Un futuro habitable, por David Rodríguez

Artigo de David Rodríguez en Nós Diario (foto do autor, do mesmo Nós Diario):
“A vaga de incendios que está a asolar o noso país este agosto ten de novidoso o número de hectáreas calcinadas e a sensación preocupante de estarmos aínda a unha altura do calendario no que fica o suficiente verán por diante como para que os datos de superficie devastada sexan aínda máis avultados. Son os novos fogos do cambio climático e do mundo pos-rural: xigantes, virulentos e dificilmente controlables cos medios que ofrece o paradigma dos estados adelgazados neoliberais e das condicións de traballo precarias.
As imaxes dos accesos por autovía e tren a Galiza, rodeados de lapas, son un torpedo na liña de flotación de dúas das principais apostas propagandísticas da inane acción do goberno Rueda: Galiza como paraíso turístico para madrileños e Galiza como “refuxio climático”. Nin á Galiza paradisíaca dos valos publicitarias e dos reels de Instagram –que ninguén recoñece cando a contrasta co calamitoso estado no que se atopa o medio natural galego– nin ás elucubracións dos cargos da Xunta sobre unha suposta excepción galega ao avance imparable do cambio climático en todo o sur de Europa do que formamos parte lles senta nada ben a sucesión extraordinaria de noites tropicais e a luz espectral das aldeas envoltas en fume encarnado.
Na liña habitual, o discurso da Xunta e do PP consiste en botar balóns fóra, quer culpando o Goberno central por non actuar nun ámbito no que as competencias están transferidas, quer axitando a pantasma do “terrorismo incendiario”, ou calquera outro eufemismo, co fin de evitar toda lectura crítica estrutural do acontecido e de enmarcar o asunto no campo da responsabilidade individual e penal. Este absentismo da Xunta, agardando que a papeleta a solucione a acción doutras administracións ou a autoorganización da xente de a pé que, como pode, defende as súas casas da chegada das chamas, está a adquirir un verniz sinistro e criminal.
O que se pon en xogo nestas vagas de lume, e o reto que vai supoñer a crise ecolóxica para o noso territorio e os da nosa contorna, non é só a perda de biodiversidade nin a erosión dun chan que tarda décadas en rexenerarse, senón tamén a posibilidade de imaxinar un futuro habitable para os que aquí moramos. Se o Goberno de Rueda non ten a capacidade, ou a vontade, de empregar as institucións públicas para que nese futuro habitable tamén se escriba a historia do noso país, o que debe facer é dimitir por incompetencia ou, o que é peor, por neglixencia.”

Aquiles, Obelix e Rueda, por Xoán Costa (editorial de Nós Diario)

Artigo de Xoán Costa no Editorial de Nós Diario:
“A historia da humanidade está tecida de mitos que explican, simbolizan ou cuestionan o poder. De Aquiles a Obelix, os relatos insisten en que non existe forza sen fraxilidade. Aquiles foi mergullado no río Estixia para o facer inmortal, mais o calcañar quedou á intemperie. Obelix caiu na marmita do druída e gañou unha forza permanente, mais tamén unha prohibición: non volver beber a poción. Ambos condensan o paradoxo do liderado e mostran que a aparencia de invulnerabilidade depende sempre dun punto fraco.
Alfonso Rueda, presidente da Xunta e herdeiro político de Feixoo, ergue hoxe o seu liderado sobre unha panela xa feita: a continuidade dun poder consolidado. Mais ese mesmo capital pode ser tamén a súa condena se non logra mostrar respostas novas. E todo indica que non pode, ou non as está a oferecer. A vaga de incendios que volve situar Galiza no mapa da emerxencia pon a proba a súa xestión, e a resposta dada semella repetir esquemas de anos pasados.
Rueda encarna un liderado que aparenta invulnerabilidade, mais en momentos críticos como estes revela zonas fráxiles. O lume é hoxe o seu punto fraco. En política, como na mitoloxía e na banda deseñada, non hai heroes invulnerábeis. Todo ten o seu calcañar. E na Galiza, cada verán, o monte arde para nos lembrar que o mito da invulnerabilidade non ten futuro.”

Compostela: faladoiro “Narrativas á volta da terra-territorio no noroeste peninsular e no centro da Amazonía”, con Diego Amoedo Martínez

O 28 de agosto, ás 19:00 horas, no Auditorio do Museo do Pobo Galego, o antropólogo Diego Amoedo Martínez ofrecerá un faladoiro titulado Narrativas á volta da terra-territorio no noroeste peninsular e no centro da Amazonía. A conferencia pecharase cun coloquio aberto para debater conxuntamente sobre estas cuestións.

Esta conversa forma parte do ciclo Faladoiros en Bonaval, que se desenvolverá a partir de agosto no Museo do Pobo Galego. Acceso libre até completar a capacidade.

Árbores que falan, por María Reimóndez

Artigo de María Reimóndez en Nós Diario:
“Imaxino que para as árbores, as palabras humanas non significan gran cousa. Porén, as árbores falan cos feitos. Eses que ignoramos a cada paso, simplemente porque as súas experiencias vitais son o contrario ca as de moitos seres humanos.
As árbores non son obxectos, tema que cómpre lembrar cada día: son seres vivos. O feito de que non bruen nin sangren fai que a nosa empatía cara a elas sexa aínda menor ca a que amosamos cara aos animais. Mais o certo é que este planeta no que estamos foi creado por bacterias para a vida vexetal. O resto foi unha concatenación de feitos da que os seres humanos cada vez semellamos ser o seu peor resultado.
Fronte ao afán de construír colectividade das árbores, o noso afán destrutivo capitalista pon en perigo todo o que paga a pena. O desprezo polas árbores vai da man do desprezo por culturas de todo o planeta que buscan deixar a mínima pegada no que as rodea, culturas que, imitando as fragas e bosques, buscan existir sen producir nin consumir como obxectivo final. E, loxicamente, as árbores producen algo tan nimio coma a propia vida mentres nós as vemos como recurso, acugulamos rego tras rego de eucalipto ou piñeiro sen máis consideración.
Nos espazos que crean as árbores e non os seres humanos, entran colectividades e individualidades de seres vivos, disputas pola luz ou pola auga, pero sobre todo a colaboración para crear diversidade. Porque as árbores son quen de sentir por todo o corpo (tamén o lume), comunícanse de formas moi complexas, mediante compostos químicos, por asociacións con fungos.
Agora que a fraga cala e só se sente o crepitar do lume, que dirán as árbores coas súas derradeiras palabras? Que ecosistemas serán quen de crear convertidas en cinsas (porque cando morren doutro xeito, seguen creando vida). As árbores, a diferenza das persoas, son a base da vida e a súa ollada pausada e reflexiva debería facernos cambiar de rumbo en absolutamente todo o que facemos como especie.
Mentres non entendamos isto, as nosas políticas forestais seguirán rexidas por quen observa un obxecto do que tirar partido, por quen non coida porque para que, por quen quere expulsar as persoas que poden protexer as árbores no seu hábitat compartido, por quen quere implantar proxectos de lucro no territorio, por quen só pensa no cazo e non na vida que se esfarela en faíscas. E aí é onde as persoas debemos erguer a voz e a man no seu nome agora e cada día.”