Fina Casalderrey acudirá á Galería Sargadelos de Ferrol

Na Galería Sargadelos de Ferrol (Rubalcava, 30-32), dentro dos encontros pertencentes á campaña “Educar para ler”, Fina Casalderrey falará da súa traxectoria profesional como escritora e, en concreto, do seu libro A lagoa das nenas mudas, editado por Xerais. O acto, que tamén contará coa presenza de Manuel Bragado, terá lugar o luns día 7 de maio de 12:00 a 13:30 horas.

Novos formatos para as tertulias literarias

“Coa resaca do Día do Libro, un grupo de blogueiros decidiu poñer en práctica unha iniciativa para promocionar a lectura na nosa lingua. A súa proposta é crear un grupo de lectura de obras galegas que se comunique a través da rede para intercambiar impresións.

Twitter, rede social onde os seus usuarios intercambian breves mensaxes sobre o que están a facer ou a pensar en cada momento, emprégase deste xeito cun interese literario. Os promotores da idea son Martin Pawley, de Días estranhos; Leco, d’O blog dos pelachos, e Alfredo Ferreiro, d’O levantador de minas.” (Vieiros)

Presentación de “Dun tempo e dun país”, de Manuel Caamaño

O venres 27 de abril, ás 20:30 h., na Casa de Cultura “Avilés de Taramancos” de Noia preséntase Dun tempo e dun país, do escritor Manuel Caamaño Suárez. O acto contará coa participación do autor, de Xosé Manuel Beiras Torrado e de Pedro García Vidal. Tamén será presentado o número 24 do suplemento cultural A voz de Barbantia.

Presentación de dous novos libros de Xosé Chao Rego

As obras Iglesia y franquismo. 40 años de nacional-catolicismo (1936-1976) e Iglesia y posfranquismo. 17 años de transición (1976-1992), de Xosé Chao Rego, serán presentadas na Galería Sargadelos de Compostela (Rúa Nova, 16). Intervirán no acto Bernardo García Cendán (profesor de Socioloxía na Universidade de Santiago), X. Amancio Liñares Giraut e Antonio Puentes Chao (directores editoriais de 3C3) e o propio autor.