é unha mostra excelente da impresionante oratoria de Otero Pedrayo.”

“Que é unha autora? Inquérito a Chus Pato”

Entrevista de Arturo Casas a Chus Pato no 2009, publicada agora en Poesía Galega:
“- Arturo Casas: Chus, en que medida e en que niveis consideras que a poesía que escribes está afectada polo feito de saberes que en distintos momentos terá unha formulación presencial, coa túa voz, o teu corpo, a túa situación diante dun público?
– Chus Pato: A resposta é inmediata e verdadeira: ningunha relación, porque unha e outra vez o acto de escribir é autodeterminado, comeza e remata en si mesmo e non garda afinidade máis que consigo mesmo. Dito isto, as matizacións, tamén verdadeiras, son longas.
Unha e outra vez, e van preto de vinte anos, leo os meus textos en público e en privado. Leo en privado cando preparo unha lectura para o público. Ensaio, por así dicilo. O que sucede é que da propia escritura agroma unha voz e uns movementos corporais que se axustan sen violencia e en harmonia ao texto; móvome, tanto se estou sentada coma se estou en pé, a voz é xeralmente moi lenta, respiro e escoito a respiración, escribo novamente o poema ao dicilo e trasládome ao(s) momento(s) de escritura, sinto un determinado pracer, estou a soas coa miña escritura e sei como debo dobrar o texto coa voz e co corpo.
Cousa moi diferente sucede cando leo en público. Ler en público causoume durante anos unha perturbación intensa, o único que eu desexaba era rematar canto antes, saír de alí, sentía unha vergonza difícil de explicar, tiña que ver con que non me sentía autorizada para ler (impor) ante un público o que eu escribía. Desconfiaba non dos textos, senón de min e —peor aínda— do propio público. Pensaba que seguramente estaban alí por razóns que nada tiñan que ver co que escribía, por razóns políticas por poñer un caso, isto naturalmente ten que ver con feito de pertencer eu a unha literatura de resistencia, feito que fai confusos os límites entre a defensa da lingua e da nación e a soberania do poema (a primeira lectura pública que eu realicei foi nun mitin contra a OTAN). Digamos que sempre sospeitaba que o público estaba alí por razóns extraliterarias. (…)”.

Duas entrevistas ao professor António Gil Hernández

Desde o Portal Galego da Língua:
“Para acabar este ciclo de notícias sobre o Colóquio Homenagem a Ernesto Guerra da Cal e o III Seminário de Lexicologia organizado pela AGLP, apresenta-se o áudio da entrevista [20111011_entrevista_antonio_gil.mp3] realizada ao professor António Gil Hernández em 11 de outubro de 2011 na Fundação Caixa Galicia, e também o vídeo de uma segunda entrevista realizada em 7 de janeiro do presente ano, no fim da assembleia da AGLP, no Centro Galego de Arte Contemporânea de Santiago de Compostela. (…)” O vídeo pode ser visualizado aqui.

Santiago: presentación de Verbas no ar, de Iria Morgade

O xoves 19 de xaneiro 2012, ás 20:0 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a novela Verbas no ar, gañadora do VII Premio Biblos-Pazos de Galicia de Novela, de Iria Morgade, publicada por Biblos. No acto intervirán, xunto á autora, Tucho Calvo, Elena Veiga Rilo e Pablo García Martínez.

A Coruña: presentación de Guerra de grafias, conflito de elites, de Mário Herrero

O xoves 19 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o libro Guerra de grafias, conflito de elites, de Mário Herrero Valeiro, publicado por Através Editora. No acto participa, xunto ao autor, Celso Álvarez Cáccamo.

Convocada a 29ª edición do Premio Xerais de novela

Edicións Xerais de Galicia convoca a vixésimo novena edición do PREMIO XERAIS DE NOVELA en lingua galega, dotado con 15.000 euros, que se rexerá polas seguintes bases:

1ª. Poderán concorrer ao premio todos aqueles autores/as de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais en lingua galega, conforme á normativa vixente. Os textos presentados han ser inéditos e totalmente orixinais, non podendo ter sido comunicados, nin na súa totalidade, nin por partes, por ningún tipo de procedemento.
2ª. De cada orixinal presentaranse seis copias en papel, mecanografadas a dobre espazo e debidamente encadernadas, antes do día 10 abril de 2012 nos locais sociais de Edicións Xerais de Galicia, S.A., rúa Doutor Marañón, 12. 36211 Vigo.
3ª. Co orixinal, que deberá ser presentado baixo lema e sen ningún tipo de dato que identifique ao seu autor/a, achegarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor/a,
así como o título da obra, indicando no sobre: Para o Premio Xerais de Novela.
4ª. O xurado estará composto por cinco membros, escollidos entre lectores e lectoras e un secretario con voz e sen voto en representación de Edicións Xerais de Galicia, S.A. O premio outorgarase por maioría de votos.
5ª. A composición do xurado darase a coñecer no mes de maio.
6ª. O xurado emitirá o seu fallo no curso da Festa Xerais que se celebrará o día 9 de xuño.
7ª. O premio poderá ser declarado deserto no caso de que o xurado así o estime e a decisión será inapelable.
8ª. Edicións Xerais de Galicia, S.A., que reserva os dereitos de edición sobre a novela premiada en todas as linguas, coa posibilidade de ceder tales dereitos a terceiros, poderá publicar esta sen limitación do número de exemplares nin de edicións. Os cinco mil primeiros exemplares vendidos estarán libres do pagamento de dereitos de autor/a. O beneficiario/a do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente cincuenta exemplares da obra publicada.
9ª. Os orixinais non premiados poderán retirarse nos dous meses seguintes ao fallo. Os que non se retiren serán destruídos.

A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación das normas contidas nas presentes bases e as decisións do xurado que se teña designado.

Vigo, xaneiro 2012

Convocada a 27ª edición do Premio Merlín de literatura infantil

Edicións Xerais de Galicia convoca a vixésimo sétima edición do PREMIO MERLÍN DE LITERATURA INFANTIL en lingua galega, dotado con 10.000 euros, que se rexerá polas seguintes bases:

1ª. Poderán concorrer ao premio todos aqueles autores/as de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais en lingua galega, conforme á normativa vixente. Os textos presentados han ser inéditos e totalmente orixinais, non podendo ter sido comunicados, nin na súa totalidade, nin por partes, por ningún tipo de procedemento.
2ª. De cada orixinal presentaranse seis copias en papel, mecanografadas a dobre espazo e debidamente encadernadas, antes do día 10 abril de 2012 nos locais sociais de Edicións Xerais de Galicia, S.A., rúa Doutor Marañón, 12. 36211 Vigo.
3ª. Co orixinal, que deberá ser presentado baixo lema e sen ningún tipo de dato que identifique ao seu autor/a, achegarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor/a, así como o título da obra, indicando no sobre: Para o Premio Merlín de Literatura Infantil.
4ª. O xurado estará composto por cinco membros, escollidos entre lectores e lectoras e unha secretaria con voz e sen voto en representación de Edicións Xerais de Galicia, S.A. O premio outorgarase por maioría de votos.
5ª. A composición do xurado darase a coñecer no mes de maio.
6ª. O xurado emitirá o seu fallo no curso da Festa Xerais que se celebrará o día 9 de xuño.
7ª. O premio poderá ser declarado deserto no caso de que o xurado así o estime e a decisión será inapelable.
8ª. Edicións Xerais de Galicia, S.A., que reserva os dereitos de edición sobre a novela premiada en todas as linguas, coa posibilidade de ceder tales dereitos a terceiros, poderá publicar esta sen limitación do número de exemplares nin de edicións. Os cinco mil primeiros exemplares vendidos estarán libres do pagamento de dereitos de autor/a. O beneficiario/a do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente cincuenta exemplares da obra publicada.
9ª. Os orixinais non premiados poderán retirarse nos dous meses seguintes ao fallo. Os que non se retiren serán destruídos.

A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación das normas contidas nas presentes bases e as decisións do xurado que se teña designado.

Vigo, xaneiro 2012.