A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2024 a Luísa Villalta

Desde a Real Academia Galega:
“O pleno da Real Academia Galega acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas 2024 a Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), cadrando co vixésimo aniversario do seu pasamento. Creadora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeron na segunda metade dos anos 80 e primeiros 90, o 17 de maio de Luísa Villata será unha ocasión excepcional par reivindicala en toda a súa amplitude como a intelectual que foi. A autora coruñesa foi unha escritora para facermos pensar o mundo contemporáneo, a través dunha obra marcada polo pensamento apaixonado, a procura do rigor e tamén a exploración estilística. O cruzamento entre a poesía e a música é outro dos trazos definitorios dunha autora recoñecida sobre todo como poeta, pero que tamén cultivou con talento o teatro, a narrativa de ficción, o ensaio, o articulismo e a tradución.
Todos eses perfís serán motivo de atención o ano que vén arredor dunha celebración que permitirá actualizar e ler a súa figura á luz de novos marcos de análise, e tamén ao abrigo dos afectos que a súa personalidade segue a xerar.
“Luísa Villalta é unha intelectual. A lóxica, a razón, o pensamento configuran o humus no que enraíza un dos trazos máis significativos da súa voz. Unha poeta do pensamento, en palabras de Pilar Pallarés [poeta da mesma xeración], que empregaba a poesía para pensar o mundo contemporáneo, como ten subliñado Arturo Casas”, expón a proposta sometida a votación este mediodía. “Os acentos da súa voz, os focos da súa obra, o alento da súa escrita fan dela unha autora que sorprende na singularidade e pon de relevo, unha vez máis e fóra de estereotipos, a amplitude do campo literario que se estende en trazos de autoras únicas”, prosegue o texto.” (…)

Crónica fotográfica da Lectura pública polo Día das Letras Galegas 2023 na Coruña

Estas son algunhas das fotografías da lectura pública polo Día das Letras Galegas que tivo lugar na Coruña o 14 de maio, en colaboración coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. A crónica fotográfica completa (obra de Beatriz Maceda Abeleira) pode verse aquí.

A Coruña: Lectura pública polo Día das Letras Galegas 2023

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda festexan as Letras Galegas cunha lectura pública o domingo 14 de maio, ás 12:00 horas, no palco de música dos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña.

As persoas interesadas en participaren poden escoller como lectura o texto que desexen. En todo caso, apúntanse aquí tres suxestións:
– Un texto de Francisco Fernández del Riego, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.
– Un texto sobre a lingua galega, actual ou clásico.
– Un poema de Luísa Villalta.

Para asistir como público á lectura non é necesario inscribirse. Se se vai ler algún texto, pedimos que se indique enviando un correo electrónico previamente a acab@mundo-r.com

Pazo de San Roque (Santiago): IX Xornada do Día das Letras Galegas. Francisco Fernández del Riego

Toda a información aquí.

A Coruña: Simposio Florencio Delgado Gurriarán, os 3 e 10 de novembro de 2022

A RAG dedicaralle o Día das Letras Galegas 2023 a Francisco Fernández del Riego

Desde a Real Academia Galega:
“A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2023 a Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010). O pleno da institución, reunido hoxe en sesión ordinaria, acordou homenaxealo o vindeiro 17 de maio, cadrando coa celebración do sesenta aniversario do primeiro Día das Letras Galegas, do que foi inspirador, e os cento dez anos do seu nacemento. Membro da nova xeración de intelectuais que lle deron continuidade ao ideario do Grupo Nós, Francisco Fernández del Riego foi un loitador cultural incansable que chegou a se converter nunha auténtica institución do país, respectado por todos e aberto ás diversas manifestacións do galeguismo. Foi unha das figuras centrais do galeguismo progresista e clave da resistencia no exilio interior durante o franquismo, cunha traxectoria polifacética e prolífica que abrangueu dende a política, a creación e crítica literaria á edición. A comezos dos anos 50 foi un dos fundadores da Editorial Galaxia, empresa que desempeñou un papel central na resistencia cultural de Galicia durante o franquismo, e na última etapa da vida presidiu a Real Academia Galega (1997-2001). (…)”