“Roberto
Vidal Bolaño estreou moito e publicou menos. E o publicado quedou disperso en editoriais diferentes e con edicións a estas alturas esgotadas. No 2013 o Día das Letras Galegas estará dedicado a esta figura convertida en referente principal do teatro galego. Para ir cubrindo eivas, Edicións Positivas ten previsto ter publicado no mes de xaneiro próximo as obras completas do escritor. A intención desta colección de Positivas é reunir en seis volumes toda a obra de Vidal Bolaño, seguindo o criterio de épocas artísticas fixado por Xosé Manuel Fernández Castro no seu libro sobre a traxectoria do dramaturgo publicado por Laiovento. Os seis volumes irán agrupando as obras seguindo ese criterio artístico e temporal, aínda que segundo o editor, Francisco Macías, «algunha das épocas terán que estenderse en máis dun volume». A intención desta colección de obras é que sexa moi asequible. Macías explica que, de acordo coa familia de Vidal Bolaño, teñen a «intención de facer unhas obras completas moi manexables desde o punto de vista do formato e economicamente igual de asequible». (…)” Desde La Voz de Galicia.
Arquivo da categoría: Día das Letras
O Centro Dramático producirá dúas obras de Roberto Vidal Bolaño
Con
ocasión Día das Letras Galegas dedicado a Roberto Vidal Bolaño en 2013, o Centro Dramático Galego presentou a programación especial coa que quere lembrar un dramaturgo fundamental para a escena do país. Deste xeito, o vindeiro mes de abril está prevista a estrea dunha montaxe para público adulto a partir do texto Días sen gloria, que iniciará despois unha xira por todo o país ata xuño. Para o segundo semestre do ano estrearase a obra infantil Touporroutou da lúa e do sol, que pretende percorrer centros de ensino. Para alén destas producións propias do CDG, o programa desta entidade en homenaxe a Vidal Bolaño inclúe tamén un ciclo audiovisual no que se proxectarán as gravacións das diferentes obras do autor, incluíndo un coloquio nun formato que pretende recuperar o espírito dos cineclubes. O programa desenvolverase no propio Salón Teatro e mais na Escola de Arte Dramática de Vigo. Lecturas dramatizadas a cargo de alumnos das aulas de teatro universitarias de Santiago, Vigo e Ourense é outra das propostas do programa. Para rematar, o CDG porá en marcha o Premio Roberto Vidal Bolaño ao espectador, polo que un xurado composto por traballadores do Centro premiará as mellores propostas e suxestións que faga o público do Salón Teatro. (…)” Vía Cultura Galega.
O Pranto Matricial, de viva voz
Desde
Cultura Galega:
“A polifacética figura de Valentín Paz-Andrade tivo unha das súas expresións máis interesantes na poesía. Editouse en 1955 en Bos Aires, coincidindo co quinto aniversario da morte de Castelao, un pequeno libro de 35 páxinas, completado con fermosas ilustracións de Maside, Colmeiro, Souto e Torres. Presentamos este libro cunha gravación realizada polo propio autor en 1957 nos estudos San Martín de Bos Aires.”
Vidal Bolaño ou o laboratorio de cultura que fai país
Reportaxe
en Letra en Obras:
“(…) Cando lle preguntamos sobre os motivos da proposta de Vidal Bolaño como homenaxeado para o ano 2013 Margarita Ledo fala, en primeiro lugar, de “revisitar todo o que foi a súa traxectoria creativa”, que considera fóra de calquera dúbida. Mais a catedrática de comunicación da USC di que tamén pretenderon “incidir no momento cultural de moita inactividade para o teatro galego, que está a sufrir unha certa exclusión dentro das políticas culturais que se están levando adiante en Galiza”. Ledo defíneo como un “grande organizador”, ao falar do seu traballo con Grupo Antroido ou Teatro do Aquí, destacando “esa reflexión sobre a combinación do traballo creador coa organización deste dentro do sistema cultural no que funciona, que é o galego”. O seu compañeiro Manuel Lourenzo sintetiza este complicado exercicio de funambulismo ao defender que Vidal Bolaño “soubo utilizar os medios dos que dispoñía para crear unha plástica moi característica, e nunca agardou polo público: sempre o foi a buscar”. Comezar polos vieiros que abre a xestión da homenaxe ao dramaturgo no eido da planificación cultural non supón perder de vista a potencia anovadora da obra que deixou atrás de si. Neste sentido, Dolores Vilavedra cualifica a escolla de “idónea”, referíndose ao dramaturgo como “o máis ‘teatral’ dos escritores de literatura dramática” e destacando nel “a súa versatilidade e a súa capacidade para abordar temas de actualidade”. Nesta liña inciden tamén os dous grandes dramaturgos contemporáneos de Vidal Bolaño como son o académico Euloxio Ruibal, quen destaca “o seu interese polo popular e a valentía na abordaxe de temáticas contemporáneas que resultaban incómodas e das que a maioría fuxía”, e o propio Manuel Lourenzo, quen recorda que “meteu a maza na cabeza das cousas que estaban a pasar” (…)”
Vigo: presentación de Castelao na luz e na sombra, de Valentín Paz Andrade
O
martes 17 de xullo, ás 20:00 horas, no Museo do Mar de Galicia (Avenida da Atlántida, 160) de Vigo, preséntase a reedición de Castelao na luz e na sombra, de Valentín Paz Andrade, publicado en Galaxia. No acto participan Xesús Vázquez, Alfonso Paz Andrade, Víctor F. Freixanes e Miguel Anxo Seixas Seoane.
Vigo: homenaxe a Roberto Vidal Bolaño
Vidal Bolaño, alma do teatro galego. A longa sombra do sombreiro
Reportaxe
en La Opinión:
“(…) “É un autor moi respectado e moi representado en España e tamén fóra. É, como Rosalía de Castro, unha figura da nosa diplomacia cultural, cunha enorme capacidade de creación en todos os rexistros teatrais e que traballou sempre pola lingua galega e para crear un público para o teatro galego”, defende a catedrática de Comunicación Audiovisual Margarita Ledo, un dos nomes que avalou esta proposta. (…)
Pola súa banda, o dramaturgo Gustavo Pernas sostén que a “gran dimensión e trascendencia” da obra do escritor compostelán faino merecedor deste gran recoñecemento, e máis nestes momentos, nos que o teatro “está a quedar á marxe”. “Era algo que o sector viña pedindo dende hai meses por activa e por pasiva”, comenta. Para Pernas, esta será ademais unha excelente ocasión para que se edite a obra de Vidal Bolaño. “O teatro non só é para que se represente, tamén é literatura. Se non se tivesen editado, as obras de Shakespeare e Chekhov non terían chegado ata nós”, recorda. (…)”
Roberto Vidal Bolaño será o autor homenaxeado no Día das Letras 2013
“O
plenario da Real Academia Galega escolleu por maioría o dramaturgo como autor homenaxeado no Día das Letras 2013, polo seu papel “na creación dun público para o teatro galego” e porque “por enriba de todo, foi un extraordinario escritor”. Vidal Bolaño contou con numerosos apoios entre os académicos, comezando por Francisco Fernández Rei, ou Margarita Ledo e Euloxio Ruibal, que ao remate do plenario explicaron os motivos da escolla do dramaturgo, unha vez que Méndez Ferrín fixo público o nomeamento. Ruibal salientou por exemplo a súa loita “non só pola creación artística, senón polas melloras nas condicións sociais e políticas” e afirmou que “foi un home que dende a esquerda defendeu uns valores que temos que ter moi presentes, porque as obras de todo tipo teñen que servir para a dignidade”. (…) A RAG, na súa declaración oficial, salientou que Vidal Bolaño é unha “figura imprescindible para comprender a dimensión do Teatro Galego e, xa que logo, do noso sistema literario”. O texto difundido afirma que “é indiscutible a importancia da figura de Roberto Vidal Bolaño para o teatro nacional galego. Aínda que morreu novo (52 anos), Vidal Bolaño é, sen dúbida, o dramaturgo máis prolixo da historia da nosa literatura; mais non é só a cantidade da súa obra a razón da súa importancia, senón as múltiples calidades que os seus textos achegan durante toda a súa actividade”. (…)
O Plenario da Real Academia Galega acordou así mesmo nomear académico de honra electo a Arcadio López Casanova e académicos correspondentes a Xosé Manuel González Herrán, Luz Méndez, Fernando Ramallo Fernández, Olivia Rodríguez González, Goretti Sanmartín Rei e Xavier Vence Deza.” Vía Praza.
Xarmenta volve propor o berciano Antonio Fernández Morales para as Letras 2013
“A
Asociación Berciana da Lingua Xarmenta sempre reivindicou, nos diferentes actos que leva realizados no Bierzo desde 2005 xunto con outras institucións bercianas, que Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817-Cacabelos, 1896) merece un recoñecemento especial dedicándolle un Día das Letras Galegas. Neste 2012, un ano máis, Xarmenta solicítalle á Real Academia Galega que o poeta Antonio Fernández Morales sexa o persoeiro escollido para a celebración do Día das Letras Galegas de 2013 fundamentándose en que: “Antonio Fernández Morales publicou en lingua galega a súa obra Ensayos poéticos en dialecto berciano en 1861, dous anos antes de que Rosalía publicase Cantares Gallegos, adiantando así rexurdimento da nosa lingua”. Ademais, Xarmenta salienta que “Morales escribiu en lingua galega na comarca do Bierzo, fóra da Galicia administrativa, nunha época difícil para as nosas letras”. (…)” Desde Praza.
Canto (dixital) do pobo disperso
“En
1955, Valentín Paz Andrade escribiu en Bogotá o poemario Canto do pobo disperso, que o Consello da Cultura Galega editou como facsímile para conmemorar o Día das Letras Galegas dedicado a este autor. Co Canto do pobo disperso, o Consello inicia tamén a súa colección de libros electrónicos. As novas publicacións que o CCG está a preparar incluirán tamén unha versión en ePUB, co obxectivo de facilitar a lectura en tablets, móbiles e outros dispositivos de lectura electrónica. A edición estivo ao coidado de María Xesús Lama, profesora da Universidade de Barcelona, e autora do estudo introdutorio.” Vía Cultura Galega.
