Coñécense as obras premiadas no XXXVII Premio Modesto R. Figueiredo de relatos

“A Fundación Pedrón de Ouro elixiu Rianxo como lugar da entrega da edición número trinta e sete do Premio Modesto R. Figueiredo de relatos para, segundo explicou o seu presidente, ser partícipes da conmemoración do 125 aniversario de Castelao. A proposta tivo boa acollida no Concello, e o vindeiro día 30 farase entrega do galardón no auditorio municipal. Onte tivo lugar, na vila rianxeira, a reunión do xurado, que acordou premiar o traballo de Amancio Liñares Giraut Coreografía Obama. Xosé Ramón Fandiño, presidente da Fundación Pedrón de Ouro, destacou do traballo gañador que é unha obra “moi vangardista, moi ben artellada e moi ben escrita. Pensamos que é unha gran aportación á nova narrativa galega”. O gañador recibirá 1.000 euros en metálico como premio e a publicación do seu relato.
O xurado tamén quixo destacar outros traballos dos 39 que se presentaron ao certame concedendo dous accésits que foron para Frío azul, de Ledicia Costas, e para Eco da afasia, obra de Xaime Domínguez Toxo. Ámbolos dous recibirán 400 euros e a publicación dos seus relatos xunto co gañador. Fandiño, Anxo Angueira, Agustín Agra, Tucho Calvo, Esther Carrodeguas, David Otero e Xesús Santos, como coordinador, formaron o xurado encargado de fallar esta edición do Premio Modesto R. Figueiredo, que se entregará nun acto no que participará o escritor e académico rianxeiro Xosé Luís Axeitos.” Vía La Voz de Galicia e Certo.

Rianxo: presentación de Cadro artístico: Airiños. 75 aniversario

O sábado 28 de maio, ás 19:00 horas, no Auditorio de Rianxo, a Asociación Cultural Barbantia, o Centro Cultural “Simón Varela” de Asados, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, o grupo de teatro “Airiños” e o Concello de Rianxo presentan o libro Cadro Artístico: Airiños. 75 aniversario. Estarán presentes, entre outros, Xosé Luís Axeitos, Manuel Lourenzo, Anxo Angueira e Xesús Santos.

Calo (Teo): presentación de Rianxo na súa historia. Consecuencias da Guerra Civil (1936-1939)

O sábado 26 de marzo, ás 20:30 h., nos locais da escola da Igrexa de Calo, rehabilitada para actividades culturais, preséntase o libro Rianxo na súa historia. Consecuencias da Guerra Civil (1936-1939), de Xesús Santos e Xosé Comoxo, editado pola Deputación da Coruña.