Estas son algunhas das fotografías do acto do Día de Rosalía de Castro 2019 en Vigo, que tivo lugar o domingo 24 de febreiro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Estas son algunhas das fotografías do acto do Día de Rosalía de Castro 2019 en Vigo, que tivo lugar o domingo 24 de febreiro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Estas son algunhas das fotografías do acto central do Día de Rosalía de Castro 2019 no Panteón de Galegos Ilustres, que tivo lugar o domingo 24 de febreiro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Estas son algunhas das fotografías do acto do Día de Rosalía de Castro 2019 en Lugo, que tivo lugar o domingo 24 de febreiro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí (as fotos son de Alba Díaz).


Pode descargarse o cartaz en formato .pdf aquí.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro.
Para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.
Para a edición de 2019 Ana Romaní é a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, que terá lugar o propio domingo 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG. así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas que a entidade remitirá a concellos, asociacións, centros de ensino.
*Manifesta que escribe, escribe, escribe. E a escritura é unha acción.
*Manifesto eu que escribir ela así no seu tempo é unha acción contra os grillóns da escravitude. Libre o seu pensamento
*Manifesta o poema
o espolio dunha perenne miseria,
as violacións a roupa de cote puñéronma en tiras,
a inxustiza social sin abrigo tembra,
os desafiuzamentos embargaránnos todo,
o abuso laboral que se amargo pan vos ganan / dádesllo envolto en veneno
os éxodos en errantes hordas.
Do XIX ao XXI
*Manifesto eu que un poema con palabras da lingua que eu falo –que non é aquela que bastardean nas mais ilustradisimas provincias– aínda hoxe é un Manifesto. A miña infeliz patria tan desventurada
*Aqués que tén fama de honrados na vila. Galicia. Ano 2017. 82 agresións sexuais
raposos de sangre maldita. Galicia. Ano 2017. 6436 denuncias por violencia de xénero
vendéume a xusticia. manda, manda, manda, fato, rabaño
Dun golpe!
– Manifesta acción o poema –
*Na xa vella baranda un corpo fala. Arrima o seu seo e no frío da reixa tatúa incisións. Traspasa as nosas carnes.
*Estas migallas de liberdade. Alertou. Tenteamos nós compracentes os rostros que nos cegan.
*Aquelas escuras e valerosas heroínas que viven e morren levando a cabo feitos marabillosos por sempre ignorados. – Manifesta que existen –
*De humanos seres a compauta linea polas fronteiras pechadas en columnas nómades, en fronte o arame.
Do XIX ao XXI
*Escrito en medio de todos-los desterros. – Manifesta que sabe que non a escoitan –
*Do meu dor sin igual i a miña afrenta traidora se mofaban. Prende o computador, algún dispositivo. Ladran.
*Manifesta que o poema é o lugar onde a voz afía a sombra.
*Indóciles nos camiños desertos eses versos.
*Cantos de independencia e liberdade. Manifesto.
*Acción que se inunda e anega. Cantarte hei
Ana Romaní
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#LibreOMeuPensamento_rdc_19
O Manifesto pode descargarse en formato .pdf aquí.
Nesta ligazón poden descargarse tamén as indicacións sobre a procedencia dos versos rosalianos utilizados no Manifesto.
Actos promovidos pola AELG
Acto central
O 24 de febreiro. ás 12:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago, vai ter lugar o acto central do Día de Rosalía, con entrada libre.

O domingo 24 de febreiro, ás 12:00 horas, terá lugar o acto central do Día de Rosalía, con entrada libre. Este é o programa:
– Coral da Asociación cultural e musical Solfa
A Rosalía Letra: Manuel Curros Enríquez
Música: J. Alfredo Oliveira
– Coral da Asociación cultural e musical Solfa
Cantiga do meu muíño Letra: Fiz Vergara Vilariño
Música: Baldomero Iglesias, arranxos F. Tobar
– Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias
– Lectura do Manifesto da AELG
– Lectura de poemas rosalianos
Amelia García Hervella
Carlos Jiménez
Luz Méndez
Marga Pazos
Ana Pérez
Belén Regueira
Eva Sandino
Pilar Leiva
Aldara Lueiro Oliveira e Mencia Iglesias Otero, e Xerardo Rodríguez e Paco Susavila
Lucía Veciño
– Coral da Asociación cultural e musical Solfa
Has de cantar Letra: Rosalía de Castro
Música: Antonio B. Celada Alonso
– Coral da Asociación cultural e musical Solfa
Na beira do mar Letra: Rosalía de Castro
Música: Antonio B. Celada Alonso
– Ofrenda floral
– Interpretación do himno
Alén deste acto central, a AELG, en colaboración coa súa base asociativa, organiza lecturas públicas da obra de Rosalía de Castro.
En todos estes actos lerase o tradicional manifesto da AELG, que este ano elaborou a escritora Ana Romaní.
A Coruña
A AELG e a A. C. Alexandre Bóveda realizan unha lectura pública da obra de Rosalía, o domingo 24 de febreiro, ás 18:00 horas, diante do teatro que leva o seu nome, na rúa Rego de Auga, o Teatro Rosalía de Castro.
Convidámoste a achegarte para participar lendo a obra da nosa poeta máis universal. Se tes escollido o poema que queres ler fáinolo saber neste correo: secretaria.xeral@aelg.org e xa cho reservamos.

Lugo

Vigo
O 24 de febreiro, ás 18:00 horas, terá lugar unha ofrenda floral na imprenta Juan Compañel (Rúa Real, 12), e posteriormente terá lugar unha ruada até o local da Federación de AA. VV. Eduardo Chao (Praza da Princesa, 7, 2º). Este acto está coorganizado pola AELG e a Asociación Cultural O Castro.

Arteixo
Os 19 e 22 de febreiro, ás 11:00 horas, na Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal”, Ana Hermida (Lisístrata Asociación) achegará a figura de Rosalía ao alumnado do IES Manuel Murguía con “Tecín soia a miña tea”, cunha Rosalía loitadora, feminista, comprometida e dona dunha obra de inmensa valía.

Este ano celébrase a quinta edición do concurso de poesía en homenaxe a Rosalía de Castro, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Arteixo a través da Rede Municipal de Bibliotecas. Haberá 12 nenas e nenos que recitarán a súa propia obra, de entre 8 e 12 anos, que levarán un agasallo pola súa partipación, outro por cada unha das tres categorías e a persoa gañadora recibirá o premio final. Ana Hermida dará lectura ao Manifesto da AELG e tamén fará unha dramatización da obra á Rosalía de Castro, mentres delibera o xurado composto polo Clube de Lectura da Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal”.
A cita con Rosalía e coa poesía será o sábado 23, na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 11:30 h. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforamento.

Bertamiráns, Ames

Betanzos
Desde o Concello de Betanzos, como en anos anteriores, súmanse á celebración do Día de Rosalía cunha programación ao longo de todo o mes de febreiro que terá como acto central unha gala o 22 de febreiro.


Boiro
Durante o acto de presentación do libro Xeración perdida. Representatividade institucional e represión. As corporacións municipais da provincia da Coruña na II República, nun acto que terá lugar o venres 22 de febreiro, ás 20:30 horas, no Centro Social do concello de Boiro (R/ Principal, 77 – Boiro), haberá unha lectura de poemas da Rosalía de Castro. Podedes traer os vosos textos e participar coa vosa lectura nesta homanaxe.

Cervo
O 24 de febreiro, ás 12:00 horas, a A. C. R. Fervenza de Sargadelos organiza un acto de presentación de varias obras de Antía Yáñez, sumarase á lectura do Manifesto da AELG.

Cospeito
O 24 de febreiro, no Museo das Aves de Cospeito, terá lugar un acto organizado polo Concello de Cospeito e Culturalia GZ, en colaboración coa AELG, que consistirá primeiramente na lectura do Manifesto elaborado por Ana Romaní. Deseguido virá o momento do recital de poemas rosalianos ou de autoría da/-o participante e que aludan á autora homenaxeada. Ademais dun grupo de poetas convidadas/-os, tamén se contará coa participación de estudantes do centro de ensino de Cospeito e/ou arredores e calquera outra persoa que desexe recitar ou amosar o seu aprecio pola figura de Rosalía.
Para a divulgación deste evento cóntase coa cesión dunha imaxe de Rosalía realizada dixitalmente pola artista Adolfina Mesa, quen tamén traballou na elaboración do cartaz anunciador. Ao remate do acto tamén se ten previsto a entrega de diplomas ás persoas participantes para deixar constancia da súa intervención neste día de celebración rosaliana.

Fisterra

Fundación Rosalía
Así serán as actividades organizadas pola Fundación Rosalía do 21 ao 24 de febreiro, alén das convocatorias globais da Alborada de Rosalía e o Caldo de Gloria:
21 de febreiro
11.00. Casa-Museo: plantación do Carballo de Gernika na horta da Casa. Nela participará a Presidenta das Juntas Generales de Bizkaia, Ana Otadui.
20.00. Auditorio de Rois: presentación do número tres de Follas novas. Revista de Estudos Rosalianos.
22 de febreiro
12.00 Concello de Padrón: Ofrenda floral, pasarrúas, recitais e concertos.
20.00 Auditorio de Padrón: interpretación poética, concertos, etc.
23 de febreiro
13.00. Casa-Museo. Estrea da peza musical escrita por Loliña Mosquera “Caldo de groria”, interpretada pola Banda de Padrón e a Coral Padronesa.
24 de febreiro
En Compostela:
11.00. Praza de Vigo: primeira alborada de Rosalía
11.30. Estatua da Alameda: inicio da marcha cara ó Hostal
12.00. Hostal dos Reis Católicos: ofrenda na pía e acto institucional con:
– actuación dun grupo de escolares de primaria de Ponteceso
– intervencións institucionais con lectura de textos rosalianos
– actuación musical de Canto d´Aquí
– peche coa Alborada de Rosalía
En Padrón, na Casa de Rosalía:
17.00. Acto de peche das Converxencias Galicia/Portugal, con actuación do grupo portugués Canto d’Aqui
19.00. Caldo de Gloria aberto ao público, elaborado pola escritora Ledicia Costas.
Guitiriz
O sábado 23 de febreiro, ás 19:00 horas, na Casa Habaneira, e no marco do acto de entrega dos premios do #CertameVilariñas2018 e a homenaxe a Alfonso Blanco, presidente da A. C. Xermolos, terá lugar un acto poético e musical polo Día de Rosalía de Castro 2019.

Oleiros
O domingo 24 de febreiro, o Teatro As Torres de Santa Cruz acollerá un acto de homenaxe á poeta, no que ademais as persoas gañadoras do Premio Literario Descubrindo Oleiros recibirán o premio. O acto terá lugar ás 12:00 horas. Farase unha homenaxe a Rosalía coa actuación de Ramiro Neira e coa participación de alumnos e alumnas do obradoiro Cóntame un Conto realizarase unha interpretación dalgúns dos contos gañadores noutras edicións.
Ourense

A Facultade de Ciencias de Educación, a Biblioteca Rosalía de Castro e a Vicerreitoría do Campus de Ourense organizaron para o luns, 25 de febreiro, unha xornada conmemorativa do Día de Rosalía. Entre outras actividades convócase un concurso de decoración libre de máscaras e “pensamento”. Pódense consultar as bases e descargar a imaxe para a máscara aquí.
Outeiro de Rei
A Casa-Museo Manuel María organiza unha pequena homenaxe popular, o domingo 24 de febreiro, ás 12:30 h, frente á Casa-Museo, en que se intercalará a música co recitado e a lectura de poemas de Rosalía.
A maneira coa que se pode participar nesta actividade pode ser calquera destas:
– Alborada para Rosalía. Cada grupo tradicional ou as gaiteiras e gaiteiros que se queiran anotar (contacto@casamuseomanuelmaria.gal), tocarán, unha peza en honra de Rosalía (poderá ser a Alborada ou outra que queiran). Esta actividade está promovida pola Asociación de Gaiteiras/os Galegas/os e a Fundación Rosalía. Haberá música de Os Minhotos, a gaita de Sara do Mosteiro e o tamboril de David Rodríguez, así como as pandeiras de alumnas do colexio de Outeiro e quen se queira sumar.
– Rosalía na túa voz. As persoas que queiran poderán recitar ou ler un poema de Rosalía. Para isto cómpre enviar, para non repetir poemas, un correo electrónico (contacto@casamuseomanuelmaria.gal) co nome da persoa, o poema que vai ler ou recitar e un número de teléfono de contacto.
– Asistindo e gozando da actividade.
Ribadeo
O 23 de febreiro, ás 21:00 horas, no Auditorio Municipal Hernán Naval, antes do concerto de Susana Seivane, lectura do Manifesto a cargo de 3 alumnas e 1 profe do IES de Ribadeo. A maiores imprimiuse o texto para dar coas entradas ao espectáculo e para levar aos centros de ensino.
Santiago de Compostela


O venres 23 de febreiro, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 19:30 horas, con entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala, terá lugar unha Homenaxe a Rosalía de Castro mediante a dramatización dos seus poemas, Tecín soia a miña tea, por Ana Hermida (Lisístrata Asociación). Este espectáculo pretende amosar unha Rosalía actual, como os temas que ela trata, tan vixentes hoxe en día. A relación cos homes, a defensa da muller, da súa terra…

O sábado 23 de febreiro, a partir das 18:00 horas, A Sega máis a A Lila celebran o 182 aniversario de Rosalía de Castro. Haberá merenda, xogos, poesía e… sorpresas! ;). Le o teu texto de Rosalía favorito e entra…

Viana do Bolo

Viveiro
O Concello de Viveiro desenvolve o proxecto denominado “Andares Gallegos”, unha iniciativa que nace coa pretensión de levar a obra de Rosalía á rúa e coa vontade de ter continuidade nos vindeiros anos, ampliando, cada ano, a súa extensión e proxección. Dentro do proxecto, que desenvolve a empresa viveirense LAG, nesta primeira anualidade realízanse dúas accións diferentes. Unha primeira, que é sorpresa que se descobre o dia 24 de febreiro nas rúas do municipio, e unha segunda, que se levará a cabo o día 25 de febreiro, na biblioteca municipal. Todas as persoas socias que se achegan nese día á biblioteca para coller un libro prestado levan unha tote bag ilustrada cuns versos de Rosalía de Castro (hai un tope de 100 unidades, das que só se entregan unha por carné).
Estes son os centros que nos comunicaron a súa participación:



Cartaz realizado polo alumnado de Educación Infantil:






Proposta da AELG para levar unha moción aos plenos dos Concellos para declararen o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro
A AELG vén impulsando desde 2011 esta iniciativa, e xa aprobaron a moción os seguintes concellos:A Coruña, A Estrada, A Guarda, A Pobra do Brollón, A Rúa de Valdeorras, Allariz, Ames, Arteixo, Baiona, Bergondo, Betanzos, Bueu, Burela, Cambados, Carballo, Carnota, Cedeira, Cee, Cerceda, Chantada, Entrimo, Fisterra, Foz, Lalín, Lobeira, Melide, Miño, Muros, Narón, O Rosal, Ourense, Padrón, Poio, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Redondela, Rianxo, Ribeira, Riotorto, Rodeiro, Rois, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Tui, Valdoviño, Vigo, Vilasantar e Xermade. Sumáronse tamén as Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra.
A AELG seguirá a facer chegar aos plenos unha moción neste sentido solicitándolles que recollan esta celebración nas súas programacións culturais.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou na mañá de sábado 9 de febreiro a súa Asemblea Xeral de socios/as.
A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoræs en Lingua Galega) para someter á consideración da Asemblea Xeral a celebrar o 9 de febreiro de 2019 en Santiago de Compostela, recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2019 respectivamente a Dorothé Schubart e a Pablo Quintana. A Asemblea aprobou as propostas, e a entrega destas distincións terá lugar na IV Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo co apoio do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo.
Mestra da Memoria 2019
Dorothé Schubarth
Fotografía: Premios Martín Códax da Música/YouTube
Musicóloga. Natural de Basilea (Suíza), onde comezou os seus estudos que ampliou en Colonia e Múnich. É directora de coro e musicóloga. A partir de 1971 ocupou a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna (Suíza) e comeza a desenvolver investigacións arredor das músicas populares europeas. Realizou traballos de campo nos Balcáns, no Cáucaso, Alemaña e Francia cuxo resultado publica no libro Das Volkslied in Europa. Vielfalt seiner Erscheinungsformen (O Canto Popular en Europa. Diversidade das súas formas) (Lucerna, 1978).
En 1978 visita Galicia para coñecer a nosa música popular mais o interese polo que aquí descobre fai que se dispoña a realizar un traballo de campo intensivo por todo o país que remata coa publicación da magna obra en 7 volumes que contén a mellor e máis ampla análise, clasificación e estudo da nosa lírica popular, publicada baixo o título Cancioneiro Popular Galego pola Fundación Barrié en 1984.
O Arquivo Sonoro de Galicia conserva 248 CD con copias dixitalizadas das súas gravacións orixinais e coas correspondentes transcricións a cargo do profesor e filólogo Antón Santamarina.
Entre os recoñecementos que se lle fixeron en Galicia están o I Día das Galegas nas Letras en 2014 e Premio Honorífico 2017 da Asociación de Músicos ao Vivo.
Mestre da Memoria 2019
Pablo Quintana
Fotografía: Canela Producións
Naceu en Vilanova de Oscos (Asturias) en 1956. Reside na Coruña desde 1982. Escritor, investigador, músico e divulgador da cultura popular, material e inmaterial, tanto galega como da Asturias occidental. É autor de numerosos traballos, libros, artigos…, arredor da transformación artesanal do ferro, foxos do lobo, danzas e festas gremiais, zoqueiros, músicas populares e diversos xéneros da literatura popular tradicional.
Coordinou a serie etnográfica Recolleita (Ruada, 1981) que editou o disco coas gravacións das coplas do cego Florencio da Fontaneira e a pandereteira Eva Castiñeira. É autor do LP O cego andante (Ruada, 1982) no que xunto con outros músicos interpretou temas tradicionais recollidos en boa parte por el mesmo.
Dirixiu documentais sobre danzas procesionais e bailes entre 1982 e 1983, en video industrial Umatic, e otros materias videográficos para a produtora Espello Video-Cine.
Traballou na radio desde 1980, primeiro en Radio 80 e despois como técnico en Radio Nacional de España, onde, ademais, se encargou de programas como Garmalleira e Hoxe domingo, así como emisións de intercambio coa Unión Europea de Radiodifusión (UER) para Radio Francia, Radio de Polonia e Radio Praga. Ma actualidade dirixe a Editorial Canela, especializada na publicación de libros sobre personaxes singulares e actividades esmorecentes da nosa cultura popular.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ratificou Maria Teresa Horta como Escritora Galega Universal 2019, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como pola súa incontestábel defensa feminista dos dereitos civís, sociais e culturais na sociedade portuguesa actual.
Fotografía da autora: European Institute for Gender Equality/YouTube
O Premio será entregado o día 11 de maio de 2018, no marco da III Gala do Libro Galego, convocada pola AELG, a Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega, que terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Nas anteriores edicións, recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia e Isabel-Clara Simó.
Así mesmo, acordouse que Pilar Pallarés sexa a próxima “Escritor na súa Terra – Letra E” e, por tanto, quen reciba unha homenaxe que este ano chega á súa vixésimo quinta edición; será no mes de xuño no Concello da Coruña.
Fotografía: Distrito Xermar/Centro de Documentación da AELG
Alén de se incorporar Cilha Lourenço, Daniel Asorey e Xoán Carlos Domínguez Alberte ao Consello Directivo da AELG, aprobouse o programa de actividades para o ano, que inclúe como a máis próximas a celebración do vindeiro Día de Rosalía de Castro (24 de febreiro) e o Parlamento de Escritoras/es (15 e 16 de marzo), un lugar para a reflexión, nun momento de especial gravidade no relativo á vulneración na Galiza e no Estado español de dereitos culturais, sociais, políticos, etc., sobre a vinculación entre a escrita literaria e a defensa dos dereitos civís e identitarios, da xustiza social e da liberdade de expresión nas súas máis diversas formas. A defensa destes dereitos humanos é a cerna dos valores irrenunciábeis, que guiarán este parlamento na súa temática e convocatoria, así como nas súas reivindicacións e pronunciamentos. Terá lugar na cidade de Pontevedra co apoio do seu Concello.
O programa aposta por continuar con actividades de traxectoria xa asentada e de alcance social como son os paseos literarios ou os obradoiros da Escola de Escritoras e Escritores da AELG; tamén a organización ou coorganización de xornadas de formación dirixidas ao estudo das diferentes formas de crear literatura contemporánea desde os espazos de formación de novos formadores-as/educadores-as/mediadores-as da lectura. Tamén se reforza o proxecto coordinado pola Sección de Literatura Oral coa celebración da cuarta Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria e a través da celebración de máis polafías e, no outono, dunha nova edición, a duodécima, da Xornada de Literatura de Tradición Oral.
Asemade, a visibilidade da escritora e do escritor a través da web continuará a ser un eixo central da actuación da entidade co enriquecemento do espazo común e mais de cada páxina individual con que cada Socia/o conta no Centro de Documentación da web da AELG.
O
Obradoiro de creación literaria, con Eva Mejuto: Escrita ilustrada foi unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, coa colaboración do Pazo da Cultura e o patrocinio e colaboración do Concello de Pontevedra.
A derradeira sesión foi un fin de festa lúdico e literario, recitando contos e versos na Taberna do Jazz. Aquí deixamos algunhas das fotografías:
Xa están na web da AELG os vídeos das 4 pezas dramáticas resultantes do Obradoiro de dramaturxia A palabra na dramaturxia posdramática, impartido por Afonso Becerra, proxectos colectivos de creación que se levaron a escena nunha mostra final aberta ao público que tivo lugar o 22 de decembro.
Unha iniciativa da Escola de Escritoras e Escritores da AELG co patrocinio e colaboración do Concello de Santiago.
Proxecto 1. Con Raquel Castro, Carlos Labraña, Sonsoles Cordón Troncoso e Andrea Dunia Díaz Casal:
Proxecto 2. Con José Breijo Vidal (Topo), Ana Fernández Sánchez, Ana Rosa Pavón Grande:
Proxecto 3. Con Gonzalo Castro Martínez, Yelena Molina, Fiz Patiño (Xiba), Paula Sanmartín Juncal:
Proxecto 4. Con Teresa Moure, Iria Fernández Sobrado, Ismael Enrique Gil Candal:
O
3 de novembro de 2018 tivo lugar en Lugo a Homenaxe a Isidro Novo, na que a AELG fixo parte da comisión organizadora, que se retomará o 1 de febreiro de 2019, cando se lle dea o nome de Isidro Novo á Biblioteca Municipal de Lugo e se presente o libro que recolle as intervencións da xornada.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:
– Recital poético-musical (primeira parte). Xoán Neira López, Toño Núñez, María José Fernández, José Blázquez e Paco Reija:
– Recital poético-musical (segunda parte). Lois Diéguez, Xoán Xosé Fernández Abella, María Xosé Lamas, Xosé Miranda, Martiño Maseda Lozano e Joaquín Carballido:
– Recital poético-musical (terceira parte). Xosé Lois García, Alberte Momán, David Otero, Cesáreo Sánchez e Luís Valle:
O
3 de novembro de 2018 tivo lugar en Lugo a Homenaxe a Isidro Novo, na que a AELG fixo parte da comisión organizadora, que se retomará o 1 de febreiro de 2019, cando se lle dea o nome de Isidro Novo á Biblioteca Municipal de Lugo e se presente o libro que recolle as intervencións da xornada.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:
– Descuberta da placa-homenaxe a Isidro Novo. Con Antonio Reigosa, Cesáreo Sánchez Iglesias e Loli Rodríguez:
Desde
finais de 2018 incorporáronse á web da AELG catro novas entrevistas longas a ese mesmo número de autoras/es socias/os. O obxectivo deste formato é falar demoradamente da súa traxectoria literaria e da súa biografía, de modo que se poida obter un pequeno documental de aproximadamente unha hora por autor/a, coa intención de que supoña un documento valioso que resuma a súa obra e ofreza valoracións de escritoras e escritores sobre a creación, a cultura e o pensamento en xeral. Esta actividade contou co financiamento da Deputación de Lugo.
Aquí pode verse o vídeo gravado a Margarita Ledo Andión: