Carballo: actividades literarias do venres 26 de agosto na Praza dos Libros

Dentro da Praza dos Libros, Feira Literaria organizada polo Concello de Carballo, que se desenvolve entre o xoves 25 e o domingo 28 de agosto no Xardín Municipal, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 horas, terán lugar as seguintes actividades literarias o venres 26 de agosto:

19:30 h. Presentación de Penúltimo dietario, de Xosé Neira Vilas, publicado en Xerais. Participan Silvana Castro, Manuel Bragado e o propio autor.
20:15 h. Sinatura das súas obras por parte de Xosé Neira Vilas.
20:30 h. Conversa con Ignacio Silva, autor de Cara B, e Rosalía Fernández Rial, autora de Átonos.

O programa completo pódese descargar aquí: Praza dos Libros Carballo 2011.

Ortigueira: Faladoiro Cunqueiro: Guerra e literatura

O sábado 6 de agosto, ás 21:00 horas, no Teatro da Beneficencia (Casa do Concello, Praza Isabel II, s/n.) de Ortigueira, terá lugar o faladoiro Cunqueiro: Guerra e literatura, no que participan Fermín Bouza Álvarez, Eloy Fernández Clemente, Henrique Monteagudo, Carlos G. Reigosa e Dolores Vilavedra, nun acto organizado polo Consello da Cultura Galega.

Abelleira, Muros: presentación dos libros Tamén navegar, Capitán Wood e Derrota e singraduras de Joaquín Vieta

O sábado 6 de agosto, ás 20:00 horas, dentro da Festa Abelleira Mariñeira 2011, que se celebra na praia de Ventín (Abelleira, Muros), terá lugar un Faladoiro sobre os libros, en que se darán a coñecer as seguintes obras: Tamén navegar, presentado por Francisco X. Fernández Naval, Capitán Wood, e Derrota e singraduras do Joaquín Vieta, presentados por Lino J. Pazos.

Mondoñedo: faladoiro sobre Cunqueiro: Boticas, menciña, maxia

O xoves 4 de agosto, ás 20:30 horas, no Salón de actos da Casa da Xuventude (Rúa Pacheco, 5) de Mondoñedo, terá lugar o faladoiro Cunqueiro: Boticas, menciña, maxia, no que participan César Cunqueiro, Francisco Díaz-Fierros, Ángel Vázquez de la Cruz e Xosé Ramón Mariño Ferro, coordinados por Henrique Monteagudo, nun acto organizado polo Consello da Cultura Galega.

A Coruña: actividades do martes 2 na Feira do Libro

Estas son as actividades máis destacadas dentro das previstas para o martes 2 de agosto na 40º edición da Feira do Libro da Coruña, aberta nos Xardíns de Méndez Núñez até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:

19:00 h. O escritor Francisco Castro presentará o seu libro In vino veritas, publicado por Galaxia. Xunto co autor, participan no acto Víctor F. Freixanes e Mercedes Queixas.
20:00 h. Conversa con Agustín Fernández Paz, Óscar Sánchez e Iago Martínez arredor da novela Non hai noite tan longa, publicada en Xerais.
20:30 h. O ilustrador David Pintor e o autor Carlos López (Pinto e Chinto), asinarán exemplares das súas obras.

Muros: faladoiro literario con Francisco X. Fernández Naval e Lino J. Pazos

O venres 8 de xullo, a partir das 19:00 horas, no Balandro Joaquín Vieta (Paseo Marítimo de Muros), terá lugar un faladoiro literario con Francisco X. Fernández Naval e Lino J. Pazos sobre os libros Tamén navegar, Capitán Wood, ¡á abordaxe!, de Lino J. Pazos, publicados en Toxosoutos, e Derrotas e singraduras do Joaquín Vieta, de Xosé Agrelo, dentro das xornadas Muros Mira ao Mar.

Vigo: actividades do mércores 6 na Feira do Libro

Continúa a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta do 1 ao 10 de xullo, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas.

As actividades máis destacadas do mércores 6 son as seguintes:
18:30 h. Programa infantil. CantacontosO bardo Abelardo. Contacontos musical a cargo de Servando Barreiro.
19:30 h. Charla coloquio do profesor Jorge Mira, arredor do seu libro A ciencia no punto de Mira, publicado por Auga Editora. Xunto co autor participarán no acto Martín López Nores e Xosé Antón Perozo. Ao remate do acto, o autor asinará exemplares do seu libro.
20:00 h. Antonio García Teijeiro asinará exemplares dos seus libros Verbas de sal e Recendos de aire sonoro, publicados por Edicións Xerais, e do resto das súas obras.
20:30 h. Conversa co escritor Agustín Fernández Paz, arredor da súa novela Non hai noite tan longa, publicada por Edicións Xerais.

Vigo: actividades do luns 4 na Feira do Libro

Continúa a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta do venres 1 ao domingo 10 de xullo, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas.

As actividades máis destacadas do luns 4 son as seguintes:
19:30 h. Faladoiro arredor do libro Indignádevos!, de Stéphane Hessel, coa participación do traductor, Fernando Moreiras, Manuel Martínez, membro do colectivo Attac e un representante de Kalandraka Editora.
20:30 h. A escritora e xornalista Elena Gallego Abad presenta o 2º tomo da súa obra Dragal, a herdanza do Dragón, publicada por Xerais. Xunto coa autora, participará no acto Manuel Bragado, director xeral da editorial.

A Coruña: Cita a dous, encontro de música e poesía con Manu Clavijo e Estíbaliz Espinosa

O mércores 29 de xuño, ás 20:00 h., en Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, terá lugar unha nova edición de Cita a dous, encontro entre dous creadores chegados de diferentes disciplinas artísticas que pretende buscar un verdadeiro diálogo a partir do coñecemento artístico e persoal. Para iso, a parella convidada (en que unha das partes pertencerá sempre ao mundo da literatura) contará cun tempo previo á data sinalada para se mergullar na obra do outro, para entrar nela e facela súa… permitindo que, unha vez chegado o día da cita, non só xurda o encontro senón tamén o diálogo, a retroalimentación e a experiencia compartida. Nesta segunda cita a parella está formada por música e poesía: Manu Clavijo e Estíbaliz Espinosa porán voz, diálogo, proceso compartido, vivencias e experiencias a este encontro íntimo que busca falar non só das obras finais que se mostran, senón tamén da relación que estas teñen con outras artes e daqueles diálogos e procesos compartidos que, a maior parte das veces, quedan ocultos. O acto está coordinado por Antía Otero.

Santiago: faladoiro sobre A obra poética de Álvaro Cunqueiro

O xoves 16 de xuño, ás 19:00 horas, no salón de actos do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar, Praza do Obradoiro), en Santiago de Compostela, terá lugar o faladoiro A obra poética de Álvaro Cunqueiro, no que participan Henrique Monteagudo, Xosé Manuel Salgado, Manuel Forcadela e Teresa López.