Becerreá: homenaxe a Yolanda Castaño

Cartel_Pipa_09_alta

O vindeiro domingo celébrase a XVIII noite poética A Pipa 09 de Becerreá que nesta edición homenaxeará á escritora Yolanda Castaño. A cita é o domingo 27 de decembro de 2009 ás 19 h. na Casa da Cultura de Becerreá, con razón ao seguinte programa:

1. Cerimonia de Entrega de Premios do XVIII Certame Literario A Pipa 09 da Alta Montaña Luguesa, por Yolanda Castaño e os/as representantes das institucións colaboradoras. Presentan Amparo Becerra e Rafa Ramos.
2. Presentación e conversa coa escritora homenaxeada Yolanda Castaño, a cargo de Marta de Sinllán e Afonso Becerra de Becerreá.
3. Proxección dos vídeopoemas titulados “O vídeo da Egoísta” e “(RE)SER(VADO)”.
4. Recital dunha escolma de poemas na voz da súa autora, Yolanda Castaño.
5. Cóctel e brinde.

A TVG estrea na TDT O clube da calceta

Mañá martes 29 de decembro a canle de TDT da TVG, a G2, estreará a película O Club da Calceta en emisión sen cortes publicitarios. Interpretado por María Vázquez, Sonia Castelo, Susana Dans, Katia Klein, Mela Casal, Camila Bossa, Monti Castiñeiras, Antonio Durán Morris, Gonzalo Cunill e Alfonso Agra, este telefilme é unha adaptación da novela homónima de María Reimóndez e está escrito e dirixido por Antón Dobao.

Cangas do Morrazo: recital de Ledicia Costas

O vindeiro domingo 6 de decembro ás 21:00 da noite Ledicia Costas vai dar un recital acompañada da bailarina Raquel Herrero, na Sala Son (Rúa Lirio, 30 baixo) de Cangas do Morrazo. O acto leva por título Xardín de Inverno e trátase dun espectáculo multidisciplinar onde se funden a poesía, a danza contemporánea, a fotografía e o audiovisual, e inclúe a proxección do videopoemaOutras augas.

Publícase o DVD Un paseo con Jenaro Mariñas del Valle

Como remate ao conxunto de actos que celebraron o centenario do nacemento de Jenaro Mariñas del Valle, publícase o DVD Un paseo con Jenaro Mariñas del Valle. A Coruña galeguista que recolle o roteiro guiado por Filipe Senén e Henrique Rabuñal o pasado 27 de febreiro e que culminou coa descoberta dunha placa na última casa na que viviu o autor de A Gaiola. Ao longo dos 45 minutos de roteiro Felipe Senén e Henrique Rabuñal contan e cantan a Coruña medieval, a pescaría e o ensanche e fan un repaso das grandes figuras da historia cultural coruñesa: Lugrís Freire, Tenreiro, González Villar,Curros, Picasso, Manuel Ferrol, Francisco Asorei, Ánxel Casal, Leandro Carré, Euxenio Carré, Pondal, Eusebio da Guarda, Linares Rivas, Daniel Carballo, Xoana de Vega, Murguía, Castelao ou Simón Rodríguez. O documental pode verse neste enderezo.

Carballo: espectáculo multimedia con Yolanda Castaño

Hoxe venres 29 de maio ás 21 horas no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo (Rúa do Pan, s/n) terá lugar a entrega do V Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2009, ao que asistirá a propia autora premiada, María Pilar García Negro. O acto consistirá nun espectáculo poético multimedia de Yolanda Castaño, un novo formato moderno e innovador para a poesía galega da man das novas tecnoloxías e unha moderna posta en escena achegada á música e ao audiovisual.

Vigo: presentación de Os mortos van á présa

Biblos presenta o guión da película Os mortos van á présa de Ángel de la Cruz, editado en tapa dura na colección Mandaio. O autor, que é ademais director e produtor da película, achéganos unha comedia en que se mesturan as historias de tres parellas de diferentes xeracións. O acto terá lugar no Salón de actos de Ámbito Cultural de El Corte Inglés de Vigo, hoxe venres 29 de maio ás 20 horas, e contará coa participación de Ángel de la Cruz, a actriz María Castro e o editor, Tucho Calvo.

A Coruña: Manuel Rivas presenta a Homenaxe á cidade da liberdade (Vídeo)

Os libros arden mal. Homenaxe á cidade da liberdade é un acto que combina literatura, música e memoria da man de Manuel Rivas (narrador), Marcos Meléndrez (cantante de tangos), Gastón Rodríguez (guitarra) e Pulpiño Viascón (voz, gaita e serrucho). Está prevista a participación doutros músicos convidados. Será o sábado a partir das 20:30 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, con entrada libre e de balde.

Roberto Varela, novo Conselleiro de Cultura e Turismo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asinou hoxe o decreto de estrutura da Xunta, o cesamento dos anteriores conselleiros e o nomeamento dos novos membros do goberno. Da Consellería de Cultura e Turismo farase cargo o diplomático Roberto Varela, que dende 2004 desempeñaba a función de Cónsul en Nova York encargado de asuntos culturais. Neste enderezo poden ver unha entrevista con Roberto Varela feita en decembro de 2007 por Isaac Cordal, Roi Fernández e Berio Molina para o documental Balor, a little Galician accent but good.

Convocadas as subvencións para a escritura de guións cinematográficos

No DOG do martes 17 de febreiro saíu publicada a convocatoria de AGADIC de bolsas de creación para impulsar o talento audiovisual galego. As axudas van dirixidas a creadores individuais para a escrita de guión e tamén para a produción de curtas e longametraxes dixitais. O prazo de entrega das solicitudes remata o luns 16 de marzo. A convocatoria simplifica os trámites administrativos, pois o proceso de xustificación limítase á entrega do guión e/ou da produción subvencionada e non esixe a xustificación de gastos. Existen catro modalidades de axudas: para a escrita de guión (máximo 12.000 euros), para curtametraxes en soporte digital (máximo 6.000 euros), para curtametraxes experimentais (máximo 10.000 euros) e para longametraxes en soporte dixital (máximo 30.000 euros). Máis información, na web da Axencia Audiovisual Galega.