Santiago: encontro con Fina Casalderrey

O clube de lectura Gálix Tendendo redes convoca para o vindeiro mércores 20 de xaneiro un encontro-coloquio con Fina Casalderrey arredor da súa novela A pomba e o degolado. A presentación da autora corre a cargo de Miguel Vázquez Freire. Será entre as cinco e as sete da tarde, no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, s/n) en Santiago de Compostela.

O AGADIC organiza un Foro das Industrias Culturais Galicia-Norte de Portugal

Baixo o título de CREATIVA, a Axencia Galega das Industrias Culturais da Consellería de Cultura e Turismo e a Direccao Regional de Cultura do Norte do Ministerio de Cultura portugués organizan conxuntamente un FORO DAS INDUSTRIAS CULTURAIS Galicia-Norte de Portugal, un encontro multilateral e interdisciplinar entre empresas, creadores e artistas de distintos ámbitos do sector da cultura e das dúas procedencias xeográficas, que vai ter lugar na cidade de Vigo dende o 9 ao 19 de decembro.

A música, a escena, o libro como produto gráfico e a produción audiovisual son os grandes eixos que vertebran cada unha das actividades desta iniciativa. Será tamén un momento idóneo para a mostra de diversos espectáculos de teatro, danza e concertos, algúns deles producidos expresamente para a ocasión, que virán a complementar o programa coa incorporación do público xeral á parte máis lúdica do evento.

Descargar programa enPDF

Oleiros acollerá o IV Encontro de Novos Escritores

«Eu ou nós? é o lema do IV Encontro de Novos Escritores que se celebrará no Castelo de Santa Cruz, Oleiros, os vindeiros días 20 e 21 de novembro. A iniciativa, desenvolvida pola Asociación de Escritores, analizará cuestións coma a literatura (auto)referenciada, a autoedición, a presenza da patria na creación ou os últimos movementos na poesía. Como novidade, desta volta a organización creou un blog no que os diferentes participantes adiantan as súas intervencións no evento na forma de videos e doutros contidos.» (culturagalega.org)