Xerais publica a Poesía completa de Valentín Paz-Andrade

“Xerais publicará a Poesía completa de Valentín Paz-Andrade, volume de 752 páxinas preparado polo profesor Gregorio Ferreiro Fente, que dá a luz unha copiosísima e relevante obra poética inédita que redimensiona completamente a súa figura literaria. Son distintos poemarios escritos entre 1937 (en plena Guerra Civil, o que os reviste de especial interese para a literatura galega) e 1984: A serra. Cantos do desterro branco (1937); Sangue na neve: Etopeia da serra (1937); Cantos da aguia e do lobo (1937); Canto do pobo disperso (1955); Canto reuncial de Galiza (1980); Áurea ora de Galiza (1984); Canto en catro ao conde de Andrade (1985); Poemas soltos (1937-1984); así como os textos fragmentarios Canto do liño e da la (1937-1939) e Os sete salmos da remigración (1955).

Ribeira: conferencia O multifacetismo emprendedor de Paz Andrade, por Xesús Manuel Valcárcel

O xoves 26 de abril, ás 20:00 horas, no Conservatorio Municipal de Ribeira, e dentro dos Xoves Literarios, terá lugar unha conferencia de Xesús Manuel Valcárcel sobre O multifacetismo emprendedor de Paz Andrade, na que se afondará na figura do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

De viaxe con Paz Andrade

“Tal día coma hoxe, en 1898, nacía Valentín Paz Andrade. O ilustre polígrafo e empresario caracterizouse, entre moitas outras cousas, pola súa faceta de incansable viaxeiro. Ben sexa polos intereses das súas empresas, ben pola representación en cargos internacionais ou chamado polos emigrantes, Paz Andrade viaxou con moita frecuencia ás Américas e deixounos unhas saborosas crónicas nas que se revela o seu curioso espírito.” Vía Cultura Galega.

Un gran acto cívico lembrará os 50 anos do Día das Letras Galegas

Artigo en La Voz de Galicia:
“A Real Academia Galega xa ten perfilado o acto co cal vai conmemorar os 50 anos da celebración do Día das Letras Galegas. Será a finais deste ano na Coruña, na praza de María Pita, e o obxectivo é que teña unha ampla representación institucional, pero tamén social. O presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, adiantou onte en Santiago as liñas nas que traballa a institución, logo de compartir unha longa conversa de máis dunha hora en San Caetano co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, na que tamén estiveron presentes o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, e o secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos. «Había moito que falar coa Xunta, pero estamos contentos coa súa implicación», dixo Méndez Ferrín, quen recoñeceu que aínda queda moita programación por pechar e que a Real Academia precisará da axuda das institucións para preparar un acto no que queren que haxa presenza dos alcaldes das cidades e vilas que contaron cun homenaxeado nalgún 17 de maio do último medio século. Tamén queren encher María Pita con estudantes de colexios deses mesmos municipios. Con certa ironía, o presidente da RAG referiuse á necesidade de «cofinanciación». «Porque nós somos unha entidade pobre», apuntou. Con todo, non marchou coas mans baleiras do despacho do presidente da Xunta. No encontro, Feijoo confirmou o compromiso da Xunta para a organización das actividades especiais e avanzoulles aos académicos o programa no que traballa a Administración autonómica para as Letras Galegas. O Goberno acompañará ao plenario da RAG no acto institucional do 17 de maio en Vigo, dedicado a Valentín Paz-Andrade, e tamén impulsará diversas actuacións de dinamización social, como o apoio á web oficial sobre o homenaxeado, promovida por Industrias Pesqueras. Tamén haberá unha difusión especial de poemas sobre o escritor a través da televisión en formato de minipezas audiovisuais e con accións de rúa de música e poesía. (…)”

Valentim Paz-Andrade, pioneiro do reintegracionismo e do Acordo Ortográfico

Artigo de Carlos Durão no Portal Galego da Língua:
“No percurso recente do reintegracionismo galego e do apoio ao Acordo Ortográfico, o vulto galego Valentim Paz-Andrade (1898-1987), homenageado este ano no Dia das Letras Galegas, foi pioneiro e encorajador, para além das outras facetas da sua personalidade realmente multifacetada: jornalista, empresário, ensaísta, poeta, narrador, economista, advogado, político republicano, exilado.
Algumas destas facetas são salientadas repetidamente em meios informativos e institucionais galegos, mas, via de regra, não o seu importante papel no reintegracionismo contemporâneo e o seu impulso ao Acordo Ortográfico, hoje vigorado nos países lusófonos. (…)”

Vigo: mesa redonda sobre Valentín Paz Andrade

O martes 10 de abril, ás 20:00 horas, no salón de actos da Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, terá lugar unha mesa redonda sobre Valentín Paz Andrade, que, coa presentación e coordinación de Miguel Anxo Seixas Seoane, reunirá a Tucho Calvo, Xan Carballa e Charo Portela. Crónica posterior en Galaxia e no blogue de Ramón Nicolás.

Comezan as publicacións sobre Valentín Paz Andrade

A coincidir co Día das Letras que o homenaxea, comezan a ver a luz os lanzamentos editoriais arredor de Valentín Paz Andrade. Xan Carballa é o autor da biografía e mais da antoloxía do autor que acaba de tirar do prelo Galaxia. No caso da Antoloxía, Carballa seleccionou obras de ensaio, poesía e prosa do homenaxeado no Día das Letras deste ano, incluíndo o texto íntegro do seu poemario Pranto matricial. Galaxia adianta tamén a vindeira edición de Castelao na luz e na sombra, a biografía sobre o líder galeguista que publicou Paz Andrade.