Artigo
de Iago Martínez en Xornal:
“Hai traxectos que se asocian a unha lectura e quedan aí para sempre. A Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) pasoulle cando marchou a Gernika en 1976. Ensinante antes que Premio Nacional de Literatura, o vilalbés pagou no País Vasco unha das peaxes –”feliz”, matiza– que impoñía a carreira docente. Naquel tren que o levaba para alá, recorda agora, ía lendo No cadeixo, un dos primeiros títulos de Paco Martín (Lugo, 1940). Aínda quedaban moitos anos para que Fernández Paz debutase como narrador e moitos máis para que Manuel Bragado, vendo unha foto de Xurxo Lobato na que os dous escritores aparecían xunto a Xabier P. DoCampo (Rábade, 1946), os alcumase como a xeración Lamote. Para que existise a “feliz creación” do editor vigués era necesario que Ramón Lamote, o personaxe creado por Paco Martín en 1985, se instalase na historiografía como un sinónimo –ou metáfora– da maioría de idade da literatura infantil e xuvenil galega. Nun tempo no que as comunicacións en Galicia eran africanas, bromea Fernández Paz, a renovación pedagóxica era unha tarefa titánica na que traballaban grupos illados de docentes por todo o país. Nun determinado momento, alguén propuxo sumar eses esforzos e centralizar en Santiago o traballo do que logo sería Nova Escola Galega. Verse periodicamente e organizar o ensino progresista daquel presente, aínda máis largo do que a Transición acabaría consentindo. Así empezaron a tratarse Agustín Fernández Paz e Xabier P. DoCampo, amigos de antes e compañeiros de traballo, con Paco Martín. Para o que ía ser e non foi a Revista Galega de Educación –que sería, pero con outro formato e outros presupostos–, Agustín fíxolle unha longuísima entrevista a Paco Martín. Calquera a atopa agora, resígnase o autor de Cartas de inverno, entre o mundo de casetes que gardan a memoria daquela época no local onde lle fixo sitio en Vigo á súa biblioteca. Son o testemuño, non só da prehistoria da literatura infantil e xuvenil tal e como a coñecemos agora, senón da época en que a renovación pedagóxica intentou tomar as escolas. Das cousas de Ramón Lamote (1985), gravado a lume na memoria infantil de varias xeracións de escolares, ten algo de libro fundacional. Para Agustín Fernández Paz, que tamén acabaría galardoado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, como DoCampo e Martín, obviamente en anos diferentes, é a primeira vez que na literatura galega se ensaia o que máis alá dos Pireneos había tempo que se facía. “Era o que nós descubríramos cando en España se empezaran a editar os libros de Michael Ende, Gianni Rodari, Ursula Wölfel ou Roald Dahl”, recorda agora o autor de Non hai noite tan longa. “Paco Martín fixo en Das cousas de Ramón Lamote unha novela galega pero tamén universal. Era o que buscabamos”. A crítica, non só a académica, e os lectores, acabarían dándolle a razón a ese pálpito, tanto polo número de exemplares vendidos como pola proxección internacional e o prestixio crítico da literatura infantil e xuvenil galega. (…)”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Ramón Caride: “A literatura galega aínda ten déficit de se introducir no mundo de hoxe”
Entrevista
a Ramón Caride en El País (Galicia):
‘- El País (EP): Séntese parte dunha xeración?
– Ramón Caride (RC): Hai unhas constantes nos narradores coetáneos, como tamén en Lois Pereiro: o rock, escribir tipo colaxe incluíndo voces noutros idiomas, o relato curto, a influenza do cine… Eu leo a Suso de Toro ou Bieito Iglesias e vexo moitos puntos en común, é normal. En moitos casos fomos os primeiros universitarios da familia, vimos dunha cultura agraria, atopamos as mesmas cousas á mesma idade, estabamos na Universidade cando morreu Franco…
– EP: Para escribir en liberdade hai que vivir doutra cousa, como di Ramiro Pinilla?
– RC: O oficio de escritor ten que ser libre. Hai quen se poderá atopar libre gañando a vida doutro xeito e escribindo no lecer. Pero se gañas a vida doutro xeito tes menos tempo para escribir…
– EP: “Sae máis rendible escribir para a escola” tamén é algo que se lle pode escoitar a algún escritor que pasou ao infanto-xuvenil.
– RC: A literatura infanto-xuvenil é escolar, pero iso non é bo nin malo de seu. A través dunha gran campaña podes facer moito diñeiro co Código Da Vinci, pero que alguén se acorde del en cinco anos… Ao final, queda o ben feito. (…)
– EP: Se tivese que sincronizar a súa obra coa literatura galega, onde a poría?
– RC: A miña tradición é Ferrín. En Elipsis e outras sombras, o primeiro relato, Prólogo á impunidade, sobre a represión franquista, é realista a tope. E despois escribe sobre o mundo de Huxley e máis a materia de Bretaña… Non é que se adiantase, senón que naquel momento xa tiña aquela visión. Como el di, o escritor é coma un pirata. E as literaturas que aspiren a estar no mundo teñen que botar man do propio e do alleo, porque nada lles é alleo.
– EP: Cría que nesta altura ía ter que estar asinando manifestos en prol do galego?
– RC: A verdade é que non, pero o galego, a fin de contas, será o que nós queiramos. Está ben asinar manifestos, pero falando galego non agredes a ninguén. E quen se sinta agredido por iso ten un problema psicolóxico que ti non vas solucionar. Eu teño libertade de cátedra e ninguén me vai imponer o idioma das miñas aulas.’
Xosé Neira Vilas: ”Creei a Balbino nun bar e o primeiro en lelo foi o camareiro”
Entrevista
a Xosé Neira Vilas en El Progreso:
“- El Progreso (EP): Considera que a súa carreira está eclipsada pola figura de Balbino?
– Xosé Neira Vilas (XNV): Non. Desde logo teño outros moitos libros, posiblemente de elaboración máis completa, e a figura de Balbino non eclipsou esas obras, aínda que dalgunha maneira este libro destaca sobre os outros, porque se segue reeditando. (…)
– EP: Vostede dixo nalgunha ocasión que non coñeceu realmente Galicia ata estar na emigración…
– XNV: A Galicia inmediata si, pero non tiña a noción histórica e cultural de Galicia, o que eu descubrín en Buenos Aires. Tomei conciencia de Galicia en América Latina, co contacto cos exiliados e emigrantes. Alí había moita cultura; exposicións de pintura, concertos, emisoras de radio, libros, periódicos, revistas… E incluso en Buenos Aires empecei a tomarme en serio a miña carreira como escritor e como periodista. Escribín en cantas publicacións galegas había alí. Tiñamos unha actividade moi intensa, e o meu coñecemento de Galicia ven asociado á miña vocación. Polo tanto, desde ese momento escribo sempre e únicamente en idioma galego. Dos 43 anos que estiven en América non escribín ningún libro nin ningún artigo que non fora en idioma galego, a non ser nalgunha ocasión que colaborei coa prensa latinoamericana. (…)
– EP: Que futuro lle augura ao galego?
– XNV: O idioma consolídase cada vez máis. Temos unha serie de obras fundamentais que o van consolidando e axudan a que se fale máis, porque a fala é máis importante que todos os libros.
– EP: Que consello lle daría aos mozos que se inician nas letras galegas?
– XNV: Primeiro, que lean moito. Segundo, que lean ben, xa que non é só ler e pasar a correr. E por último, que escriban moito sen preocuparse por publicar. Eu levaba once anos escribindo ata que publiquei a primeira obra.”
Santiago: presentación de Amigos e sodomitas, de Carlos Callón
O
martes 28 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, de Carlos Callón, Premio Vicente Risco de Ensaio 2011, e publicado en Sotelo Blanco. A Libraría será tamén o punto de partida para facer un roteiro pola cidade vella percorrendo algúns espazos da homosexualidade na Idade Media compostelá. O acto faise no Día do Orgullo, Gai, Lésbico, Bisexual e Transexual. Máis información aquí: Amigos e sodomitas Santiago 2011 xuño.
A Coruña: actuación do proxecto de fusión artística Fuso Negro
O martes
28 de xuño, ás 20:30 horas, no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, 1) da Coruña, terá lugar unha nova actuación do proxecto de fusión artística Fuso Negro, no que Xoán Abeleira (voz e percusión), Karlos Barral (percusión), Bruno Couceiro (batería), Julio Cuns (guitarra) e Kale Thunström (baixo) e Tono Galán (obras, escenografía, fotos, vídeos…), fusionan música, teatro e poesía de vangarda.
Allariz: mesa redonda Lembrando a don Paco del Riego
O 28 de xuño, ás 20:30 horas, na Fundación Vicente Risco (Rúa San Lorenzo, 3, Allariz):
Vigo: Moita poesía, pouca diversión, con Lucía Aldao e María Lado
O
luns 27 de xuño, ás 20:00 horas, dentro da programación dos Vasos Comunicantes do festival Vigo Transforma, no Novo Tinglado, Lucía Aldao e María Lado achegarán o seu espectáculo Moita poesía, pouca diversión.
Agustín Fernández Paz: “A xeración dos 50 volve a Monteverde”
Entrevista
a Agustín Fernández Paz en Xornal:
‘”Esta novela [Non hai noite tan longa] é un axuste de contas comigo mesmo e coa miña xeración”, recoñece o escritor., recoñece o escritor. “Eu non son Gabriel Lamas. Non escapei, coma el, dunha situación que o afogaba, e por iso non experimento a súa carraxe. Pero si que teño a sensación de ter sido estafado. Vólveme cada vez que vexo unha película e comprobo que hai moitas imaxes que foran censuradas, ou cando consigo ver por fin algunhas que sabía de memoria polas revistas de cine e que xa non me serven agora. Pasoume hai uns anos con If…, a de Lindsay Anderson. Eu sabíao todo desa película por Triunfo, que lía todas as semanas, e por Film Ideal e Nuestro cine. Devecía por vela, pero era imposíbel. Cando a vin, despois de tantos anos, xa non me fixo graza. Pasáralle o momento”. (…)
Monteverde é Vilalba, pero tamén outras vilas nas que viviu Fernández Paz ao longo da súa vida, como Betanzos, Pontedeume ou Guitiriz. “Se quixese que o lector identificase o que conto con Vilalba, chamaríalle Vilalba. Non o fixen porque estas cousas acontecían en calquera vila galega –e creo que española– da época, talvez de maneira algo menos acusada na costa”. Os antagonistas cos que bate Lamas, como sucedería tamén en calquera outro lugar do estado español, son os mesmos que torturaran o seu pai. Descendentes sociolóxicos ou de sangue dos que se levantaran contra as aspiracións dos seus antepasados, de tradición anarquista. “Esa é a outra estafa. Repasa a lista dos altos cargos das institucións e dos consellos de administración das empresas e compáraa coa dos xerarcas do franquismo, a ver que pasa. Están todos os apelidos, seguen no poder. O das fosas comúns é o síntoma máis evidente, pero hai outras fosas, simbólicas, que tampouco queren abrir”.’
Tui: recital poético no 120 aniversario dos Xogos Florais de Galicia
“A
concellería
de Cultura do Concello de Tui conmemora o 120 aniversario da celebración na cidade dos Xogos Florais de Galicia, que tiveron lugar do 24 ao 26 de xuño do ano 1891 e que marcan un singular fito na historia de Galicia, ao ser o primeiro acto público celebrado integramente na nosa lingua. O programa destes actos comeza hoxe, venres 24 de xuño, cun recital poético que terá lugar ás 20:30 horas na igrexa de San Domingos de Tui e que contará cun recital poético de Alfonso Pexegueiro e no que se realizará a lectura de poemas do libro A cidade sen roupa ao sol, de Marga do Val, en recoñecemento ao seu recente Premio da Crítica, e contará coa actuación musical dos tudenses Fofinski the Chinaski.” Vía Galicia Hoxe.
Entrevista a Carlos Callón, nos Premios Xerais 2011
Entrevista a Carlos Callón, no marco dos Premios Xerais 2011 (Illa de San Simón, 11 de xuño de 2011).
