Vídeo do Vento Lois no Antigo Cárcere da Coruña, o 12 de maio

Vídeo do Vento Lois no Antigo Cárcere Provincial da Coruña o 12 de maio de 2011, coa música de Ulträqäns e Loretta Martin e a poesía de Cesáreo Sánchez Iglesias, Antía Otero e Xulio López Valcárcel, nun acto coa presentación de Xurxo Souto e Manuel Rivas. O vídeo foi realizado por Blogaliza.tv:

Carlos Pereira gaña o Certame Literario do Concello de Vilalba con Río Alzheimer

A XXXVII edición do Certame Literario do Concello de Vilalba ten gañadores: o primeiro premio, dotado con 3000 euros, flor natural e diploma, foi para Carlos Pereira Martínez, polo poemario Río Alzheimer; o segundo premio, dotado con 1000 euros, flor natural e diploma, recaeu en Martiño Maseda Lozano, de Xoibán (Vilalba) polo poemario Entre as paredes do silencio. Asemade, o xurado acordou crear unha mención especial, dotada con diploma e flor natural, para o poemario Trinta cantigas e cinco alalás, de Marcial González Vigo, de Lugo. O xurado do premio estivo formado por José María García-Leira, Darío Villanueva, José Carlos Andina, Fidel Fernán e Xulio Xiz. O libro premiado será publicado por Espiral Maior.

Xavier Frías Conde: “A débeda das Letras Galegas con Madrid”

Artigo de Xavier Frías Conde en Galaxia:
“A literatura en lingua galega tivo sempre unha sede lonxe do seu territorio natural e non estou a me referir a Buenos Aires, senón a Madrid. Case todos os grandes persoeiros da literatura galega, a comezar por Rosalía e Murguía e a seguir polo último homenaxeado das Letras Galegas, Loís Pereiro, pasaron tempadas longas da súa vida nesa cidade. Porén, esta é só unha parte da realidade, outra menos coñecida e moito máis dinámica e que Madrid segue a ser caldeira onde bole a literatura galega. Ademais dunha ducia de autores que viven na capital de España e crean en galego, existe unha dimensión cultural importantísima que non pasa desapercibida, onde mesmo dúas universidades, a UNED e a UCM, dedican tempo e esforzos a promover a literatura en lingua galega. O motor da creación galega nos últimos quince anos é o chamado Grupo Bilbao, así chamado por teren un faladoiro na Glorieta de Bilbao no delicioso Café Comercial. Alí foi fundada a colección de cadernos poéticos O Roibén, que está a espera de renacer nunha segunda época, nese mesmo formato de cadernos. Por tanto, considero inxusto o desinterese, en moitos casos a mantenta, que se fai do Grupo Bilbao e dos escritores galegos de Madrid, pois ao meu ver teñen todos eles moito que dicir no ámbito literario galego. En Madrid celébrase o Día das Letras Galegas durante unha semana enteira e con tantos actos como se poden facer nas máis das cidades galegas. Hai público e, ademais, a presenza de autores galegos en Madrid está a ser unha marabillosa montra para os eventuais lectores de lingua non galega. Non en van, de aquí xurdiron xa varios poetas alógrafos dunha excelente calidade poética. Paga a pena achegarse, ver e coñecer. Estades todos convidados aos faladoiros galegos do Café Comercial nos últimos sábados de cada mes a partir das catro. A palabra en galego, con café, sabe aínda mellor.”

Redelibros 2.0: comezan os cambios

“Durante un ano, Redelibros foi crecendo non só en usuarios, senón tamén en servizos -aí está a tenda de redepuntos, os Cadernos Redelibros, os Concursos, os Textos, o Fisgando na rede e tantas outras seccións non previstas inicialmente, moitas incorporadas grazas ás vosas suxestións. Pero xa sabedes que a rede é un terremoto continuo, e nós non queremos quedarnos agochados baixo o colchón. Cremos que Redelibros xa está suficientemente madura para dar o seguinte paso: para seguir evolucionando. Por iso, nas próximas semanas asistiremos a unha chea de cambios importantes, algúns relacionados co aspecto da rede e outros cos novos servizos que iremos incorporando. (…)”. Vía Redelibros.

Lugo: presentación de Svea Kött (Carne Sueca), de Domingo Tabuyo

O venres 9 de setembro, ás 20:00 h., na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase a novela Svea Kött (Carne Sueca), de Domingo Tabuyo, publicada en Xerais. No acto participan, acompañando ao autor, Xosé Orozco e Manuel Bragado.

Culturgal celebrarase na primeira semana do mes de Nadal

Culturgal mantén aberto o prazo para recibir propostas para actividades que se celebrarán no evento da industria cultural galega, Culturgal. (…) A feira celébrase por terceira vez na cidade do Lérez e todo apunta a que vai ser un evento cunha posta en escea moi contemporánea e con contidos populares e profesionais e onde se abordarán as industrias culturais tamén dende os novos medios e soportes. O evento inaugurarase o día 2 de decembro coa presenza de numerosos profesionais do ámbito da industria cultural, a política, a sociedade e a cultura de Galicia.” Vía Asociación Galega de Editores. Tamén en Xornal.

Isaac Xubín gaña o premio literario Os Viaductos

“O premio literario de relatos curtos en galego Os Viaductos recalou este ano no filólogo coruñés Isaac Xubín, quen gañou 1200 euros e a publicación da obra presentada, titulada Le pied de Julien Dupuy. O novo autor explicou que o conto, de apenas seis páxinas, “narra a vida de tres persoas en Francia, en tres relatos diferentes unidos por un pano de fondo que é o deporte do rugbi”. O xurado do certame tamén recoñeceu os traballos de Pedro Feijóo Barreiro (O segredo do viaducto) e Alberto Rodríguez (Contradanza para dous coellos). A entrega de premios deste prestixioso concurso literario para mozos tivo lugar o sábado pasado na Casa da Torre, coa asistencia do escritor e académico da Real Academia Galega e xefe de Policía de Galicia, Luís García Mañá, o director de Edicións Xerais, Manuel Bragado, o alcalde Javier Bas e o concelleiro de Cultura Alberto Pazos”. Vía Bibliotecas de Redondela.

Si o vello Sinbad volvese…

“”A estrea de O incerto señor Don Hamlet no Teatro Colón no 59 marcou a miña decisión de dedicarme ao teatro no resto da miña vida”, afirma o dramaturgo Manuel Lourenzo. Menos decisiva foi a influencia que a obra deixou en Ánxeles Cuña quen dirixiu a adaptación que Sarabela Teatro fixo tempo atrás desta obra, unha das máis destacada da literatura galega. Todos eles, xunto con Laura Tato e Euloxio Ruibal falarán mañá da obra dramática de Álvaro Cunqueiro, nun acto coordinado por Henrique Monteagudo, co que se pretende homenaxear ao escritor mindoniense co gallo do centenario do seu nacemento. Culturagalega.org falou con algúns dos presentes nesa mesa redonda para que sinteticen as ideas principais que abordarán nese coloquio (…)”. Vía Cultura Galega.

A Coruña: VI Encontro de Escritoras/es Novas/os: Da tinta á pegada dixital, o 17 de setembro

Chega a VI edición do Encontro de Escritoras/es Novas/os, o sábado 17 de setembro, na Sala Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, onde nos situaremos ao redor da palabra á escoita das ideas e proxectos dos nosos autores e autoras máis nov@s. Unha oportunidade de achegarnos ás novas linguaxes, tecnoloxías e pegadas dixitais que os tempos nos presentan, abríndonos outras posibilidades na comunicación e no diálogo necesario: