Vigo: presentación de Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo

O venres 25 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno) de Vigo, preséntase a reedición, corrixida e aumentada, do libro Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo, editada agora por Biblos. No acto, acompañando ao autor, estarán presentes Xosé Díaz e Alfonso Paz-Andrade.

Cultura levará a Fráncfort edicións en inglés de Pereiro e Cunqueiro

“O mércores comeza a Feira do Libro de Fráncfort e Galicia estará presente a través do traballo de 19 das súas editoras. Ademais, a Xunta presentará a súa colección Galician Classics, e dará a coñecer dúas novidades recentes, como son as traducións ao inglés da poesía de Lois Pereiro, homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas, e de Xente de aquí e de acolá, de Álvaro Cunqueiro, baixo o título de Folks from Here and There. O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, presentará estas dúas novidades o vindeiro venres.” Vía La Voz de Galicia.
A relación de editoriais que forman parte do expositor institucional son: Edicións Tambre, Edicións Xerais de Galicia, Biblos, Ir Indo Edicións, Kalandraka Editora, Nova Galicia Edicións, Editorial Galaxia, Hércules de Ediciones, Editorial Everest, Espiral Maior, Editorial Toxosoutos, Baía Edicións, Ideaspropias Editorial, OQO Editora, Ediciones Linteo, Edicións Embora, Andavira Editora, Rinoceronte Editora e Alvarellos Editora. (Vía Galaxia).

Edición ampliada de Lois Pereiro. Achegas críticas

“O dosier que Poesiagalega.org presentaba o pasado mes de maio sobre Lois Pereiro conta xa cunha segunda edición ampliada. A nova versión “incorpora unha parte significativa da relevante produción crítica dedicada ao autor con motivo da celebración do Día das Letras”, entre as que se atopan os suplementos publicados en El Ideal Gallego, Faro de Vigo e Xornal de Galicia, así como o catálogo completo da exposición Desembarco dos 80. Cando A Coruña foi posmoderna. Asimesmo, tamén se poden ouvir e ollar as entrevistas que lle fixeron Ana Romaní e Xosé Ramón Gayoso ao poeta ou diferentes documentos audiovisuais que recollen a celebración do Día das Letras.” Desde Cultura Galega.

“A cultura de Paz Andrade”

Reportaxe en Cultura Galega sobre Valentín Paz-Andrade:
“A cultura galega como un auténtico potencial espiritual e económico, a aproveitar as posibilidades internacionais da nosa lingua de cara á lusofonía. Esta é, moi resumida, a visión que tiña Valentín Paz Andrade, homenaxeado no Día das Letras de 2012, sobre este ámbito noso país. Debullamos os riscos principais do seu pensamento nesta área da man do seu libro Galicia como tarea e coa axuda do escritor e investigador Miguel Anxo Seixas. Non é sinxelo, nos nosos días, coñecer polo miúdo o pensamento de Valentín Paz Andrade. A maior parte das súas obras están esgotadas e levan anos sen se reeditar. Galicia como tarea auténtico manifesto que recolle as súas ideas sobre o futuro do país foi editado orixinalmente en 1959 e é difícil de atopar. Pendentes das múltiples reedicións e análises que nos agardan nos vindeiros meses, achegámonos ao pensamento deste multifacético galeguista. (…)”

Vídeo do Vento Lois no Antigo Cárcere da Coruña, o 12 de maio

Vídeo do Vento Lois no Antigo Cárcere Provincial da Coruña o 12 de maio de 2011, coa música de Ulträqäns e Loretta Martin e a poesía de Cesáreo Sánchez Iglesias, Antía Otero e Xulio López Valcárcel, nun acto coa presentación de Xurxo Souto e Manuel Rivas. O vídeo foi realizado por Blogaliza.tv:

”As leccións de Lois Pereiro”

“Hai non tanto tempo eran moitas as voces que sinalaban que o Día das Letras era unha celebración caduca e con pouco futuro. No entanto, as edicións dos últimos anos, dedicadas sucesivamente a nomes de lustre e con contrastada calidade literaria como Xosé María Álvarez Blázquez, Ramón Piñeiro ou Uxío Novoneyra detiveron unha certa tendencia a apostar pola recuperación de autores pouco coñecidos. A consolidar a data, o día dedicado a Lois Pereiro neste 2011 amosou unha mobilización inédita pola súa amplitude e a variedade de manifestacións que se realizaron arredor deste autor desde a sociedade civil. (…) Un feito particular deste último Día das Letras, é que a Academia llo dedicou a alguén que viña sendo reivindicado con certa insistencia por diferentes voces do mundo cultural. Este factor pode ser outro dos que expliquen o eco que acadou a celebración neste ano. Cesáreo Sánchez sinala que “por unha banda se queres que haxa participación, a data ten que se compartida con toda a sociedade. Eu penso que, igual que a Academia Sueca recibe propostas anuais para o Nobel, sen que iso signifique que se invadan a súas competencias nin se cuestione a súa autoridade, penso que é importante que a RAG sexa receptiva ás opinións maioritarias da sociedade, iso garante a participación”. Sen fiar tan fino, Manuel Bragado considera que unha xestión máis aberta da celebración será beneficiosa. “Debe ser unha efeméride organizada en mancomún. Este é un esforzo da sociedade civil, promovido pola Academia, e na que o sector editorial, as escolas, o asociacionismo ou os concellos poden pór o seu esforzo para conseguir uns obxectivos que deben ser recuperar a obra literaria e a figura humana e literaria dos homenaxeados”. A concretar máis, Cesáreo Sánchez sinala que “penso que hai unha Marola que pasar, que é o nome de Ricardo Carvalho Calero. Está aí, pendente, e hai un sentir bastante maioritario na sociedade para que se lle conceda”. Coincide con el Miguel Anxo Fernán-Vello, quen salienta que “boa parte da sociedade máis informada fala del, e cada ano que pasa sen se celebrar a súa figura é un ano no que se enterra máis a coherencia e a lóxica. É un erro que non sexa considerada unha das figuras máis importantes das nosas letras”. Encol da permeabilidade da RAG, os sectores consultados coinciden na necesidade dunha maior apertura á sociedade, malia a que, como sinala Cesáreo Sánchez, “dalgún xeito as letras son froito da propia composición da Academia, e esta mudou moito. Nós mesmos [AELG] temos un convenio de colaboración con eles que era impensable noutro tempo. Pódese dialogar con eles e hai unha confianza. Ademais, polo xeral é para estar contentos cos nomes que vai traendo á luz”, conclúe.”. Vía Cultura Galega.

Intervención de Manuel Forcadela no Vento Lois de Vigo

Vía Lois Pereiro: “O 12 de maio celebrouse o Vento Lois en Vigo, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade, coa presentación do libro Que lle podo ofrecer a quen me intente?, monográfico de Lois Pereiro publicado por Edicións Xerais e elaborado polo Grupo de Análise e Estudo da Literatura e da Tradutoloxía (GAELT) baixo a coordinación de Anxo Angueira e Teresa Bermúdez, cunha conferencia de Manuel Forcadela, da que reproducimos aquí este documento audiovisual“:

Intervención de Anxo Angueira no Vento Lois de Vigo

Vía Lois Pereiro: “O 12 de maio celebrouse o Vento Lois en Vigo, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade, coa presentación do libro Que lle podo ofrecer a quen me intente?, monográfico de Lois Pereiro publicado por Edicións Xerais e elaborado polo Grupo de Análise e Estudo da Literatura e da Tradutoloxía (GAELT) baixo a coordinación de Anxo Angueira e Teresa Bermúdez (…). Deixamos aquí o vídeo da intervención de Anxo Angueira: