Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (XXX)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse na Biblioteca Pública Municipal de Sober do seguinte xeito:
“Conmemoramos cun cartel o nacemento da nosa autora (24 de febreiro de 1837-1885). Lemos e copiamos os poemas de Follas Novas: Maio longo…, maio longo; Este vaise i aquel vaise; ¡Pra á Habana¡ e Unha vez tiven un cravo. Os seus poemas, cheos de ritmo e musicalidade, falan da paisaxe de Galicia, dos costumes da aldea e dos problemas da xente. A poeta expresa con estes versos os seus sentimentos máis íntimos.”

Gondomar: Antonio García Teijeiro no club de Lectura Lendo Contigo

O sábado 29 de marzo, ás 12:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, o club de lectura compartida Lendo Contigo de Espazo Lectura contará coa presenza do poeta Antonio García Teijeiro, autor da antoloxía de poemas proposta para este mes no club: Un rato díxolle á lúa (Xerais, 2013).

Vilagarcía: celebración do Día da Poesía cunha dramatización de poemas de Rosalía de Castro

DesdeTecín soia a miña tea Noticieiro Galego:
“A Biblioteca Pública Rosalía de Castro celebra mañá, 21 de marzo, o Día da Poesía, organizando unha actividade que tamén servirá de colofón aos actos programados con motivo da conmemoración do nacemento de Rosalía de Castro. Será a través dunha dramatización de poemas da autora de Cantares Gallegos que correrá a cargo de Ana Hermida e á que asistirá un grupo de alumnos de 3º da ESO. Coincidindo co Día da Poesía clausúrase a exposición sobre Rosalía que se puido visitar na Biblioteca nas últimas semanas. (…)
Segundo a intérprete, Ana Hermida, este espectáculo pretende amosar unha Rosalía actual, como os temas que ela trata, tan vixentes hoxe en día. A relación cos homes, a defensa da muller, da súa terra… O desexo e ansias súas polo teatro “eu quería ser actriz e non me deixaron”. Unha Rosalía, a veces divertida, outras reivindicativa, dura. Unha muller interpretando a outra muller. Poemas, e algunha canción para honrar a nai da nosa terra. A peza baséase integramente en poemas de Rosalía e Miguel Anxo Fernán -Vello. (…)”
Crónica posterior en Faro de Vigo.

Vigo: Lectura “plural e sen ataduras” para celebrar o Día de Rosalía

Desde o Diario da Universidade de Vigo:
“Como non, en galego, pero tamén en vasco, en inglés, en castelán e mesmo en chinés… os versos de Rosalía de Castro soaron con forza este luns en toda Galicia e fixérono tamén no campus, na Facultade de Filoloxía e Tradución, onde todo aquel que quixo participou nunha lectura “plural e sen ataduras”, unha pequena homenaxe á escritora como unha peza clave no imaxinario colectivo galego no día do 177 aniversario do seu nacemento.
Organizado pola Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega en colaboración coa Comisión de Normalización Lingüística da facultade, o acto iniciouse coa lectura da profesora e escritora Rexina Vega do manifesto publicado pola AELG con motivo desta data, un documento no que se avoga por non reducir a homenaxe a un “canto fúnebre”, xa que, “ela debe ser sempre outra cousa, unha forza rabuda que move os marcos da literatura… alguén que se vivise neste século XXI, seguiría a denunciar todos aqueles que, baixo a máscara da honradez, pretenden converter a lei en atadura, o corpo en cárcere, a liberdade en servidume”. Por estes motivos, e por moitos outros, que foi debullando un a un Rexina Vega, desde a AELG reclamárona “viva os trescentos sesenta e cinco días do ano” para que “os seus versos nos invadan e fender con eles o silencio administrativo dos poderosos”.
“Gústame este poema por… Rosalía para min é…” Cada persoa que participou nesta lectura colectiva achegou aos participantes a súa propia visión do universo rosaliano. Silvia Penas foi a primeira en romper o xeo coa lectura de Unha vez tiven un cravo, “un poema que recitei no colexio, con toda a vergoña do mundo, cando apenas tiña dez anos”. Tamén cara atrás mirou o escritor Xurxo Valcárcel. que trouxo consigo o primeiro libro de Rosalía que chegou ás súas mans “hai case 40 anos cando mo regalou meu pai”. Foi o inicio, logo veu A xustiza pola man, Negra sombra, En las orillas del Sar
Ana Bringas, Amparo Solla e Manuel Forcadela foron algúns do profesores do centro que participaron nunha lectura que contou tamén coa implicación do alumnado do centro, incluído o estudantado estranxeiro que foi o que se encargou de facer a lectura das diferentes versións traducidas no proxecto Rosalía é mundial, unha iniciativa impulsada pola Universidade de Vigo e a Fundación Rosalía que permitiu a tradución de dous dos poemas máis coñecidos de Cantares Gallegos, Adiós ríos, adiós fontes e Airiños, airiños, aires a unha longa lista de idiomas.
Xunto ao recitado dos versos, a homenaxe incluíu tamén outra actividade relacionada co programa graffitiRosalía, e que consistiu en que cada participante na lectura ‘grafitou’ nun papel de estraza colocado con tal motivo no corredor da facultade algún verso ou palabra significativa de Rosalía de Castro. “Trátase de crear masa crítica, músculo colectivo arredor da mensaxe de Rosalía”, subliñou Rexina Vega, ao tempo que animou a todos os asistentes a participar na iniciativa.
Paralelamente a este acto, a Biblioteca da Facultade de Filoloxía e Tradución organizou unha exposición de textos de Rosalía e estudos sobre a súa obra que forman parte dos fondos da Biblioteca e que poderá visitarse ata o vindeiro día 28.”