Melide: III Feira do Libro no Camiño

O Concello de Melide, a través da Concellaría de Cultura e Normalización Lingüística, organiza na fin de semana do 7 e 8 de agosto de 2010 a III Feira do Libro no Camiño, na que participan as librerías Vitorio e Parrado de Melide, xunto con Como unha novela, Pedreira e L de Santiago, Brañas de Carballo, A´Nova e Zampacontos de Ourense e a librería Alicomic da Coruña, especializada en banda deseñada. O horario de apertura dos stands será de 11 a 14 h. polas mañás e de 17 a 21.30 h. polas tardes. A programación da feira inclúe tamén outras propostas culturais.

SÁBADO, 7 DE AGOSTO
10.30 h. Inauguración da Feira.
11.00 h. Agrupación folclórica.
11.00 h. Obradoiro de plástica con Ánxeles Penas.
12.00 h. Pregón a cargo de Uxío Novoneyra (fillo do ilustre escritor homenaxeado nas Letras Galegas).
13.00 h. Conferencia a cargo de Xavier Alcalá: Viaxes, crónicas e novelas.
18.00 h. Actuación musical de Os Bolechas” con Caramuxo Teatro.
19.30 h. Presentación do libro Os nosos nomes. Glosario de antroponimia galega do autor Joaquim Vázquez.
21.15 h. Sorteo de libros.

DOMINGO, 8 DE AGOSTO
11.00 h. Obradoiro de construción de monicreques con Babaluva Teatro.
12.00 h. Sinatura de libros a cargo do escritor arzuán Pablo García Martínez
13.00 h. Conferencia a cargo de Xosé María Álvarez Cáccamo: Xosé María Álvarez Blázquez: a paixón das orixes.
17.00 h. Presentación do libro Antonte na miña aldea, do escritor comarcal Sergio Villamor.
18.00 h. Obra de teatro Varietés, da compañía Seisdedos.
19.30 h. Presentación do libro Máis vidas do autor Xosé Vázquez Pintor, coa participación da cantareira Begoña Lorenzo acompañada do músico Iago Mouriño.
21.15 h. Sorteo de libros.
21.30 h. Peche da feira. Concerto de Mini e Mero.

Ferrol: conferencia de Ramón Loureiro na Galería Sargadelos

O xoves 8 de xullo, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol (rúa Rubalcava, 30-32, esquina rúa María), desenvolverase a conferencia de Ramón Loureiro De León de Bretaña ao Camiño de Santiago: os camiños dos vivos e dos mortos nos libros da Terra de Escandoi. Diálogo de Ramón Loureiro con Manuel Vivero e Esperanza Piñeiro de San Miguel. Ao finalizar o acto o autor asinará exemplares das súas últimas publicacións.

A Coruña: “Rostos do desejo em guerra: umha leitura política e bastarda de Jean Genet”, por Rubem Centeno

Dentro do “ciclo escrita(s)” Rubem Centeno intervirá o xoves 10 de xuño ás 20:00: “Rostos do desejo em guerra: umha leitura política e bastarda de Jean Genet”. Atravessar todos os rostos, todas as margens, desde a Rote Armee Fraktion aos chulos argelinos do Pigalle. É possível articular umha proposta política desde a escrita de Jean Genet? De onde parte para enfrentar-se ao mundo? Presso, traidor, marica, prostituto e activista pós-colonial, Genet pratica umha maneira original de viver sem ser assimilado, onde a estética do abjecto e a poética como política constituem o reverso estratégico dumha sociedade despreciável.

Galería Sargadelos (Real, 56)

Ourense: conferencia de Claudio Rodríguez Fer

Dentro do ciclo de Conferencias “Visións de Galicia” do Liceo de Ourense, terá lugar o próximo mércores 3 de xuño, a partir das oito e cuarto da tarde na Aula de Cultura da Entidade liceísta, a conferencia de Claudio Rodríguez Fer sobre Xosé María Díaz Castro, autor dun espléndido poemario Nimbos (1961), no que con poemas singulares como «Penélope» participa da sensibilidade e das inquedanzas de Iglesia Alvariño.

Ourense: conferencia de Luciano Rodríguez

Dentro do ciclo de Conferencias “Visións de Galicia” do Liceo de Ourense, terá lugar o próximo mércores 2 de xuño, a partir das oito e cuarto da tarde na Aula de Cultura da Entidade liceísta, a conferencia de Luciano Rodríguez Gómez sobre Aquilino Iglesia Alvariño, o autor do primeiro libro galego de entidade da posguerra (Cómaros Verdes, 1947).

Suíza: conferencias de Esperanza Mariño sobre Uxío Novoneyra

«Durante a primeira semana do vindeiro mes de xuño, a escritora e catedrática de Lingua e Literatura galegas no IES de Cacheiras (Teo), Esperanza Mariño Davila, impartirá un ciclo de conferencias sobre a vida e a obra de Uxío Novoneyra (Letras Galegas, 2010), a varias asociacións galegas en Suíza, por iniciativa da Federación de Sociedades Galegas en Suíza, dirixida por Pedro Hombre (presidente) e Cristina Pena (secretaria).

O programa a desenvolver é o seguinte:
-Día 3 de xuño: Centro Galego de Zug e Promoción da Cultura de Zürich.
-Día 4: Asociación Lucerna.
-Día 5: Centro Galego de Lucerna.
-Día 6: Centro Galicia de Olten e Irmandade Galega de Xenebra.

En todos estes actos a profesora Esperanza Mariño vailles entregar para as bibliotecas destas sociedades de emigrantes Galegos en Suíza exemplares do “Dicionario”Uxío Novoneyra, editado por tresCtres Editores, 3C3, do que é autora. Esta será a segunda ocasión na que esta escritora se desprazará a Suíza para impartir un ciclo de conferencias sobre o personaxe homenaxeado no Día das Letras Galegas. En 2007 faloulles a diversas sociedades de emigrantes galegos no país helvético sobre a figura María Mariño, deixando alá exemplares doutra obra da súa autoría: o “Dicionario”María Mariño, tamén editado por 3C3.»

(tresCtres Editores)

A Coruña: conferencia “Rosalía de Castro: o clamor da rebeldía. A evidencia contra a conveniencia”, de Mª Pilar Pilar García Negro

Será o martes 25 ás 20 horas na Biblioteca de Estudos Locais (Durán Loriga, 10). Trátase de conmemorar como merece o 125 aniversario do falecemento da autora das letras galegas e de explicar as razóns da súa modernidade, a despeito de tantos anos de desfiguración interesada.

A Coruña: presentación do libro Lingua de calidade, de Xosé Ramón Freixeiro Mato

«A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que o vindeiro luns 24 de maio, terá lugar a presentación do libro Lingua de calidade. Vinte reflexións e unha proposta esperanzada para un galego con futuro e posterior charla de Xosé Ramón Freixeiro Mato. Será ás 20:30 h, no salón de actos da asociación, con entrada libre.
Lingua de calidade, editado por Edicións Xerais de Galicia, pretende dar algunhas receitas para determos o proceso de deturpación castelanizadora da nosa lingua e para (re)construírmos un galego de calidade liberado de interferencias espurias, un galego máis auténtico e por iso con futuro. Aínda que boa parte desas receitas son de natureza lingüístico-gramatical (fonéticas, morfolóxicas, sintácticas, léxicas ou pragmáticas), tamén se inclúen algunhas reflexións que pretenden contribuír para o fortalecemento da nosa autoestima lingüística, tentando desfacer de paso algunhas ideas preconceptuosas sobre a súa historia e situación actual. Un galego de calidade utilizado oralmente e por escrito por persoas orgullosas e conscientes da importancia do seu idioma é a fórmula máis acaída para garantirmos o seu futuro.»