Salvaterra: actos literarios do XXV Festival de Poesia do Condado, o 2 e 3 de setembro

A XXV edición do Festival de Poesia do Condado, organizado pola S. C. D. Condado, baixo o lema Sem as mulheres nom há revoluçom, na sexta-feira 2 e o sábado 3 de setembro, conta coas seguintes actividades literarias dentro do seu programa:

Sexta-feira 2:
22:30 h. Noite nas minas, nas Covas de Dona Urraca. Recital de María do Cebreiro, concerto de De outra margem, e, ao remate, comida, repichoca e festa. Ten aforo limitado e unha entrada de 10 euros (reservas no correo info@scdcondado.org, ou no teléfono 986-658036).

Sábado 3:
12:00 h., nas Covas de Dona Urraca. Presentación do libro colectivo de poesía Mulheres entre poesia e luita, publicado pola Assembleia de Mulheres do Condado, coa presenza de Ilduara Medranho, Andrea Nunes e Belém Grandal.
18:00 h., nas Covas de Dona Urraca. Presentación do último libro de poemas de Claudio Pato, publicado en Estaleiro Editora.
Ao longo do día, no mesmo emprazamento, as Covas de Dona Urraca, terán lugar as proxeccións de vídeo-poemas, con obras de María Lado, Ledicia Costas, Lucía Aldao e o Colectivo Rec-deiras.
21:00 h. Festival poético-musical, na Zona das Murallas, presentado por Os da Ría. As e os poetas participantes son: Andrea Nunes Brións, Catarina Nunes, Claudio Pato, Iolanda Aldrei, Lorena Souto, Manuel Darriba, María Rosendo, Paula San Vicente, Séchu Sende e Xosé María Álvarez Cáccamo. Os grupos musicais serán Habelas Hainas, Marful, Ulträqäns, Cuchufellos e Maria Alice (Cabo Verde).

‘Caracas pon o nome de Celso Emilio Ferreiro a unha das rúas da cidade’

“Entre 1966 e 1973, o escritor Celso Emilio Ferreiro viviu en Venezuela, onde coñeceu de primeira man a realidade da emigración, que acabaría por decepcionalo e que daría lugar ao seu célebre libro Viaxe ao país dos ananos. Tal día como hoxe cúmprense 32 anos do pasamento do autor e, en recoñecemento do seu vínculo coa capital venezolana, unha rúa de Caracas pasará a levar o nome de Celso Emilio Ferreiro. Con este motivo, o Consejo del Municipio bolivariano Libertador rebautizará a rúa que ata o de agora se chamaba Cuarta Transversal de Maripérez. O ditame contou co informe favorable do cronista de la Ciudad de Caracas, quen considerou “plenamente justificada” a decisión do cambio de nome. “No sólo en atención a la trayectoria literaria del poeta Ferreiro Míguez, sino que al propio tiempo conocemos el compromiso social y político que acompañó a este insigne poeta a lo largo de toda su prolífera vida”, explica o cronista, quen tamén lembra “el grato recuerdo que dejó en los caraqueños la permanencia en esta ciudad de este laureado poeta (ya fallecido) entre mediados de los años sesenta y principios de la siguiente década. (…)”. Vía La Voz de Galicia.

Juan Luís Blanco Valdés gaña o XVI Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela

“Unha serie de catro artigos publicados por Juan Luís Blanco Valdés no xornal Galicia Hoxe recibiu o recoñecemento do Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela na súa XVI edición. Entre os aspectos valorados polo xurado destacan “a calidade literaria, o uso do léxico e o sentido do humor” de Blanco Valdés, así como a achega do escritor a “temas de actualidade dende un coñecemento profundo da cultura popular”. Así o fixo constar na súa acta o tribunal presidido por Mercedes Cuiña Puente e reunido o pasado 29 de agosto na Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada. O acto de entrega do premio será o venres 16 de setembro ás sete da tarde, no marco da XXV Feira do Moble de Galicia. O galardón está dotado con 1.000 euros, talla conmemorativa e diploma acreditativo. Unha vez teña lugar este acto, quedará aberto o prazo de recepción de novos artigos para todos os interesados en participar na vindeira edición deste premio.” Vía Galicia Hoxe.

Memoria da Chaira Enteira, en memoria de Manuel María, o xoves 8 de setembro

O xoves 8 de setembro terá lugar na Terra Chá a homenaxe Memoria da Chaira Enteira, en memoria Manuel María, co seguinte programa:

14:30 h. Xantar no Río Ladra de Rábade (hai que se apuntar previamente no teléfono 646413890. Custa 20 euros).
16:30 h. Recital de poesía en Penas de Rodas (os participantes deberán levar algún texto preparado).
18:00 h. Pregaria no Cemiterio de Outeiro de Rei arredor de Manuel María, coa palabra de Xosé Vázquez Pintor (quen queira pode ler un texto, e debe levar unha flor para depositar na honra e memoria de Manuel María).
– Posteriormente, na Carballeira de Santa Isabel: Rito da navalla, que se entregará a David Otero, e recital musical da poesía de Manuel María por Miro Casabella, Antón Valcarce, Tino Baz e Mini e Mero.

VI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, organiza o VI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, que chega á súa sexta edición, desta volta co lema Literatura galega hoxe (alba de gloria ou solpor dos deuses): poesía, narrativa, teatro. Os escritores/as perante a crise. Os/as autores/as falarán da súa obra persoal e as súas expectativas perante a grande crise (galega, española, europea; literaria, social, de comunicación, de visibilidade…, etc.) na que estamos e como saír dela. Os actos celebraranse no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, ás 12:00 horas. O programa é o seguinte:

– Xoves 6 de outubro. Mesa redonda de narrativa. Marilar Aleixandre e Bieito Iglesias. Presenta Camiño Noia.

– Xoves 20 de outubro. Mesa redonda de poesía. Marga do Val e Emma Pedreira. Presenta Anxo Angueira.

– Xoves 3 de novembro. Mesa redonda de teatro. Afonso Becerra e Quico Cadaval. Presenta Manuel Forcadela.

O Instituto da Lingua Galega pon na rede un dicionario fonético

“Dunha banda a transcrición fonética e da outra, a súa pronuncia real a golpe de click. Isto é o que permite o Dicionario de pronuncia da lingua galega, a última ferramenta informática para o idioma galego. Coordinado por Xosé Luís Regueira, trátase da versión dixital dun proxecto desenvolvido desde o Instituto da Lingua Galega que o ano pasado a Real Academia Galega editou en papel. Para a proposta en liña, contouse coa colaboración coa Compañía da Radio Televisión de Galicia, que facilitou a gravación duns 60.000 rexistros de uso común”. Vía Cultura Galega.

‘Un mural colectivo homenaxea a Xosé Neira Vilas en Santiago’

“A Biblioteca Pública Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII, s/n.) de Santiago de Compostela, realizará este martes, no marco da súa programación dedicada a Xosé Neira Vilas, un mural colectivo no que participarán 25 nenos de entre 4 e 11 anos. Segundo informou a Consellería de Cultura, a actividade terá lugar este martes 30 de agosto ás 11:00 horas no Salón de actos da biblioteca e, durante esta, os mozos converteranse “en pintores por un día deixando a súa pegada artística á vez que se divirten”. O deseño do mural e a coordinación dos participantes para colorealo corresponde a Xoana Almar e Miguel Peralta, dous ilustradores formados en Granada e afincados en Santiago, que ofrecen “o seu bo facer de xeito xeneroso e desinteresado”, segundo precisou Cultura, para a realización desta obra colectiva. O resultado da obra poderá contemplarse na Biblioteca Ánxel Casal a partir do venres 2 de setembro, día da inauguración en Santiago da exposición Querido Balbino. 1961-2011. Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego, coa que a Xunta homenaxea a Neira Vilas.” Vía Xornal.

“Publicacións delicatessen”

Artigo en Cultura Galega: ‘Son libros especiais, diferenciados, con amplísimo traballo de investigación e documentación por detrás…e, por suposto, moi caros. Por iso, as editoras preparan relativamente pouco exemplares e abren escasas liñas deste tipo de producto case de delicatessen. “Son libros que teñen auténtico interese cultural pero que teñen dificultades comerciais evidentes” afirma Manuel Bragado, responsable da editorial Xerais, unha das beneficiadas desta convocatoria de axudas que permitirá que se materialicen obras que, doutro xeito, nunca verían a luz. As axudas a grandes proxectos editoriais van dirixidas a aqueles “que procuran a excelencia tanto polo que respecta á presentación formal, como polos propios contidos”. As axudas inclúen novos soportes de edición, aínda que os beneficiarios desta liña de axudas de 2011, optan pola impresión tradicional en papel. Pero teñen outras características comúns estes proxectos que analizan desde a historia do fútbol en Galicia, a música que se facía nas catedrais ou un inventario de todos os xoguetes que hai no país. (…)”.

Convocado o II Concurso de relato curto Café De Catro a Catro

“Seguindo a tradición do que fora a Primeira Convocatoria do Concurso de Relato Curto Política Ficción do ano 1982, o café retoma a senda literaria convocando esta segunda edición, dirixida a autores en lingua galega. Conmemorando o 30º aniversario do Café de Catro a Catro convocase o II Concurso de Relato Curto Café de Catro a Catro, de acordo coas seguintes:

BASES

1. A temática será política ficción.
2. As obras deberánse escribir en lingua galega (normativa vixente), orixinais e inéditas, non premiadas con anterioridade, constituindo un relato ou conto de extensión máxima de 2 folios din A4 por unha soa cara (máximo 1.500 caracteres a dobre espacio). As obras presentaránse en formato word con tipo de letra Times New Roman tamaño 12. Han de ser enviadas a dirección Café Catro a Catro, Rúa Girona nº 16, 36211 de Vigo, Pontevedra, por triplicado. Os orixinais tamén poderánse enviar á dirección de correo electrónico: cafedecatroacatrovigo@gmail.com
As obras presentaránse baixo un lema, sen título, e deberanse enviar xunto cos orixinais, nun sobre pechado cos datos personais (Nome, dirección, DNI, título da obra e teléfono de contacto. No exterior do sobre deberá figurar o mesmo lema que na obra), que serán necesarios ós efectos de xestionar o concurso e que serán sometidos o tratamento e regulación previstos na vixente lei de datos persoais. En caso de que a obra sexa enviada por correo electrónico, estes datos deberanse enviar nun documento aparte. O autor que reciba o primeiro premio cederá tódolos dereitos sobre a obra .
3. Coa publicación das presentes bases abrirase o prazo para a admisión dos orixinais, que finalizará o 20 de setembro de 2011 as 23:59 horas.
4. Como máximo poderase presentar unha obra por autor. O autor, polo feito de presentar o relato a concurso, afirma que a obra é orixinal e da súa propiedade, e en consecuencia faise responsable respecto da súa propiedade intelectual e patrimonial por calquer acción ou calquera outra reclamación que poidese acontecer.
5. Haberá un primer premio, que consistirá en 300 euros e a obra gañadora será enmarcada e exposta no Café xunto cos posteriores gañadores das vindeiras edicións. A obra gañadora pasará a ser propiedade do Café De Catro a Catro.
6. Haberá un Primero Xurado que estará formado por 5 personas relacionadas con mundo da cultura galega. O Primeiro Xurado deliberará coa máxima liberdade e discreción e tendrá as facultades de discernir as 8 obras seleccionadas nun primeiro fallo que será inapelable.
7. Será obligatoria a presenza de todos os autores seleccionados polo Primeiro Xurado, xa que terán que ler a súa obra no Acto que se levará a cabo o xoves 6 de outubro de 2011 ás 10 da noite no Café De Catro a Catro. O resultado do Primeiro fallo comunicarase ós autores con antelación. En caso de ausencia do autor, a obra será eliminada. Posteriormente á lectura, levarase a cabo o Fallo Final das 8 obras seleccionadas que serán votadas por todolos asistentes o mencionado acto. Este Fallo Final será inapelable. Tras a votación, levarase a cabo a entrega de premios.
8. O café De catro a Catro resérvase o dereito a tomar iniciativas non reguladas nestas bases, sen que se altere o contido esencial das mesmas.
9. O feito de participar neste Consurso, presupon a aceptación destas bases. Os traballos que non cumpran algúns dos requisitos especificados nestas bases, non entrarán en concurso. Nin o Café de Catro a Catro nen os Xurados fanse responsables de ninguna opinión vertida polos autores. Os orixinais quedarán en poder do Café De Catro a Catro. As obras enviadas por correo postal, poderanse recoller despois da entrega de premios.”

A Asociación Galega de Editores participa na Bienal do Livro de Rio de Janeiro

“A Asociación Galega de Editores participa por terceira vez na Bienal do Livro de Brasil, evento que ten lugar nas dúas cidades punteiras dese enorme e emerxente estado: São Paulo e Rio. No ano 2008 a AGE mantivo unha rolda de negocios cos editores brasileiros na que contou coa inestimable axuda e colaboración da Cámara Brasileira do Livro e da responsable do proxecto APEX para ese sector, Dolores Manzano. Daquela, 8 editores galegos viaxaron nunha misión da Cámara de Comercio de Pontevedra, contando coa colaboración dun técnico do IGAPE, que participou tamén no desenvolvemento da axenda de traballo. A exposición de libros tivo lugar no stand da FGEE. Nesta ocasión a AGE estará representada pola Vicepresidenta da entidade e directora de Baía Edicións, Belén López, amais de editores de Kalandraka Editora e OQO Editora. Expoñen libros no módulo da AGE, dentro do  stand compartido pola FGEE e o ICEX: Editorial El Patito, OQO Editora, Editora 2.0, Baía Edicións, Edicións Embora e Edicións Toxosoutos. Belén López vaise entrevistar con diversos axentes do sector do libro e contará coa visita dun pequeno colectivo de descendentes de galegos, algúns deles empresarios de divesos sectores. A editora tamén realizará xestións para incrementar a relación iniciada no ano 2008. (…)”. Vía AGE.