Francisco Rodríguez: “Había dúas estratexias enfrontadas, entre a dependencia e a hexemonía”

Entrevista de Xan Carballa a Francisco Rodríguez en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Por que son tan importantes as biografías de personaxes que sitúen a narración máis alá dos feitos históricos ou as análises de época, neste caso a de Fernando Ruis de Castro?
– Francisco Rodríguez (FR): O noso problema é que dá a impresión de sermos un país descabezado, que nunca tivo personaxes que mantivesen unha actuación colectiva e coordinada, cando os hai e son simbolicamente moi activos e importantes. Un dos xeitos de atravesar esa especie de deserto, que ademais ocupa todas as épocas históricas, e cubrir os espazos baleiros é recuperando figuras de homes e mulleres que foron representativas. Esa é a función das biografías.
Nas culturas normais pártese coa vantaxe de que todo o mundo ten un coñecemento, aínda que sexa tópico, e as biografías revisan, actualizan e mesmo estabelecen relacións co tempo presente. No noso caso, o criterio de realizar biografías do país descabezado é procurar que sexan sintomáticas do poder interno en cada momento, ou das clases dirixentes a prol de que Galiza existise e ao mesmo tempo comprobar o que nos poden dicir a nós, cidadáns do século XXI, esas vidas. Persoas que, ademais, podemos contemplar nas súas dimensións galega, europea e internacional. Saber que forzas estaban en xogo no seu momento, que papel cumpriron, que contribucións fixeron, que intereses contraditorios se debatían no seu período vital. Isto pode e debe facerse en calquera época histórica. Se facemos a biografía de Pedro Froila irrompe toda a estrutura de poder do reino de Galiza, ou con Xelmírez. Pero se vimos ao século XX ou XXI, non é o mesmo facer a perspectiva analítica do que representou Castelao na época da República e da visión do Estado español que tivo que analizalo desvalorizándoo a personaxe rexional, apenas un artista. Iso leva ao desprestixio e desconsideración do seu valor. As biografías desta etapa medieval amosan unha realidade conflitiva con dúas estratexias políticas enfrontadas, unha que levaba á dependencia e outra á hexemonía. (…)”

Henrique Monteagudo: “Temos menos falantes de galego pero máis conscientes e que consomen cultura de xeito moi distinto. Aí está o desafío”

Entrevista de Marcos Pérez Pena a Henrique Monteagudo en Praza:
“(…) – Praza (P): Que cambia en 1963, nese ano do prodixio, como destacades no número deste ano que conmemora o 60 aniversario da revista Grial?
– Henrique Monteagudo (HM): En 1963 cambian algunha cousas, e unha delas é que aparece unha nova xeración que xa non viviu a República. Cambia tamén o réxime, que abandona a autarquía e comeza o ‘desarrollismo’ e busca o seu ingreso nos círculos europeos, o que o induce a abrir un pouco a man en certas cousas. Por exemplo, autorízase a creación de asociacións culturais, que xogaron un papel fundamentalísimo nos anos seguintes. Deste xeito, a ditadura autoriza unha publicación como Grial, coa condición iso si, de que a metade da revista se publicase en castelán. Grial foi bilingüe ata 1975 e o primeiro número integramente en galego foi o que se publicou en 1976 no 25 aniversario da morte de Castelao.
Para a xente de Galaxia, a posta de marcha da revista era un gran triunfo. Unha das súas grandes preocupacións era que a nova xeración que nacera xa na ditadura non coñecía nada do que se fixera antes de 1936. Nese primeiro número de Grial aparecen xa Salvador García Bodaño, Arcadio López Casanova, Xohana Torres e Carlos Casares, o que é moi significativo e anticipa ademais a importancia que nos anos seguintes vai ter o movemento estudantil da Universidade. Os anos 60 son outro tempo e nese tempo é cando Grial pode saír.
– P: En 1975 non se produce un cambio de dirección na revista e tampouco muda especialmente a súa estética, pero entendo que a fin da ditadura si que introduce cambios na publicación, sobre todo nos temas tratados?
– HM: Na historia non avanzan todas as cousas de forma simultánea. Por iso, o que se produce é unha especie de décalage, de proceso paulatino. Aínda que o relevo na dirección da revista non se deu ata finais dos 80, moito antes Ricardo Carvalho Calero -que foi unhas das persoas fundamentais nas dúas primeiras década da revista- comezara a pedirnos aos estudantes traballos para Grial. Iso dá entrada a novas xeracións e tamén leva a unha progresiva especialización, con voces expertas en temáticas específicas. Aí aparecen en Historia os Villares, en Economía os Beiras, Fausto Dopico, María Xosé Rodríguez Galdo, ou Franco Grande.., e outros, dando lugar a contidos cada vez máis especializados, o que acaba sendo co paso do tempo un problema para a revista.
– P: Un problema en que sentido?
– HM: Un problema no sentido da tendencia que nesas décadas se dá no mundo intelectual da substitución dos autores e lectores polifacéticos polas sinaturas expertas en cuestións máis concretas, que escriben progresivamente dunha maneira máis especializada, abandonando aquel esforzo da alta divulgación, por chamarlle dalgún xeito, de persoas que coñecían un tema e que tentaban facerse comprender e levalo a un público máis amplo.
Nos últimos anos esta situación agravouse por mor da obsesión polas métricas e as puntuacións outorgadas no ámbito académico pola publicación de traballos. Un investigador ou investigadora, para poder facer carreira universitaria, ten que publicar en revistas que teñan unha determinada puntuación e nós sempre rexeitamos a posibilidade de converter Grial nunha revista dese tipo, porque lle quitaría dimensión social. A consecuencia é que un autor ou autora nova sabe que publicar un texto en Grial lle outorga moitos menos puntos que facelo nunha revista académica que nin se vai ler en Galicia. (…)”

Lois Pérez: “Unha das protagonistas foi alumna miña en Riotorto e faríame moita ilusión dar con ela”

Entrevista de Eva Cid Rivas a Lois Pérez en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): No libro fai unha crítica á sociedade occidental. Que opina do noso rol colectivo nas crises migratorias?
– Lois Pérez (LP): Como cidadáns estamos atrapados nunha contradición difícil de resolver. Unha das orixes do problema é o desigual reparto da riqueza, que fai que uns naden na abundancia e outros pelexen por vivir. Na medida en que a cidadanía tome conciencia desta cuestión, esixirá aos seus representantes que dean pasos para cambiar as cousas.
Por suposto, temos unha parte de culpa moi grande como sociedade, mais os poderes tamén promoven, de maneira interesada, a banalidade e o espellismo tecnolóxico para que deixemos de lado a realidade. Esta realidade é que a nosa vida ten o mesmo valor que a de calquera outra persoa na outra punta do planeta.
– ND: A separación das familias é recorrente no libro. Houbo algunha experiencia de alguén da súa contorna que inspirara esta historia?
– LP: Si. Unha das protagonistas é Alexandra, unha nena de ascendencia caboverdiana que vive en Burela. Esa nena hoxe terá sobre 20 anos. De feito, faríame moita ilusión dar con ela porque existe. Fun mestre seu en Riotorto hai 12 anos. Ela vivía soa con súa tía porque seu pai estaba embarcado no Gran Sol e súa nai estaba en Cabo Verde e ese é un dos motivos. O outro é pensar en todas as nenas e nenos que están separados por centos de miles de quilómetros de seus pais por supervivencia.
– ND: A ultradereita acusa as persoas migrantes de “vir roubar a Europa”. Cal é a súa visión sobre iso?
– LP: É unha visión moi frívola da realidade. Calquera sabe perfectamente que ninguén se xoga a vida, ninguén deixa a centos de miles de quilómetros os seus seres queridos, por vir delinquir. Tentan salvar a vida. Tentan salvar a xente que queren ou a da súa tribo. Tentan ser alguén, que é un dereito que temos todas e todos neste mundo. Todas temos dereito a ser.
A moita xente estáselle denegando ser no seu propio lugar de orixe. Esta visión que ten moita xente está directamente relacionada coa ignorancia e coa mala fe. Detrás de cada persoa agóchanse feridas de todo tipo. (…)”