Carballo: presentación de 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega, de Fernando Fernández Rego

O xoves 16 de setembro a partir das 21.00 h. na Reserva (Carballo), preséntase o libro 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega, publicado en Toxosoutos, coa participación, acompañando ao autor, de Tasende (Metro) e Franc3s. O evento forma parte dos actos do Xiriapop. Logo da presentación terá lugar unha pinchada a cargo do propio autor do libro, Fernando Fernández Rego.

A Coruña: presentación de Represalia e desagravio dun médico lucense republicano, de José Luis Díaz Gómez

O xoves 16 de setembro, ás 20:00, preséntase na Galería Sargadelos da Coruña (rúa Real, 56), o libro Represalia e desagravio dun médico lucense republicano, de José Luis Díaz Gómez, publicado en Edicións do Castro. No acto, patrocinado polo Ateneo Republicano de Galicia, participarán Guillermo de la Fuente Mezquita e Andrés Páramo Casas.

Santiago: presentación de Reescrituras do conto popular (2000-2009)

O mércores 8 de setembro, ás 13:00 horas, preséntase na Biblioteca da Fundación Caixa Galicia de Santiago o libro Reescrituras do conto popular (2000-2009), publicado por Xerais, que para este ano preparou a LIXMI, a rede de investigación das Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico.

Convocada a II edición de Premio de Ensaio Curto “Alexandre Bóveda”

A A. C. Alexandre Bóveda, coa colaboración da Concellaría de Cultura  do Concello da Coruña, convoca a II edición do Premio de Ensaio Curto “Alexandre Bóveda”:

BASES

PRIMEIRA. A A. C. Alexandre Bóveda convoca a II edición do Premio de Ensaio Curto “Alexandre Bóveda”, co obxecto de honrar a figura do insigne galeguista, ben como premiar un traballo que signifique unha contribución ao pensamento e a reflexión sobre a Galiza actual.O tema para desenvolver na presente convocatoria será, como no seu día xa fixera Alexandre Bóveda, a análise económica de Galiza, en calquera das súas facetas.
SEGUNDA. Poderá participar calquera persoa que o desexar.
TERCEIRA. Estabelécese o seguinte premio, que será único: Edición da obra gañadora cunha tiraxe de 1000 exemplares, máis unha obra única e orixinal feita ex profeso para o premio por un/ha nomeado/a artista galego/a e o diploma de honra.
CUARTA. Os traballos deberan ser inéditos e terán unha extensión mínima de 50 folios e máxima de 70. Os orixinais presentaranse mecanografados a espazo e medio por unha soa cara, grampados ou encadernados. Os traballos terán de estar escritos en galego. Os participantes terán a obriga de comunicaren a concesión de calquera outro premio que obtiver a obra presentada a concurso para a súa exclusión na presente convocatoria.
QUINTA. Enviaranse cinco copias dos orixinais sen asinar e cun lema que figurará tamén nun sobre á parte. Nese sobre tamén se incluirán nome e apelidos, enderezo e telefone da persoa concursante, ben como a fotocopia do carné de identidade.
SEXTA. Os traballos remitiranse ao seguinte enderezo: Asociación Cultural Alexandre Bóveda (R/ Olmos 16-18, 1º. C. P. 15003, A Coruña. Tamén se poderán entregar persoalmente na devandita dirección, en horario de 16.30 a 20.30h., de luns a venres. No sobre debe ir indicado 2º Premio de Ensaio Curto “Alexandre Bóveda”.
SÉTIMA. O prazo de presentación de orixinais será do día 1 de setembro ate ao día 29 de outubro.
OITAVA. O xuri estará composto por persoas representativas do mundo da cultura galega. O seu fallo será inapelábel.
NOVENA. A entrega do premio terá lugar na cidade da Coruña o día 18 de decembro, co gallo da cea de socios e socias da A. C. Alexandre Bóveda. A persoa galardoada será avisada cunha semana de antelación. A ausencia inxustificada da persoa premiada no acto entenderase como expresión de que declina o seu dereito ao galardón concedido, renunciando por tanto a calquera reclamación ulterior deste. O premio pode ficar deserto.
DÉCIMA. A persoa gañadora autoriza a Asociación Cultural Alexandre Bóveda a poder publicar, en edición escrita, o traballo que resultar galardoado. A Coruña, febreiro de 2010.

O comité organizador está composto por:
Presidenta: Dna. María Xosé Bravo San José, Concelleira de Cultura do Concello da Coruña.
Director do Certame: D. Roberto Catoira Viñán, Presidente da A. C. Alexandre Bóveda.
Vogal: Dna. Ana Mourelle Quintáns, Vicepresidenta da A. C. Alexandre Bóveda.
Vogal: D. Miguel Mato Fondo, Vogal da A. C. Alexandre Bóveda.

O xuri está formado por:
Presidente: Anxo Calvo (profesor titular e Doutor do Departamento de Economía Financieira e Contabilidade da USC).
Vogais: María do Carme Sánchez Carreira (profesora do departamento de Economía Aplicada da USC), Francisco X. Sanjiao (profesor titular de Economía Aplicada da USC) e Miguel Pardo (xornalista económico).
Como secretario da Asociación, con voz e sen voto: D. Xosé Manuel Sánchez.

Toda a información pódese descargar nas Bases do II Premio de Ensaio Curto.

Xosé Neira Vilas: “Ao final, un ten que quedar no lugar onde lle tocou nacer”

Entrevista a Xosé Neira Vilas en La Opinión:
“La Opinión (LO): Residiu en Cuba dende 1961 ata 1992. Pódese dicir que o libro (Presenza galega en Cuba) é un traballo de toda unha vida?
Xosé Neira Vilas (XNV): O libro é resultado dunha acumulación de moitos artigos sobre músicos, pintores, políticos, pescadores, naturalistas, libreiros, etc., que chegaron a Cuba dende a terra galega. Pasei 27 anos investigando a emigración na illa, en como os homes galegos refacían a súa vida e formaban unha familia. Ademais, fun un divulgador da cultura de Galicia en Cuba e publiquei moitos traballos na prensa sobre a miña terra nai.
LO: Como foi a vida do emigrante galego en Cuba?
XNV: Para todo emigrante, a vida nun país estranxeiro é dura ao principio. Fóronse facendo un oco como taxistas, camareiros e sobre todo, pescadores. Algúns, pero os poucos, fixéronse ricos co tabaco e outros convertéronse en filántropos. Máis de 120 galegos formaron parte do exército cubano na Guerra de Independencia. Todos se cubanizaron moi rapidamente.”

Carballo: Praza dos libros, actividades do sábado 28 e domingo 29

Dentro das actividades da Praza dos libros de Carballo, o sábado 28 de agosto, ás 20:30 h., A lingua que queremos, presentación conxunta dos libros Lingua e futuro, coordinado por Goretti Sanmartín, publicado en Laiovento, Lingua de calidade, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, publicado en Xerais, e Estudos xurídicos sobre o decreto para o plurilingüismo, coordinado por  Luís Villares, publicado en Laiovento. No acto participan os autores acompañados por Silvana Castro.
O domingo 29 de agosto, derradeiro día da feira, ás 18:00 h., preséntase o libro Galiza en Suíza. 50 anos de presenza galega en Suíza, publicado pola CIG, coordinado por Xurxo Martínez Crespo, que participará no acto acompañado por Marianne Hellfer.

Monforte: actividades do xoves 26 de agosto na Feira do Libro

Dentro do programa de actos da Feira do Libro de Monforte (na rúa do Cardeal), o 26 de agosto realizaranse os seguintes:
19:00 h. Ricardo Gurriarán presenta Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela 1939-1968, publicado en Xerais, acompañado por Manuel Bragado.
20:00 h. Xabier Quiroga presenta a súa novela máis recente, O Cabo do Mundo, Premio da Crítica 2010 no eido da narrativa, publicada en Xerais, tamén acompañado por Manuel Bragado.

A Coruña: programa do martes 10 de agosto na Feira do Libro

19.00 h. O escritor Fernando Álvarez Bouza, presentará o seu libro El viaje de regreso. Xunto co autor, participará no acto o escritor e profesor Luis Alonso Girgado.
19.30 h. Recital poético musical de Inés Cuadrado.
20.00 h. Presentación do libro 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega, do escritor Fernando Fernández Rego, publicado por Toxosoutos. Xunto co autor, participarán no acto Antonio Amblés, do grupo Los Cafres e David González Couso, director da editorial.
22:00 h. Clausura da Feira do Libro.