Unha tese reivindica a vixencia da obra de Avilés de Taramancos

“O nome do poeta Avilés de Taramancos segue sendo toda unha institución na súa vila natal, Noia. O pasado xoves cumpríronse 20 anos da súa morte, e coincidindo co aniversario, saíu á luz unha tese doutoral que será publicada pola editorial Espiral Maior nos próximos meses. O autor do traballo de investigación é o tamén noiés Martín Veiga, que ademais de ser profesor na University College Cork (Irlanda), é poeta, tradutor e crítico literario. «A obra recibiu a máxima cualificación por parte da miña universidade, institución onde desenvolvín vos meus estudos de doutoramento e na que traballo desde hai máis dunha década», explica Veiga. A tese constitúe a primeira monografía dedicada ao estudo íntegro dos aspectos esenciais da obra literaria de Avilés. «Esta tese explora vos aspectos esenciais dá súa obra, establece ou posicionamento de Avilés non seo do sistema literario galego e defende que a súa poesía constitúe un vehículo de valores puramente estéticos e literarios», sinala o autor da investigación. O estudo demostra que a poesía de Avilés inclúe valores tanto literarios como ideolóxicos, e que a súa contribución á literatura galega radica xusto na tensión existente entre os conceptos de lugar e ideoloxía. A súa relación con varios poetas iberoamericanos e outros creadores galegos tamén se retrata a fondo neste concienzudo traballo asinado polo profesor Martín Veiga.” Vía La Voz de Galicia.

Allariz: presentación de Santos Júnior e os Intelectuais Galegos, de Isaac Alonso Estraviz

O sábado 24 de marzo, ás 20:00 horas, no Fogar dos Maiores (Campo da Barreira, 3) de Allariz, preséntase Santos Júnior e os Intelectuais Galegos, de Isaac Alonso Estraviz, publicado pola Fundaçom Meendinho.

Santa Cruz, Oleiros: presentación de Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco

O xoves 22 de marzo, ás 19:00 horas, nas Torres de Santa Cruz (Oleiros), preséntase o libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco, publicado en Laiovento. No acto, no que se proxectará o documental As silenciadas, de Pablo Ces, participa, xunto á autora, Francisco Pillado.

Ourense: presentación de Viaxes e construción do pensamento. Viaxes e viaxeiros na Galiza anterior a 1936, editado por Carme Fernández Pérez-Sanjulián

O 21 de marzo, ás 19:30 horas, no Museo Municipal de Ourense (rúa Lepanto), terá lugar a presentación das actas do curso Viaxes e construción do pensamento. Viaxes e viaxeiros na Galiza anterior a 1936, publicado pola Universidade da Coruña e a Fundación Vicente Risco, sendo responsábel da edición Carme Fernández Pérez-Sanjulián, profesora da Universidade da Coruña e membro da Fundación Vicente Risco. O presente volume é o resultado das ponencias e debates do curso de verán que, baixo o mesmo título, foi organizado pola Fundación Vicente Risco en colaboración coa UdC e que se desenvolveu en Ourense entre o 13 e 16 de setembro de 2010.

IX Curso de Formación Continua: Narrativas xuvenís no século XXI (2000-2010). Tendencias e correntes

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega colabora, mediante o patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa Universidade de Santiago neste curso de postgrao.

Aquelas persoas interesadas en matricularse poden enviar cuberta e escaneada a folla de preinscrición a algún destes correos electrónicos: marta.neirarodriguez@ceu.es ou blanca.roig@usc.es acompañada dun escaneo do documento de identidade, no máis breve prazo posíbel.
O presente curso ten como finalidade formar e informar o alumnado participante dunha temática, as Literaturas Infantís e Xuvenís dos ámbitos lingüísticos ibéricos, xeralmente excluída dos planos de estudo das licenciaturas, diplomaturas e graos e, con todo, dunha transcendencia fundamental en ámbitos básicos como a formación lectora e a expresión escrita no mundo das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC). Tenta analizar estas literaturas dende un enfoque comparativo para dar a coñecer que axentes literarios se presentan máis débiles en cada ámbito lingüístico. Nesta edición, o tema específico a tratar é NARRATIVAS XUVENÍS NO SÉCULO XXI (2000-2010). TENDENCIAS E CORRENTES.

Directora: Blanca-Ana Roig Rechou, da Universidade de Santiago de Compostela.
Coordinación e Secretaría: Marta Neira Rodríguez, da Universidade de Vigo, e Isabel Soto López, da Universidade de Santiago de Compostela.
Carga lectiva e número de prazas: 60 horas (2 créditos de libre configuración, non acumulativos) para licenciaturas e diplomaturas. Número de prazas: 125.
Datas de realización:
* Parte virtual: Do 28 de xuño ao 31 de xullo de 2012.
* Parte presencial: Do 4 ao 7 de setembro de 2012.
Lugar:
* Parte virtual: Inauguración: 28 xuño de 2012, de 9:00-14:30 e 16:00 a 20:30 h. Facultade de Filoloxía (Campus Norte). Salón de Graos.
* Parte presencial: Biblioteca NovaCaixaGalicia, Rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16. 15701. Santiago de Compostela
Requisitos de acceso: Profesionais do ensino, alumnado das facultades de Ciencias da Educación, da Comunicación, Xornalismo, Audiovisual, Publicidade), Maxisterio, Xeografía e Historia, Humanidades, Filoloxías, Tradución e Interpretación, profesionais de bibliotecas e calquera persoa interesada.
Matrícula:
* Preinscrición: Ata o 30 de marzo de 2012.
* Formalización: Do 16 de abril ao 15 de xuño de 2012.
Prezo e prazo de pagamento: 90 euros, nun único prazo para matrícula.
Información:
* Biblioteca NovaCaixaGalicia. Telf. 981 59 34 67. Correo: bibliofundacion@caixagalicia.es
* Universidade de Vigo. Marta Neira Rodríguez. Correo: marta.neirarodriguez@ceu.es
* Universidade de Santiago. Blanca Roig. Correo: blanca.roig@usc.es ou na páxina do Centro de Posgrao.
* Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Correo: oficina@aelg.org
Organizan:
* Universidade de Santiago de Compostela.
* Departamento de Filoloxía Galega.
* Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
Colaboran:
* Centro Ramón Piñeiro para Investigación en Humanidades (CRPIH).
* Biblioteca NovaCaixaGalicia.
* Edicións Xerais de Galicia.
* Rede temática As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano.
* Asociacións: ANILIJ e ELOS.
* Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes(CIPPCE)-USC.

Programa parte virtual:
1. As Literaturas Infantís e Xuvenís no marco ibérico. Bibliografía básica.
2. Narrativas xuvenís no século XXI (2000-2010). Tendencias e correntes.
2.1. Estudos teóricos.
2.2. Selección de obras para o mediador.
2.3. Comentarios de narrativas xuvenís.
3. Ferramentas de comunicación: foros, charlas e correo electrónico co alumnado e profesorado.
4. AVALIACIÓN a partir dun comentario sobre o material proporcionado (entregarase ao recoller o material do curso presencial).

Programa parte presencial:
Martes 4 de setembro:
09:00-10:00 h. Recollida de material.
10:00-11:00 h. Inauguración: Directora do curso e Director da Biblioteca NovaCaixaGalicia.
11:00-12:00 h. Informe sobre docencia e investigación 2011-2012 na LIX a partir dos Informes de Literatura (CRPIH): Carmen Ferreira Boo e Mar Fernández Vázquez (AELG/USC).
12:00-12:30 h. Pausa.
12:30-14:30 h. Os inicios da Literatura Xuvenil: Xosé Neira Vilas. Conversa con Blanca-Ana Roig (AELG/USC).
16:00-18:00 h. A ficción científica: Ramón Caride e Anxo Fariña. Conversa con Isabel Mociño (AELG/USC).
18:00-18:30 h. Pausa.
18:30-20:30 h. Misterio e humor: Santiago Jaureguizar e Pepe Carballude. Conversa con Eulalia Agrelo (AELG/USC).

Mércores 5 de setembro
09:00-10:30 h. A tradución das narrativas xuvenís ao galego. Pilar Bendoiro (USC).
10:30-12:00 h. Técnicas tradutolóxicas nas narrativas xuvenís. Lourdes Lorenzo (UVigo).
12:00-12:30 h. Pausa.
12:30-14:30 h. Novela histórica e Guerra Civil: An Alfaya e Francisco Castro. Conversa con Marta Neira (AELG/UVigo.CEU).
16:00-18:30 h. Novas formas literarias: Rosa Aneiros e Marcos Calveiro. Conversa con Vanessa Ferreira da Silva (USC).
18:30-19:00 h. Pausa.
19:00-20:30 h. A construción literaria nas obras de Marilar Aleixandre e António Mota. Conversa con Ana Margarida Ramos (Universidade de Aveiro).

Xoves 6 de setembro
09:00-11:30 h. A ilustración destinada ao público xuvenil no proxecto de El Patito Editorial. Fausto Isorna e Gemma Sesar (El Patito Editorial).
11:30-12:00 h. Pausa.
12:00-14:30 h. A fotografía como ilustración para as narrativas xuvenís. José Mª Mesías (UdC).
16:00-17:45 h. Informes dos investigadores da Rede sobre a LX nos ámbitos castelán, catalán, galego, portugués, vasco e no ámbito iberoamericano. Conversa con Isabel Soto (AELG/USC) e Blanca-Ana Roig (AELG/USC).
17:45-18:15 h. Os novos portais da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes de autores de LIX: Agustín Fernández Paz (Galicia) e Ema Wolf (Arxentina). Ramón Llorens (Universitat d’Alacant).
18:15-18:30 h. Pausa.
18:30-20:30 h. Obradoiro de creación literaria. AELG.

Venres 7 de setembro
09:00-11:00 h. Contos do demo. Espectáculo de narración oral. Inacio.
11:00-12:00 h. Presentación do libro A narrativa xuvenil a debate (2000-2011). Manuel Bragado, Blanca-Ana Roig e Alexia Dotras.
12:00-12:30 h. Pausa.
12:30-13:30 h. Clausura.
13:30-14:30 h. Entrega de certificados de participación. Reitor ou representación, Director do Departamento de Filoloxía Galega, Presidente da AELG, Directora do curso.

Muxía: coloquio e presentación de Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco, e As silenciadas, de Pablo Ces

O sábado 17 de marzo, ás 19:00 horas, no Salón de Actos de Muxía, e dentro das actividades da Galería de Mulleres de Muxía, proxéctase o documental de Pablo Ces As silenciadas, con guión de Aurora Marco e baseado no seu libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega. Neste acto van estar presentes os propios Pablo Ces e Aurora Marco, que nos falarán da película e do libro, e actuará en directo o compositor que fixo a banda sonora.

Ribadeo: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

A sexta feira 16 de marzo, ás 20:30 horas, na Casa das Letras (Rúa Rodríguez Murias, 8) de Ribadeo, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, intervén, xunto ao autor, Dores Fernández Abel.

O Burgo, Culleredo: presentación de Xaime Quintanilla Martínez, de Carlos Pereira e Ana Romero

O venres 16 de marzo, ás 20:30 horas, no Edificio de Servizos Múltiples (Rúa Ramón Cabanillas, 14) do Burgo, Culleredo, preséntase o libro Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ao servizo da República, de Ana Romero Masiá e Carlos Pereira Martínez, Premio Luís Tilve de Investigación e Divulgación Histórica 2011. No acto participan Xesús Mosquera Sueiro, Alicia Ferreiro Varela e os autores. A presentación estará complementada cunha pequena actuación musical.