‘O
Consello de Estado da República de Cuba outorgoulle ao escritor e membro da Real Academia Galega (RAG) Xosé Neira Vilas (Gres, 1928) a medalla Alejo Carpentier, que recoñece os “relevantes méritos alcanzados” polo autor e o seu “labor no enriquecemento da cultura” nacional cubana e galega. Así o expresou onte o cónsul de Cuba, Alejandro Fuentes, quen entregou a insignia ao escritor galego nun acto celebrado na facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, ao que tamén asistiron o reitor da institución, Juan Casares Long, e a directora da Cátedra de Cultura Cubana Alejo Carpentier, Ana Chouciño. Neste escenario, emocionado, Neira Vilas dedicou este recoñecemento á súa muller, Anisia Miranda –falecida hai ano e medio–, e destacou os “lazos” que unen Galicia e o país que cualificou como a súa “patria paralela” e que fan posible a “existencia” dunha “simbiose cultural” presente en todas as disciplinas de saber. Deste modo, coincidindo coa celebración do 50 aniversario da publicación de Memorias dun neno labrego, a Universidade de Santiago (USC), a través de cátedra de cultura cubana Alejo Carpentier, tamén se sumou ao recoñecemento a “unha das plumas máis relevantes” da literatura galega que “pasou grande parte da súa vida na illa americana”, como expresou a directora do departamento, Ana Chouciño.’ Vía Xornal.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Ángel de la Cruz dirixirá a adaptación audiovisual das historias do detective Frank Soutelo
“O
director Ángel de la Cruz
adaptará para as pantallas coa súa produtora Artemática, a novela Lume de cobiza, a recente entrega do detective Frank Soutelo na súa primeira aventura en Galicia, obra do escritor e crítico cinematográfico Miguel Anxo Fernández, editada por Galaxia e actualmente nas librarías. (…) Na presentación da obra en Santiago, proxectouse un teaser do proxecto audiovisual da obra e a presentación da web de Frank Soutelo.” Vía Galaxia.
Cangas: recital poético dentro do II Festival de Cultura Proletaria
O
sábado 25 de xuño, a partir das 18:00 horas, no Centro Social “A Tiradoura” do barrio de Reboredo (Cangas do Morrazo), e dentro do II Festival de Cultura Proletaria organizado pola CUT, terá lugar un recital poético coa participación de Xosé Luís Méndez Ferrín, Xabier Cordal, Chus Pato e Xiana Arias.
Oleiros: recital de A porta verde do sétimo andar
O
sábado 25 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa Charry (Praza de Galiza, s/n.) de Oleiros, terá lugar un recital do Colectivo A porta verde do sétimo andar. Como parte do acto, presentaranse os Q de Vian, cadernos que promove o Colectivo, a aportación musical do cantautor Miguel Alonso e presentarase a novela de Kiko Neves O día que morreu Steve Macqueen. Unha novela de Xabi Ribax.
Entrevista a Xosé Cid Cabido, nos Premios Xerais 2011
Entrevista a Xosé Cid Cabido, no marco dos Premios Xerais 2011 (Illa de San Simón, 11 de xuño de 2011).
Convocado o XI Premio de Historia Medieval de Galicia
Convocado o
XI Premio de Historia Medieval de Galicia convocado pola Editorial Toxosoutos, coas seguintes
– Primeira. Poderán concorrer ao premio todos os autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos en lingua galega ou portuguesa. Os textos deberán ser inéditos cun mínimo de 150 folios a dobre espazo. Valoraranse o rigor, a innovación metodolóxica e o interese para a sociedade.
– Segunda. Os traballos de Historia Medieval de Galiza comprenderán toda a etapa medieval. Os traballos de Historia Medieval de Portugal cinguiranse ao período de historia en común.
– Terceira. Presentarase o orixinal e cinco copias antes do 1 de novembro de 2011en: Editorial Toxosoutos, Cruceiro do Rego, 2 – Obre, 15217 Noia (A Coruña).
– Cuarta. Con cada orixinal, que deberá ser presentado baixo lema, xuntarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor, así como o título da obra.
– Quinta. O premio considerará dúas clases de galardóns, nomeadamente, un gañador, ao que se lle asigna unha dotación económica de 4.000 euros, e un finalista, que recibirá unha cantidade de 1.200 euros. En ambos os dous casos, os traballos serán publicados pola Editorial Toxosoutos na súa colección Trivium, renunciando os autores aos dereitos da primeira edición, tanto en galego como noutras linguas de posíbel publicación por parte da devandita editora. Aínda que os premios poderán quedar desertos ou ser compartidos en calquera das categorías sinaladas.
– Sexta. O xurado estará composto por cinco especialistas de recoñecido prestixio, e actuará como secretario sen voto un membro da Editorial Toxosoutos.
– Sétima. O fallo do xurado darase a coñecer o día 17 de decembro, aniversario da morte do Mariscal Pardo de Cela.
– Oitava. O xurado poderá recomendar a publicación dos traballos que, aínda non sendo premiados, sexan de calidade.
– Novena. Os autores e autoras quedarán comprometidos a realizar as modificacións precisas nos documentos finais e/ou subministrar os arquivos de código fonte necesarios para que poidan ser publicados total ou parcialmente no formato máis adecuado.
– Décima. A participación nesta convocatoria presupón a aceptación das presentes bases, así como as decisións do Xurado, que serán inapelábeis.
Kiko Neves: “A feble Transición”
O Concello de Santiago organiza este ano a XXIX edición do Premio Blanco Amor de novela
Comunicado
do Concello de Santiago, do 22 de xuño de 2011:
“O Premio Blanco Amor de novela é organizado cada ano por un dos concellos adheridos ao mesmo e o organizador nesta edición, a número vintenove, é o Concello de Santiago.
Durante estes meses pasados o Concello de Santiago estivo xestionando a confirmación de participación do resto de localidades adheridas ao premio e o retraso nestas confirmacións non permitiu convocar oficialmente o Concurso. Dende o Concello lamentan profundamente as molestias que puido causar este retraso no calendario do Premio e anuncian que a convocatoria, á espera da confirmación oficial de dous concellos, farase nos vindeiros días.
O Premio Blanco Amor de novela longa foi creado no ano 1981, por iniciativa do Concello de Redondela. Forman parte da súa organización os concellos galegos que ao longo da súa traxectoria se foron adherindo a el. Cada convocatoria corre a cargo dun concello elixido por sorteo na edición do ano anterior de entre os adheridos que aínda non foron organizadores. No acto de entrega da XXVIII edición do Premio Blanco Amor celebrada o 24 de abril de 2010, no Concello de Poio, tivo lugar o sorteo do organizador da seguinte edición que recaeu no Concello de Santiago de Compostela.
O Concello de Santiago, tal e como lle corresponde, convidou a participar a todas as demais localidades e os trámites necesarios para estas adhesións alongaron un pouco o proceso pero obviamente, dende o Concello mantense o compromiso. Por iso, tan pronto chegue a confirmación oficial das dúas localidades que faltan poñerase en marcha o procedemento de convocatoria do premio, que consistirá na aprobación das bases do premio en Xunta de Goberno Local para a continuación publicalas no DOG, así como nun xornal de ampla difusión.
A partir de aí marcaranse as datas de recepción dos orixinais e o nomeamento dos membros do xurado e, entre dous e tres meses despois do peche do prazo de recepción de orixinais, terá lugar o fallo e a entrega do premio nun acto no que tamén se realizará o sorteo do concello organizador da seguinte edición. A pesar de que o Premio aínda non foi convocado, hai autores que enviaron xa os seus orixinais. Estes orixinais están custodiados debidamente e seranlle entregados ao xurado a non ser que algún dos autores quixera retiralos e presentalos de novo dentro do prazo oficial.”
Xavier Rodríguez Barrio: ‘Os recitais son a forma máis directa de facer chegar a poesía ao receptor’
Entrevista
a Xavier Rodríguez Barrio en Galiciaé:
“- Galiciaé (G): Fálenos deses outros proxectos…
– Xavier Rodríguez Barrio (XRB): Aparte de estar traballando na elaboración doutro poemario, que comecei dunha forma case paralela a este, e de desempeñar o cargo de coordinador de normalización lingüística na Deputación de Lugo; adiqueime á paixón que teño polo recitado, unha actividade que desempeñei xunto a Luciano Pérez. Xuntos fixemos unha montaxe musical moi moderna. Percorremos vilas e cidades de Galicia, Portugal; Madrid e Barcelona. Mesturábamos instrumentos como a zanfona recitando poesía moderna e contemporánea. Imaxínate o poema de Ferrín Magnolias recitado con instrumentación medieval. Tamén recitabamos outros autores como Manuel Cuña Novás, Tovar ou Manuel María, e mesmo os trovadores que foron homenaxeados no Día das Letras Galegas de 1998. Durante os anos 96, 97, e 98 recitamos unhas montaxes musicais cos clásicos e moitos dos contemporáneos; desde os precursores Curros, Rosalía… ata García-Bodaño e Manuel María. Son un grande amante dos recitais, é unha forma directa de facer chegar a mensaxe ao receptor. Prefiro que a xente escoite os meus poemas a que os lean. Baixo a miña opinión é a mellor maneira de divulgar a poesía, ademais cando publiquei o meu primeiro libro tiven a sorte coincidir dous grandes mestres nisto de recitar: Uxío Novoneyra e Carlos Oroza. (…)
– G: Como lingüísta, ¿como ve a saúde do galego na actualidade?
– XRB: A saúde do galego é boa comparandoa a cando eu comecei a escribir. Daquelas non había máis gramática que a de Ricardo Carvalho Calero e estaba en castelán: Gramática elemental del gallego común. E o único diccionario que había era o de Xose Luís Franco Grande, un tocho vermello publicado por Galaxia. Desde logo o avance é abismal a nivel de implantacion e saúde, o avance é infinitamente grandioso. Outra cousa e que a estas alturas, uns 30 anos despois da normalización lingüística debería haber un tipo de implantación máis avanzada da que hai. E desde logo o que o idioma estea baixo un constante sometemento aos vaivéns das lexislaturas dunha ou outra cor, facendo que unhas veces suba, outras baixe, outras oscile, outras quédase aí… É como o poema de Xosé María Díaz Castro, Un paso adiante i outro atrás, Galiza, / i a tea dos teus sonos non se move. Eu creo que o idioma ten que ser respeitado politicamente con independencia da cor que teña. É un apoio indispensable para a saúde perfecta, ideal e plena do idioma.”
Miro Villar: ‘O naufraxio dos afectos’
Entrevista
a Miro Villar en Galicia Hoxe:
‘(…) Ao seu ver, a “mercantilización do mundo literario está a chegar, ao meu pesar, ao mundo da poesía”. Exemplifícao con dous escritores que veñen de participar no Litvi, o encontro de literatura de viaxes que se está a celebrar en Compostela. “Que un autor como Antonio Gala teña unha lexión de seguidores máis grande que Julio Llamazares é algo que sorprende. A mercantilización do mundo literario acaba por desvirtuar o feito literario”, asegura. (…)
Mais logo de baixar aos infernos dos recordos e das perdas, o poeta reúne esas crebas para volver cunha mensaxe positiva: “cómpre volver á vida”. “Todo flúe no libro. Pero logo dunha primeira lectura pensei que podería quedar un pouso melancólico. Por iso quixen facer unha chamada á esperanza, para tratar de combater a derrota da nostalxia. Coma se as crebas cobrasen nova vida. Do mesmo xeito que aqueles que as recollen á beira do mar as utilizan como combustible. Toda creba, ao final, é un refugallo que se reutiliza”, explica Villar.
Aínda que a primeira vista, o poemario de Miro Villar está escrito en verso libre, en realidade, son un conxunto de sonetos. “O libro ten un truco: son 31 sonetos brancos en alexandrinos pero dispostos como prosa poética por unha razón estética: quería experimentar co que visualmente é o poema en prosa e demostrar que o soneto ten moita vixencia”, explica o autor.
Villar está convencido de que o soneto “está desprestixiado” hoxe en día. De feito, na súa opinión, “se este libro aparecese nas mans do xurado do premio na súa forma orixinaria, seguro que habería algunha razón para non ser premiado”, asegura.
Para o escritor de Cee, a clave está en “dotar o soneto de contidos máis acordes coa contemporaneidade, modernizalo porque ten un ritmo propio que neste libro, pola súa disposición, está disimulado pero moita xente xa o observou despois de lelo”, apunta o autor de Gameleiros.’