Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
O Parlamento homenaxea Rosalía de Castro coa lectura da súa obra
Desde Nós Diario (foto do Parlamento):
“O presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, encabezou a homenaxe da institución á Rosalía de Castro polo aniversario do seu nacemento, na que se levou a lectura dunha parte da obra da escritora, a cargo de alumnado do CEIP Rosalía de Castro de Padrón.
Santalices afirmou que “Rosalía pode e debe estar sempre presente no Parlamento de Galiza”, e enmarcou a importancia da súa figura no contexto do corenta aniversario do Parlamento.
“A Galiza das últimas décadas é protagonista dun rexurdimento intenso que se manifesta en todos os ámbitos: no cultural, no lingüístico, no económico ou no político”, engadiu o presidente da cámara democrática galega.
Para Santalices, ese rexurdimento non tería sucedido “sen a sementeira principiada por Rosalía de Castro, e por tantas e tantos outros, pero singularmente por Rosalía, que coa súa obra, e mesmo co seu exemplo, activou os resortes que sustentan o noso amor propio; o orgullo de ser galegos, a conciencia de ser donos do noso futuro, saber que temos unha lingua propia, agarimosa e nobre”.
O presidente do Parlamento galego asegurou que “somos herdeiros de Rosalía e estamos en débeda con ela”.
Tamén chamou a asumir como propia unha reflexión de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado nesta edición do Día das Letras Galegas, dirixiu ás súas amizades en 1977. “A Galiza é o primeiro, debe estar por enriba de todo no noso corazón, no noso pensamento e nas nosas accións. Este sentimento, sempre vixente, cada vez máis vixente, non se opón, máis ben os reforza, aos vosos ideais sociais e políticos”.
No acto, ademais de Santalices, participaron o presidente da Fundación Rosalía de Castro, integrantes da Mesa da Cámara e dos grupos parlamentarios, o conselleiro de Cultura, a presidenta do Consello da Cultura Galega, a valedora do pobo e o presidente da Real Academia Galega, entre outros.”
Lugo: Antom Fortes Torres presenta Gris Cinza / Barbárie, Crisântemos e um Urbano Lugrís
A Coruña: conferencia “Introdución á cultura galega (continuación)”, por Felipe Senén, o 24 de febreiro
A Coruña: Día de Rosalía de Castro 2022
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, en colaboración coa A. C. Alexandre Bóveda e a Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, celebra o Día de Rosalía 2022 na Coruña, o 23 de febreiro, ás 17:00 horas, diante do Teatro Rosalía, coa lectura do manifesto da AELG pola súa autora, Beatriz Maceda Abeleira, e unha posterior lectura pública da obra de Rosalía, con actuación musical a cargo de Os Peregrinos e Lia Palmina.
Lugo: Día de Rosalía de Castro 2022
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, en colaboración coa Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, celebra o Día de Rosalía 2022 na cidade de Lugo, o 23 de febreiro, ás 12:00 horas, no Parque de Rosalía de Castro, coa lectura do manifesto da AELG escrito por Beatriz Maceda Abeleira, e unha posterior lectura pública de poemas de Rosalía.
Vigo: Día de Rosalía de Castro 2022
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, en colaboración coa Asociación Cultural O Castro, celebra o Día de Rosalía 2022 en Vigo o 23 de febreiro, ás 17:00 horas, na Imprenta de Juan Compañel (Rúa Real nº 12), onde se colocará unha ofrenda floral a Rosalía. Posteriormente, no mesmo enderezo (Rúa Real, nº 12), no local da Asociación Cultural A Revolta, lerase o manifesto da AELG escrito por Beatriz Maceda Abeleira e poemas de Rosalía de Castro.