Finalistas dos Premios Xerais 2020

“O venres 11 de decembro tivo lugar a primeira reunión dos xurados dos Premios Xerais 2020 para seleccionar as obras finalistas.
O xurado da XXXVII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 54 obras, formado por: Noa Moreira (poeta), Carlos Coira (libreiro), Alberto Cifuentes (profesor), Sara Vila Alonso (xornalista), Iria Pedreira Sanjurjo (filóloga e tradutora) e Ramón Nicolás (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “As cerdeiras”, “Batemos na porta do mundo” e “Por min e por tódalas compañeiras”.
O xurado da XII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 24 obras, formado por: Pablo G. Freire (redactor na revista online de literatura xuvenil El Templo de las Mil Puertas), Selina Otero (xornalista en Faro de Vigo), Cristina Álvarez Pérez (profesora de Educación Secundaria e coordinadora do Comando Le de Espazo Lectura) María Xesús Nogueira (profesora na USC e crítica literaria), Brais Nogueira (xornalista) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “Doppel”, “Santo Amaro” e “Xules”.
O xurado da XXXV edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 43 obras, formado por: Marta Añón Montes (Mestra e autora de material educativo), Sonia García Vidal (Mestra, ilustradora e videógrafa), Víctor Pérez Estévez (coordinador do Club de lectura Lendo Contigo de Espazo Lectura), María José Pousa (Asesora técnica docente de bibliotecas escolares), Mario Regueira (escritor e crítico literario) e Anaír Rodríguez (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “Fedora”, “Husu” e “O moucho está no Penedo”.”

Os Premios Xerais 2020 coñeceranse o 18 de decembro

Bases do I Certame de Microrrelatos Nós Diario sobre a Diversidade Sexual

Desde Nós Diario:
“Con motivo da celebración do Orgullo da Diversidade Sexual, Lugo Diversx 2020, NÓS DIARIO en colaboración coa Asociación ARELAS, coa Asociación AVANTE LGTBI+ LUGO, coa Asociación SETE OUTEIROS e a REDE MUSEÍSTICA PROVINCIAL DE LUGO, convocan o Primeiro Certame de Microrrelatos sobre a Diversidade Sexual que se rexerá baixo as seguintes bases:
1. Poderán concursar todas as persoas maiores de idade que o desexaren ou as menores con autorización expresa de quen posúa a custodia legal, para o cal deberán enviar un anexo asinado que se poderá descargar na seguinte ligazón.
2. Os textos xirarán sobre a temática da Diversidade Sexual, deberán ser orixinais e inéditos e estaren escritos en galego en calquera das súas normativas.
3. A extensión dos microrrelatos non poderá ser superior a 1700 caracteres, espazos incluídos.
4. Cada persoa poderá enviar un único microrrelato. O envío farase por correo electrónico ao seguinte enderezo concurso@nosdiario.gal
No correo deberá figurar como asunto: Primeiro Certame de Microrrelatos sobre a Diversidade Sexual e acompañaranse dous documentos (A e B) en formato PDF.
Documento A: Nomearase co título do microrrelato e conterá exclusivamente o texto do microrrelato, en letra tipo Arial, 12 puntos, interliñado 1, 15, sen sinatura e baixo pseudónimo
Documento B: Nomearase do seguinte xeito: Título do microrrelato -Pseudónimo e dentro conterá os datos identificadores da persoa autora do texto: Nome e apelidos, copia dixital do NIF, enderezo postal, correo electrónico e teléfono. Serán excluídos do certame aqueles arquivos que conteñan datos persoais no título dos mesmos.
5. Os traballos serán enviados antes das 24 horas do día 23 de outubro. Entre o 24 de outubro e o 6 de novembro as persoas participantes recibirán comunicación de aceptación do traballo, previa verificación de que se axusta ás bases.
6. Estabelécense dous premios, o primeiro de 250 € e o segundo de 150 € amais da publicación de ambos os dous na versión papel e web de Nós Diario e das Asociacións e Entidades colaboradoras. Así mesmo, o xurado poderá conceder tres accésit, sen dotación económica, que serán publicados conxuntamente cos dous textos premiados.
7. O fallo do xurado farase público o 22 de novembro e será comunicado ás persoas gañadoras no mesmo día, preferentemente por vía telefónica, posteriormente será posta en coñecemento do público en xeral a través de Nós Diario e das entidades colaboradoras. A composición do xurado farase pública no momento do emitir o veredicto do certame. A decisión do mesmo será inapelábel. Os textos publicaranse na edición en papel e web de Nós Diario o sábado 28 de novembro.
8. De acordo coa Lei 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos dos e das participantes serán tratados de xeito confidencial co fin de garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas, a súa honra e intimidade persoal.
9. O feito de concorrer ao certame implica a aceptación das súas bases.

Galiza, 23 de setembro de 2020″