Poesía e retrato, da man nunha exposición sobre Xela Arias

Desde Nós Diario:
“O proxecto expositivo da Vicepresidencia da Deputación de Lugo Xela Arias. A poesía do retrato presentouse no Pazo de San Marcos (Lugo). Trátase dunha mostra composta por textos poéticos da autora homenaxeada nas Letras Galegas 2021 xunto aos retratos realizados polo fotógrafo Xulio Gil entre 1988 e 2001, que se complementa cun catálogo.
A exposición consta de 20 imaxes en branco e negro que dialogan con cadanseu texto poético. Esta mostra amplíase até as 53 no catálogo que a acompaña.
As fotografías retratan a poeta Xela Arias posando con determinación e sen artificios para o obxectivo de Xulio Gil, no seu período vital dos 26 aos 40 anos.
“Hai moi poucas fotografías que sexan roubadas, que sexan do doméstico, en xeral, son fotografías que recollen posturas ou posados nos que ela controla a imaxe que quere transmitir”, sinalou o autor na presentación. Tamén aludiu ao proxecto poético Tigres coma cabalos como “precedente da relación artística entre ambos”.
Pola súa banda, a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, indicou que esta é “unha fórmula explosiva que responde á vontade de sacar a poesía de Xela Arias á rúa; de sacar o lector da cadeira, como ela mesma ten dito e feito a través de recitais e doutras intervencións que achegaban a poesía a linguaxes e públicos diferentes”.
A exposición comezará o seu percorrido polas comarcas do nordeste do país, o día 1 de maio, en Sarria, a localidade natal da autora, e estará instalada en paneis distribuídos polo centro da vila até o día 20.
A continuación a mostra viaxará á cidade de Lugo, o 21 de maio; a Chantada, o 22 de xuño; Monforte de Lemos, 9 de xullo; Viveiro, 3 de agosto; e a Ribadeo chegará o 27 de agosto, onde quedará até o día 27 de setembro.”

Julio Negueruela, ‘Jamas’, de Dios Ke Te Crew, publica o seu primeiro libro

Desde Nós Diario:
“”Amenceu asollado, respírase un ambiente a campamento de verán. Un can pasea o seu dono polo Home Santo, un peregrino perdido contempla en silencio a catedral. Nun restaurante baleiro, catro paisanos recollen un pedido de comida para levar. Vinte e sete cañas despois, abandonan o local sen o sándwich mixto. O protocolo de confinamento comeza de xeito normal”.
Así comeza o Diario dun pirata confinado, o primeiro libro de Julio Negueruela, máis coñecido como ‘Jamas‘, integrante do grupo de rap Dios Ke Te Crew. A Editorial Urutau publica este escrito onde o autor narra os seus pensamentos e vivencias durante o confinamento.
“A idea deste libro xorde o día 14 de marzo de 2020, de maneira espontánea, no coche, cando ía á compra coa miña parella escribín o primeiro capítulo no móbil e aí foi onde me propuxen este caderno de bitácora, que durou os tres meses”, explica o escritor en conversación con Nós Diario.
Os capítulos, escritos ao día, entrelazan varios xéneros “onde prima sobre todo a narrativa, mais tamén hai pinceladas de poesía e ensaio”, combinando a realidade e a fantasía. “A xente que o lea poderá pensar que hai feitos que semellan fantasía, mais son reais”, apunta.
Os textos foron creados en lugares como “a terraza e a bicicleta estática do piso dos meus sogros, onde pasaba o tempo entre quintos e cigarros”. Para poder matizar os escritos “utilizaba o tempo que me deixaba as sestas da miña nena, que por aquel momento tiña 18 meses, e pola noite rematábaos para o día seguinte continuar co próximo capítulo”, conta.
Negueruela escribiu desde o 14 de marzo até o 15 de xuño do ano pasado, “mais a idea era que fose até o día 21 de xuño, co final do estado de alarma decretado polo Estado español. Cando Feixoo anunciou que tres días despois da súa comparecencia comezaría a ‘nova normalidade’ no país trastornoume os plans, porque tiven que descartar ideas que tiña pensadas para os dez días restantes”, explica o autor.
O resultado é un libro “sen ningún tipo de censura, nin pola miña parte nin pola editorial, onde expoño a miña opinión e reflexións sobre o exército, a Garda Civil, a Igrexa e mesmo a CRTVG”, indica o escritor. Pódese apreciar certa evolución no comezo do libro, “xa que os dez primeiros capítulos son máis curtos, malia ningún ser moi longo”, apunta o artista. A publicación “pódese ler por capítulos soltos, mais para entender certos aspectos, personaxes e detalles, o público debería lela do comezo ao final”, sinala Negueruela.
O escritor e integrante do grupo de rap galego Dios Ke Te Crew comenta co xornal o “duro que resultaba no confinamento explicarlle á miña nena que non podiamos saír á rúa cando nos sinalaba as chaquetas. Agardo que, de cara ao final do verán, poidamos volver aos escenarios co grupo e poder levala para que se divirta como o facía antes, danzando e gritando o nome do grupo como ela fai ‘Dios que te quiu'”, relata.
Negueruela avanza que o grupo está a preparar diversos contidos dixitais para “seguir dándolle ao público a esencia de Dios Ke Te Crew”, conclúe.
O primeiro libro de Julio Negueruela, Diario dun pirata confinado, conta co prólogo da escritora galega (e referente para o escritor) Teresa Moure, quen se declara “papagaia-amiga do pirata” e describe este lanzamento como “a primeira bala dun kalashnikov cargado de ácida retranca”.
O prólogo encantoulle ao autor “desde o comezo até o fin e, quen me coñece e o leu, comentáronme abraiados o ben que me calou Moure”.”

“Xela Arias desde a intimidade da palabra”

Desde Nós Diario:
“”O amor é morte antiga”, dicía Xela Arias. “E parecía que levabas contigo toda a tristeza do mundo”, prosegue Emma Pedreira.
Xelarias está ateigado de “conversas” así. Xoga á transgresión, a reconstruír unha vida xa de seu transgresora a partir das pistas deixadas nos poemas de Xela Arias. Mais, sobre todo, é un orixinalísmo diálogo entre dúas poetas que non chegaron a atoparse en vida e que, daquela, aproxímanse a través da escrita.
“Ela marchaba cando eu chegaba á poesía”, recoñece Pedreira. “Nunca coincidimos e, aínda que creo que si houbo algunha oportunidade, eu era tan tímida que a desaproveitei. Mais vinte anos despois, grazas a este libro, puidemos encontrarnos a través da escrita. O interesante dunha poeta son as palabras que deixa escritas e esta conversa atravesa todo o que me tería gustado falar con ela a partir das súas palabras, da obra poética e tamén de entrevistas, de autopoéticas… Non só hai versos neste libro, tamén hai moita Xela oral, moita desa palabra en liberdade da que ela gostaba”.
Reconstruír a vida dunha poeta a través dos seus escritos é, cando menos, atrevido, mais Pedreira aceptou o desafío: “Gústanme os riscos. Suponse que no ano en que se lle dedica o Día das Letras a unha autora van saír moreas de publicacións e biografías que van contar a vida e a obra dunha forma seria, académica e coidada. E eu estaba buscando outra forma de achegarme. Procurei que o libro, ademais de ser unha peza de coñecemento e entretemento, fose un obxecto artístico. Por esa vía buscamos o que ninguén ía facer, sen invadir o espazo de persoas que si a coñeceron ou que estudaron a súa obra dun modo sistemático e que van falar con máis rigor científico que nós”.
En Xelarias está moi presente unha estética da colaxe que evoca os fanzines da época e que se transmite tamén a un texto construído a base de retallos, de citas e respostas, de fragmentos que compoñen un cadro poliédrico, talvez en consonancia coa escrita da propia Arias. “Xela o que facía era colaxe: deconstruía a palabra e a sintaxe e, a maior escala, o discurso. Ela rompía as formas do equilibrio para crear unha nova composición”, subliña Pedreira, “e nós apostamos por seguir esa liña a todos os niveis. Xogamos cos textos, coas imaxes e até convidamos o público lector a que faga o mesmo: hai unha páxina na que se poden recortar fragmentos para logo colar na seguinte. Nese sentido, quixemos ser activas na lectura e seguir o seu método de escrita”.
Esa estética alternativa foi unha constante vital na biografía e na obra de Xela Arias, unha proximidade ao underground que podería perderse se tratamos cun exceso de academicismo a súa figura: “Eu agardo que non”, di Pedreira, “porque a súa imaxe é moi recoñecíbel: chupa de coiro, pelo revolto, mirada desafiante… E, ao mesmo tempo, a súa obra reflectía ese sentir. Creo que é mellor que Xela non entre nas institucións, que sexan as institucións as que saian á rúa para atopala. O seu caso é moi próximo ao de Lois Pereiro, que segue sendo un referente moi potente. Eles estaban dentro do sistema literario, mais nas marxes, porque desde alí existe unha perspectiva diferente. Creo que a recepción que está habendo é consciente da importancia desa estética e desa actitude vital. Paréceme básico que todo iso se nomee, que non se converta a Xela Arias en algo que non era”. (…)”

Xabier Domínguez, Antela Editorial: “Hai pais e nais que falan castelán mais queren que os seus fillos coñezan a nosa lingua”

Entrevista de Antón Escuredo a Xabier Domínguez en Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): Como nace esta editorial?
– Xabier Domínguez (XD): Xunto a un grupo de amigos e a miña compañeira, Alba de Evan, escribimos literatura infantil e xuvenil, con varias publicacións, e notamos que faltaba unha editorial 100% galega. Hoxe en día moitas empresas, sobre todo as grandes, externalizan todo e producen fóra para abaratar custos. A nosa intención foi, desde un principio, que desde o deseño até o prelo, todo o proceso, se fixese na Galiza.
Alba mais eu somos mestres e queriamos desenvolver a parte educativa. Libros hai moitos, mais non predominan aqueles que traballen en valores, que fomenten a solidariedade e o respecto polo medio ambiente. Por iso, pretendemos que os nosos libros sexan reciclados. De feito, a caixa de envío das obras fíxose con cartón reempregado e a propia caixa convértese nunha casiña para que xoguen as nenas e os nenos, para dar unha segunda vida.
Os custos de edición son maiores mais como a idea non é facernos ricos, queremos un produto que nos veña de dentro e poida achegar algo… facémolo con agarimo. Tamén queremos mudar as porcentaxes tan baixas que levan as autoras e os autores así como as e os ilustradores, todas agora mesmo ao redor dun 10%. Para conseguilo aforramos en distribución. (…)
– ND: Como ven o momento actual da literatura infantil e xuvenil galega?
– XD: A literatura infantil e xuvenil ten un tratamento como “de segunda división”. Colle cada vez máis importancia e é fundamental o seu papel porque se non se le desde pequenos non haberá lectores adultos. É moi importante para as cativas e os cativos a nivel emocional e de crecemento persoal.
– ND: Aínda así, ese segmento de lectoras e lectores é o que máis vende, non?
– XD: Si. Cada vez hai máis editoriais de adultos que se meten na literatura infantil e xuvenil. Hai moi boas escritoras e escritores e estase a pór en valor. Quero crer que hai pais e nais que falan castelán, mais están sensibilizados e queren que os seus fillos coñezan a nosa lingua. As estatísticas din o contrario, non sei, é contraditorio.
– ND: É difícil crear e manter unha editorial no rural?
– XD: Por un lado temos moitas dificultades, partindo da propia calidade de internet no rural, que é mala. Despois, en Vilar de Barrio non dispomos de servizos básicos como correos e temos que desprazarnos a Xinzo de Limia ou até Ourense, cando facemos os envíos. Mais iso si, notamos que para a xente é algo positivo. Alégranse de que haxa vida no rural máis alá de dedicarse á agricultura e á gandaría. É importante que se saiba que hai posibilidades de traballo alén das máis coñecidas.”