“Na
illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 4 de xuño, anunciouse o ditame da XXXIIIª edición do Premio Xerais de Novela, a VIIIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXXIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, todos os tres premios dotados con 10.000 euros cada un deles.
Esta festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Auditorio da illa de San Simón. Á velada asistiron arredor de tres centas persoas, entre as que se atopaban Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Xosé Antonio Perozo, presidente de GALIX; Xosé Ballesteros Rei, presidente da Asociación Galega de Editoras; Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia; Bieito Ledo Cabido, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia; Xabier Alonso, concelleiro de Cultura, Turismo e Novas Tecnoloxías de Redondela; Xoaquín Fernández Leiceaga, candidato do PSdeG-PSOE á Xunta de Galicia, ademais de escritoras, editoras, libreiras, críticas, bibliotecarias, profesoras e outras persoas colaboradoras da editorial. O acto foi emitido en directo por Internet.
Celia Torres, coordinadora e presentadora dos premios, abriu a velada, na que Lydia Botana se ocupou do apartado musical do serán, salientando (…) que nesta edición de 2016 participaron 89 orixinais entre as tres modalidades de novela, literatura xuvenil e literatura infantil.
A escritora Ledicia Costas, que esta semana recibiu o Premio Nacional de literatura Infantil e Xuvenil, como mantedora literaria desta velada, comezou o seu discurso, «Todas as constelacións do mundo», dedicado á Xeración Lamote por abrir o camiño da esperanza, lembrando a súa experiencia como lectora dende cativa:
«Se boto a vista atrás, cousa que fago con certa frecuencia, recoñezo o moito que lle debe a miña xeración ás xeracións anteriores. Ser escolarizada en galego foi determinante para min, unha nena educada integramente en castelán. Aquelas obras que caeron nas miñas mans a principios dos anos noventa abriron unha porta branca por onde empezaron a desfilar en ringleira os personaxes dos libros que me volveron poliédrica. E coa forza das cousas máis auténticas fun inverno, bágoa, agulla. Fun animal, océano, nordés e abismo. Fun unha criatura coas ás pintadas de estrelas e o corazón aberto en tantos anacos coma historias me cativaron. Nese incendio de palabras que se propagaba sen remedio, asoman a cabeza as coleccións Merlín, Xabarín e Fóra de Xogo de Xerais. Non era só que todos aqueles libros en galego me achegasen momentos únicos, é que me fixeron entrar no centro exacto da emoción. A emoción da lectura. Velaí a maxia. Acababa de atopar o mapa de todas as constelacións no mundo.»
Salientou, despois, sentirse orgullosa da entrega á lingua galega «que nos caracteriza a todas e todos nós, que nos fai formar parte dun proxecto común». «Recoñezo que me sinto especialmente vencellada á Xeración Lamote. Os seus textos foron determinantes para a formación daquela lectora que demandaba obras das que enchouparse ata a medula.» (…) «Agora sucede que hai unha nova xeración abríndose paso, a Xeración da Esperanza, que ten interiorizado un proxecto literario de país. Sabemos ben das renuncias que implica escribir na nosa lingua, pero cando cres en algo con tanta forza, as dificultades pasan a ser un elemento secundario.»
Tras vindicar o papel das mulleres na literatura galega, «para que a presenza actual das mulleres no sistema literario galego siga gañando forza e consistencia ano a ano», rematou Ledicia Costas expresando o seu compromiso: «Eu opto pola luz, pola lingua e pola forza dun país que me fai sentir importante». Sigue lendo
Arquivo da categoría: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
A Coruña de Rosalía e Murguía: tras o vento da negra sombra…, con Pedro Feijoo, nos Paseos pola Coruña Literaria 2016, o sábado 11 de xuño
Unha
iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña: Paseos pola Coruña Literaria da man das escritoras e escritores que escribiron obras ambientadas na cidade.
Desta vez, a inscrición vai ser independente en cada un dos paseos, sempre a partir das 9:00 horas, na conserxaría do Centro Ágora ou chamando ao 981 189 888 a partir dos seguintes días:
- Pedro Feijoo. A Coruña de Rosalía e Murguía: tras o vento da negra sombra… A inscrición abrirá o luns 30 de maio. As prazas dispoñíbeis de inicio son 55, para maiores de 16 anos.
Sábado 11 de xuño. De 12:00 a 13:30 h. Punto de partida: Obelisco.
Teñen todas as cidades unha outra vida que, por veces, non se ve. Unha vida feita da textura das letras, de sangue de tinta e alma vestida nas historias. Nas que foron e nas que non foron… Desta volta, propóñovos un paseo por esoutra cidade, A Coruña de Rosalía e Murguía. Un paseo tralas pantasmas daqueles nomes, de Gala, de Alejandra, de Anxo Aián e de Aurelio Aguirre, desde as miserias de rúa Tabernas, axustando as contas da Real Academia Galega, até as sombras do cemiterio de Santo Amaro e as súas tebras, a escuridade na que, moitas veces, vive a luz verdadeira.
A máis, esta vez tamén deixaremos que nos acompañe algún dos personaxes de Os fillos do mar para botar con el unha ollada a algunha das xoias modernistas que, ao contrario do que aconteceu noutras, esta cidade tan ben soubo conservar. E todo, por suposto, sen deixar de lado o humor, que por algo hai na cidade unha praza a el adicada. Ou acaso non vos parece suficientemente gracioso que veña un de Vigo ensinarvos a cidade? ;)
Espero que sexa do voso maior agrado!
Galería de fotos do Paseo pola Coruña Literaria con Estíbaliz Espinosa (23 de abril de 2016)
Deixamos aquí parte das fotos do Paseo pola Coruña Literaria con Estíbaliz Espinosa, que tivo lugar o pasado 23 de abril. A Galería de Fotos completa pódese ver aquí.
A Axenda Cultural chega aos 14000 artigos publicados
Hoxe
mesmo a Axenda Cultural da AELG superou os 14000 artigos publicados desde o seu inicio, en 2007.
Aproveitamos para agradecer e dar os parabéns a todas as persoas que día a día tecen co seu esforzo e creatividade o traballo colectivo, persistente, variado e incesante da literatura galega. Continuamos o camiño convosco!
Lisboa: (Des)encontros galego/portugueses, conferencia de Mercedes Queixas sobre Manuel María: Voltar a Portugal, dourada luz que ilumina
“O Centro de Estudos Galegos da Faculdade de Ciências Sociais e Humanas da Universidade Nova Lisboa (FCSH/NOVA) organiza o ciclo de eventos (Des)Encontros Galego-Portugueses, que ten lugar en Lisboa durante os meses de marzo, abril e maio no local da Xuventude de Galicia – Centro Galego de Lisboa. Estruturado en seis sesións monográficas, abordará temas como a lingua, a historia e a cultura da fronteira, a emigración, as loitas pola democracia ou a relación de Manuel María con Portugal e a súa cultura.
Pechará o ciclo, o 20 de maio, unha conferencia de Mercedes Queixas Zas sobre a relación de Manuel María con Portugal e a súa cultura, nunha ponencia que leva por título Voltar a Portugal, dourada luz que ilumina.
O Ciclo (Des)Encontros Galego-Portugueses é organizado en parcería co Centro Galego de Lisboa e a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega. Fai parte do programa de actividades culturais do Centro de Estudos Galegos da FCSH/NOVA, que integra a rede de Centros de Estudos Galegos no exterior da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.”
A I Gala do Libro Galego no Diario Cultural da Radio Galega
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Reportaxe no Diario Cultural sobre a I Gala do Libro Galego, a cargo de Ana Romaní. Pode escoitarse aquí.”
Obras gañadoras da I Gala do Libro Galego
A I Gala do Libro Galego tivo lugar no Teatro Principal do Concello de Santiago de Compostela. Con esta convocatoria preténdese recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galicia. Estas distincións, sen dotación económica, foron determinadas por un xurado externo sobre unha listaxe de obras finalistas conformada polas bases asociativas da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), da Asociación Galega de Editoras e da Federación de Librarías de Galicia, entidades convocantes da Gala do Libro Galego.
A seguir, as obras gañadoras nas distintas categorías:
Ensaio
– Poesía Hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas, VV. AA. Apiario.
O xurado estima a obra como unha ferramenta necesaria para as aulas co obxectivo de tratar este xénero considerado secundario na didáctica escolar. Valórase tamén este libro pola súa centralidade no tema proposto así como polas posibilidades prácticas que ofrece para a intervención creativa nas aulas.
Tradución
– Mocidade (Joseph Conrad), en tradución de Alejandro Tobar. Hugin e Munin.
O xurado valora nesta tradución o importante labor de documentación que enriquece a lectura e axuda a acceder en profundidade ao orixinal cunha lectura fluída.
Proxecto literario na rede
– Poétic@, de Fran Alonso.
Valórase a innovación desta proposta, que eleva á rede un proxecto literario poético único á procura da permanente construción renovadora.
Literatura infantil e xuvenil
– O meu pesadelo favorito, de María Solar (ilustracións de María Lires). Galaxia.
Estimouse a conxunción dunha construción narrativa con trazos surrealistas que axudan a desenvolver un mundo onírico no público lector.
Iniciativa bibliográfica
– Lendo lendas, digo versos, de Antonio G. Teijeiro e Antonio Reigosa (ilustracións de Xosé Cobas). Xerais.
O xurado valora o excepcional traballo de conciliación da literatura oral coa escrita, harmoniosamente acompañado polo labor de ilustración. Recoñécese tamén o valor da obra finalistas, polo esforzo de autoedición, pola súa calidade estética e pola atención a un campo considerado menor dende a aposta pola tradición actualizada.
Iniciativa cultural ou de fomento da lectura
– Espazo Lectura.
Valórase o fomento da lectura a pé de rúa, no día a día e para todas as idades, e cunha progresión na intensidade de traballo notábel en diversos ámbitos do proxecto.
Libro ilustrado
– Cadros dunha exposición. Modest Mussorgsky, de Xosé Cobas (texto de José Antonio Abad Varela). Kalandraka.
Polo seu lirismo e a coherencia gráfico-textual coa elegancia da ilustración
Teatro
– Xogando con gatos, de Antón Cortizas. Xerais.
Sobrancéase o dominio dunha escrita coidada e dirixida ao público infantil dentro do xénero dramatúrxico.
Xornalismo Cultural
– Sermos Galiza.
Pola constancia da atención ao xornalismo cultural, sustentada na atención preferente a trasladar á sociedade a diversidade das producións do seu sistema literario.
Narrativa
– O último día de Terranova, de Manuel Rivas. Xerais.
Pola súa complexa arquitectura, esixente, que recoñece o labor de libreiras e libreiros a través dun percorrido emocionante.
Poesía
– oso, mamá, si?, de María Lado. Xerais.
Destácase a unidade do poemario, vinculado á construción dun relato que une a tenrura ás condicións máis escuras do ser humano, transitando por un campo emocional moi diverso.
Ademais, entregáronse os premios honoríficos de cada unha das entidades convocantes. A Federación de Librarías de Galicia outorgoullo á Libraría Pedreira, de Santiago de Compostela; a Asociación de Editores Galegos premiou a Editorial Laiovento e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega concedeu o galardón Escritor Galego Universal ao autor catalán Pere Gimferrer.
A Gala, presentada polo xornalista e escritor Camilo Franco, contou coa actuación musical do grupo de teatro musical Áureas.
Co apoio do Concello de Santiago, Consellaría de Cultura, Deputación da Coruña, Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), e coa colaboración da Fundación Luís Seoane.
Pere Gimferrer recolle o Premio Escritor Galego Universal
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Pere Gimferrer recolle o Premio Escritor Galego Universal que entrega a AELG na I Gala do Libro Galego: “En xeral as linguas de culturas demograficamente minoritarias se sosteñen porque existíu nunha época delas unha gran poesía”. A entrevista pode escoitarse aquí.”
I Gala do Libro Galego, o sábado 14 de maio en Compostela
Organizan AELG, Asociación Galega de Editores e Federación de Librarías de Galicia. Co apoio do Concello de Santiago, Consellaría de Cultura, Deputación da Coruña, Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e Fundación Luís Seoane.
Desde hai anos viñan convocándose os premios literarios da AELG coa súa Gala das Letras, a Noite da edición en Galicia da Asociación Galega de Editores e mais os Premios Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia. A partir de agora todos estes galardóns desaparecen para transformarse nuns únicos premios literarios co libro galego como protagonista principal, convocados de forma conxunta polas tres organizacións. O nome escollido, é Gala do Libro Galego.
Estes galardóns nacen co obxecto de recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galicia; as obras gañadoras faranse públicas no transcurso da Gala do Libro Galego 2016, presentada por Camilo Franco, que se celebrará no Teatro Principal de Santiago de Compostela o sábado 14 de maio, segundo o seguinte horario:
– 18:30 h. Sesión de fotografías (fotocall) de lectoras-es e autores-as e sinatura de libros á entrada do Teatro.
– 19:30 h. Comezo da Gala (entrada libre até completar aforo).
– A partir das 21:30 h. Nova sesión de fotografías (fotocall) e sinatura de libros.
No fotocall as persoas asistentes á Gala poderán facer fotos cos/as seus/súas autores/as favoritos/as e mesmo levar libros para seren asinados.
Na Gala entregaranse as distincións nas seguintes categorías:
- Obra de ensaio
- Obra de narrativa
- Obra infantil e xuvenil
- Libro ilustrado
- Iniciativa bibliográfica
- Obra traducida
- Libro de poesía
- Libro de teatro
- Iniciativa cultural ou fomento da lectura
- Proxecto literario na rede
- Xornalismo cultural
- Escritor galego universal
- Premio honorífico á libraría
- Premio honorífico á editora
As directivas das organizacións convocantes, previa votación dos seus asociados e asociadas, fixeron chegar a listaxe de finalistas nas once primeiras modalidades a un xurado externo, que nomeado de común acordo polas Xuntas Directivas da AELG, AGE e Federación de Librarías, formado por sete persoas, quen se encargarán de fallar estes galardóns sen dotación económica.
O premio ao Escritor Galego Universal será concedido pola directiva da AELG, que xa decidiu outorgarllo a Pere Gimferrer (pode consultarse aquí a súa axenda de actividades para os días 13 e 14), o Honorífico á libraría será concedido pola directiva da Federación de Librarías e o Honorífico á editora corresponderá á directiva da AGE.
Obras finalistas do Premios Gala do Libro Galego 2016 Sigue lendo
Escritor Galego Universal 2016: Pere Gimferrer, actos para o venres 13 e sábado 14 de maio
Co
Premio Escritor Galego Universal, que xa recibiron Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga e Luiz Ruffato, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca aquelas autoras e autores que unen á excelencia literaria o compromiso ético que os converte en referentes na defensa da dignidade nacional e humana.
Nesta edición, o premio será entregado a Pere Gimferrer pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no marco da Gala do Libro Galego, que esta entidade coorganiza xunto coa Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega de Editores e que terá lugar ás 19:30 horas do sábado 14 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca con esta mención a alta calidade literaria do conxunto da obra de Pere Gimferrer, coa que nos dá testemuño do seu tempo, do noso tempo, desde un insubornábel compromiso ético. A súa é unha traxectoria literaria incontestábel, apreciada por crítica e público, nun consenso difícil de conseguir.
O venres 13 de maio, ás 19:30 horas, no Salón de Actos da Fundación Luís Seoane da Coruña ofrecerá unha conferencia (entrada libre até completar aforo), na que estará acompañado por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Eduard Velasco, escritor e tradutor, quen repasará a traxectoria do autor catalán.
Pere Gimferrer recollerá o premio no transcurso da Gala do Libro Galego, que terá lugar ás 19:30 horas do sábado 14 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela
Pere Gimferrer (Barcelona, 1945) é poeta, narrador e ensaísta. Membro da Real Academia Española e da Reial Acadèmia de Bones Lletres de Barcelona. A súa obra desenvolveuse en catalán, castelán, francés e italiano.
Iniciou a súa obra en castelán con Mensaje del tetrarca (1963), mais foi o seu poemario Arde el mar (1966) o que lle valeu o Premio Nacional de Poesía e o deu a coñecer como o gran poeta que marcou un cambio de época na poesía española. Despois de La muerte en Beverly Hills (1969), xa en 1970, inicia a súa produción poética en catalán con Els miralls (1970), ao que seguiron títulos como L’espai desert (1977), El vendaval (1988), Mascarada (1996), El diamant dins l’aigua (2001) ou os máis recentes —despois de trece anos de produción poética en castelán— El castell de la puresa (2014) e Marinejant (2015).
Como narrador publicou en 1983 a novela Fortuny, que lle valeu o Premio Ramon Llull de Novela e mais o Premio da Crítica de Narrativa Catalá. Tamén destaca o seu Dietari, que reúne prosas escritas entre 1979 e 1982.
A súa produción ensaística céntrase, principalmente, na obra de poetas como J. V. Foix, Octavio Paz ou Vicente Aleixandre (La poesia de J. V. Foix, 1974; Lecturas de Octavio Paz, 1983; Perfil de Vicente Aleixandre, 1986), na de artistas como Antoni Tàpies e Joan Miró (Antoni Tàpies i l’esperit català, 1974; Les arrels de Miró, 1993) e nas relacións entre o cinema e a literatura (Cine y literatura, 1985).
Organizan AELG, Asociación Galega de Editores e Federación de Librarías de Galicia. Co apoio do Concello de Santiago, Consellaría de Cultura, Deputación da Coruña, Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e Fundación Luís Seoane.




