Vigo: VII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, organiza o VII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, co lema Por que(n) escribir / Para que(n) escribir. Os actos celebraranse no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, ás 12:00 horas. O programa é o seguinte:

– Xoves 20 de setembro. Mesa redonda de poesía. Con María Lado e Olga Novo.

– Xoves 4 de outubro. Mesa redonda de narrativa. Con Xosé Neira Vilas e Antón Riveiro Coello.

– Xoves 18 de outubro. Mesa redonda de teatro e ensaio. Con Quico Cadaval e Carlos Callón.

Crónica e vídeo da presentación de Para unha crítica do españolismo, de Camilo Nogueira

Desde O Levantador de minas, de Alfredo Ferreiro:
“Resulta este libro [Para unha crítica do españolismo] máis unha entrega de Camilo Nogueira para todos os que vemos imprescindíbel unha revisión da Historia á hora de emprendermos o reto do futuro. Do mesmo modo que na sanidade rusa o doente é por regra xeral sometido a un lavado intestinal, para enfrontar a nosa identidade cultural debemos antes librarnos de todos os tóxicos que o Estado español depositou no aparato dixestivo da nosa Historia. Moitos destes venenos están rigorosamente descritos e catalogados aquí, nunha vontade que ademais mostra a pasividade dunha parte importante dos nosos intelectuais co que realmente importa. Porque, que pode haber de máis atractivo que atopar unha nova liña de investigación coincidente co descubrimento das verdades intereseiramente ocultadas da propia nación? Somos tan poucos a investigar, e os que o fan están tan encadeados academicamente ás versións oficialistas da Historia de España? Este foi o vídeo de campaña que lle gravamos na presentación no Circo de Artesáns da Coruña, este verán:

Agustín Fernández Paz fala por vez primeira sobre O rastro que deixamos

“Coincidindo coa súa presenza o 6 de agosto de 2012 na Feira do Libro da Coruña, Agustín Fernández Paz fala do seu novo libro, O rastro que deixamos, que publicará Xerais na súa serie Crónica o vindeiro mes de outubro. Na entrevista Agustín define O rastro que deixamos como “un libro que está escrito cos fíos da vida sen tinguilos coas cores da ficción porque é un libro cunha carga autobiográfica moi grande”. Continúa dicindo que “recolle algúns textos que xa publicara en lugares dispersos e outros inéditos que abordan dous aspectos: un deles cuestións relacionadas coa miña biografía e outro reflexións sobre o traballo de escritor. Aquí está a memoria da infancia, a memoria da descuberta da literatura, do cine e dos cómics, a Vilalba dos anos 50 e 60″. Despois de agradecer o traballo de edición dos textos realizado por Isabel Soto, Agustín explica que o título está tirado dunha frase que aparece na novela Todo canto amei de Siri Hustvedt, a muller de Paul Auster, “que fai referencia a que os libros que imos publicando son como rastro de pedriñas que deixaron Hansel e Gretel”.” Vía Xerais.

Entrevista a Xosé Fernández Ferreiro sobre De Xente Nova a Brais Pinto

Xosé Fernández Ferreiro fala de De Xente Nova a Brais Pinto coincidindo coa presentación o pasado 4 de agosto deste libro de memorias na Feira do Libro da Coruña. Na entrevista di que os membros de Xente Nova “queriamos crear unha Galicia nova sen olvidar o pasado. Tiñamos moitas ideas e pouco fundamento. Tiñamos moita ilusión”. Porén, seis anos despois, “Xente Nova renaceu en Brais Pinto, as ideas eran moi semellantes, frutificou alí, estaba máis rodado”. Para el sen Brais Pinto “non terían xurdido a Nova Narrativa Galega ou o grupo A Gadaña”. Fernández Ferreiro remata a entrevista confesando que “si son algo é labrego ou afiador. Agora cando a miña aldea non existe, síntome máis atado á terra”.” Vía Xerais.

Santiago: presentación de A narrativa xuvenil a debate (2000-2011)

O venres 7 de setembro, ás 11:00 horas, nas instalacións da Biblioteca da Fundación Novacaixagalicia de Santiago de Compostela (Rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16, baixo), presentarase o libro A narrativa xuvenil a debate (2000-2011) da Rede Temática de Investigación LIJMI, publicado en Xerais. No acto participará Blanca-Ana Roig Rechou, coordinadora da obra e Manuel Bragado.

Ecos da néboa, de Ricardo Martínez-Conde

Entrevista a Ricardo Martínez-Conde en Fervenzas Literarias:
“(…) Fervenzas Literarias (FL): Expresar o pensamento, a reflexión, a observación é común á idiosincrasia galega. Sen embargo, a súa representación literaria non é doada de atopar, máis aínda se falamos dunha exteriorización aforística.
– Ricardo Martínez-Conde (RMC): Nalgunha ocasión, falando con Anxo Tarrío, témolo comentado; é certo que literariamente non está moi presente a expresión aforística nas nosas letras, tal como indicas. A pesares de que a nosa literatura adoece de ensaio, o paisano galego é moi sentencioso e tendente a empregar esas verdades resumidas que ás veces pode mesturarse co refrán. Eu, como escritor, procuro pulir esa tradición para darlle a intención de aforismo. Emporiso, hai que ter en conta que o aforismo vai máis alá e esixe ser unha construción racional moi coidada. Nese senso en Galicia coido habería que citar ineludiblemente a autores como Dieste, Celestino Fernández de la Vega ou incluso estaría tamén implícito -aínda que revestido do seu xeito fantasioso- no propio Álvaro Cunqueiro. Cunqueiro di moitas verdades breves, o que fai que ás veces non sexa doado lerlle, porque engalana con poucas palabras: outro fundamento para o aforismo. (…)
– FL: Pervive o que é dubidado. Perpetúa en Ecos da néboa ese sentimento perenne de especulación racional e consciente.
– RMC: Racional, consciente e eu engadiría construtiva. Non me lembro moi ben se era Cioran quen dicía que “Eu só estou seguro dunha cousa, das miñas dúbidas”; pero cada dúbida é como ir cubrindo ese oco da grande dúbida, da esencial, a que supón ese oco existente entre o home e o seu sentido de transcendencia, o seu valor relixioso. Logo a intelixencia do individuo lévanos á contradición, onde todo semella claro pero logo non hai xeito de xuntar as pezas. É un desasosego perenne (outra vez Pessoa) onde, mentres algúns procuran obvialo para se dedicar a cuestións máis frívolas ou inmediatas, outros buscan a súa utilidade, para ver se nos axudan a ter un pouco de sosego, pero sobre todo para desenvolver a capacidade de entender, coa finalidade de que as cousas non nos sexan estrañas, a propia paisaxe nos sexa estraña. Coñecer a ese Outro filosófico e entender cales son os fíos que nos unen a el. (…)”.

Carballo: actividades do sábado 25 e domingo 26 na Praza dos Libros

Finaliza a Praza dos Libros, Feira Literaria organizada polo Concello de Carballo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 horas, terán lugar as seguintes actividades literarias o sábado 25 e domingo 26:

Sábado 25
20:30 h. Presentación dos libros Primavera de navallas, de Xurxo Chapela, e Solpor en Waterloo, de Xosé Manuel García, publicados conxuntamente na nova editora Que Queres, coa participación dos autores.

Domingo 26
12:00 h. Sinatura de exemplares do libro Follas de Carballo, publicado pola A. C. Lumieira, por parte dos seguintes autores e autora: Xurxo Borrazás, Fernando Cabeza Quiles, Rosalía Fernández Rial, Farruco Graña, Henrique Mariño, Ignacio Silva e Xurxo Chapela.
12:30 h. Presentación de Esperando o leiteiro, de Xosé Neira Vilas, publicado en Galaxia. No acto, O’Mighelo tocará varias pezas de acordeón acompañando ao autor.
19:30 h. Presentación da película e álbum de banda deseñada Engurras, publicado por El Patito Editorial, coa participación de María Arochena, Gemma Sesar e Suso Villar.
20:30 h. Concerto-presentación de Rapoemas, de Aid, publicado en Galaxia. Xunto á autora, participa Francisco Castro.

Carballo: actividades do xoves 23 na Praza dos Libros

Dentro da Praza dos Libros, Feira Literaria organizada polo Concello de Carballo, que se desenvolverá entre o xoves 23 e o domingo 26 de agosto no Xardín Municipal, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 horas, terán lugar as seguintes actividades literarias o xoves 23:

13:00 h. Pregón inaugural a cargo de Fernando Cabezas Quiles, coa participación de Mar Eirís e Evencio Ferrero.
19:30 h. Presentación conxunta de Outramente…, de Pilar García Negro, e Lingua e variación dialectal, de Xosé Manuel Sánchez Rei, publicados en Laiovento. No acto, coorganizado pola Mesa pola Normalización Lingüística de Bergantiños, participa, xunto aos autores, Xosé Cotelo.
20:30 h. Presentación do libro As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes, publicado en Xerais. No acto participan, acompañando ao autor, Pablo Vaamonde, Xosé Turnes e Manuel Bragado.