Marcos Calveiro: “Sempre estiven obsesionado coa figura de Domingo Fontán”

EntrevistaMarcos Calveiro a Marcos Calveiro en Radio Obradoiro:
Marcos Calveiro presentou onte na Libraría Couceiro de Compostela, unha novela arredor de Domingo Fontán, coa que gañou o Premio Repsol de Narrativa Breve 2015. Nunha entrevista este xoves en Radio Obradoiro, o escritor vilagarcián explicou que “sempre” estivo “obsesionado coa figura de Domingo Fontán” e que a obra é a vida novelada deste ilustrado galego, matemático e topógrafo que elaborou o primeiro mapa científico de Galicia e cuxos restos, “aínda que ninguén o lembre”, descansan en Santiago, no Panteón de Galegos Ilustres. Segundo Calveiro, un dos elementos máis curiosos da obra, titulada Fontán e editada por Galaxia, é a parte na que botou man da imaxinación para a recreación da personalidade e a infancia do protagonista. Calveiro narra, entre outras cousas, a vida do deputado en Cortes e a do estudante en Compostela, a do liberal represaliado e a do científico con ansias de progreso.” A entrevista completa pode escoitarse aquí.”

Marcos Calveiro: “A novela reivindica a figura de Fontán e o papel da ciencia”

Entrevista Marcos Calveiro 2a Marcos Calveiro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): O traballo de documentación [Fontán] foi esencial…
– Marcos Calveiro (MC): Hai unha gran parte de documentación histórica, sobre o tempo que viviu el, porque percorre un século extraordinario en Galicia, como é o XIX, a loita contra os franceses, a represión liberal, a loita do absolutismo contra a modernización do país… Pero tamén hai moito de ficción na novela, porque toda a parte da súa infancia e da súa adolescencia saíu da miña cabeza… (…)
– LVG: ¿É un xeito de reivindicar a figura de Domingo Fontán?
– MC: Si, porque está esquecido. Todo o mundo se lembra que no Panteón de Galegos Ilustres están Rosalía e Castelao, pero alí tamén está Fontán. É o único científico que está o lado de literatos. Si que moita parte da cultura galega, durante moito tempo, tivo o mapa de Fontán como un elemento totémico, pero hoxe é un personaxe esquecido. A novela é para reivindicar a súa figura histórica e o papel da ciencia non só del, senón outros compañeiros científicos del e mestres del no século XIX.
– LVG: Escribe tamén novela infantil e xuvenil, ¿cambia moito?
– MC: O rexistro infantil si que é diferente, pero o xuvenil, non fago ningunha distinción. A primeira idea da novela era un retrato da infancia de Fontán e da súa adolescencia. O que me chamaba a atención era onde nace a vocación científica dun rapaz dunha pequena parroquia de Portas. Logo tanto me marabillou a personaxe e a súa idade adulta que tiven que meter todo. Cando me poño a escribir unha novela tampouco teño moita idea se vai ser para o público infantil, xuvenil ou adolescente. Decídoo o remate da mesma dependendo da extensión e a complexidade. Esta novela pódea ler un adolescente sen problema. É unha pequena aventura científica e un anaco da historia do noso país. (…)”

Cuestionario Proust: Henrique Rabuñal

DesdeHenrique Rabuñal o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Henrique Rabuñal:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
-Téñome por inquieto, activista, atento a (case) todo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A lealdade e a humildade.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Que me amen sen desmaio. Máis no erro ca no acerto.
4.– A súa principal eiva?
-Facer unha ducia de cousas a un tempo (e non necesariamente ben).
5.– A súa ocupación favorita?
-Escribir/Ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
-A miña felicidade -se existir- depende da que gocen as persoas que máis quero.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Perder. Perder aos que máis quero. Perder a ilusión. Claudicar.
8.– Que lle gustaría ser?
-Algo moi parecido ao que son, con máis tempo e con menos fracasos.
9.– En que país desexaría vivir?
-Amo o meu país pero fáltame unha boa temporada noutro en Europa ou na América do Sur.
10.– A súa cor favorita?
-O vermello da paixón, o vermello da ilusión.
11.– A flor que máis lle gusta?
-Algunha das modalidades da rosa.
12.– O paxaro que prefire?
-Un popular e amical: o merlo.
13.– A súa devoción na prosa?
-Algún dos excelentes narradores latinoamericanos, García Márquez é moitas veces excepcional.
14.– E na poesía?
-Tantas persoas. Cunqueiro emocióname como poucos.
15.– Un libro?
Percival e outras historias ocupa un lugar sobranceiro na miña primixenia experiencia lectora.
16.– Un heroe de ficción?
-Algunha das versións do mago Merlín.
17.– Unha heroína?
-Algunha das versións de Ofelia, poño por caso.
18.– A súa música favorita?
-A bossa-nova brasileira.
19.– Na pintura?
-Por dicir un nome: Picasso, inmenso, grandioso e ademais algo coruñés e galego.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-As e os anónimos que nos entregaron o mellor de si. Comezando polos máis próximos.
21.– O seu nome favorito?
-Dubidaría entre Marcos e Henrique.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-A soberbia nalgunha das súas patéticas aparicións.
23.– O que máis odia?
-A impostura.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Aquelas que fixeron recuar a humanidade na viaxe á igualdade e dignidade das persoas.
25.– Un feito militar que admire?
-Admiro moito as conquistas da sociedade civil e os heroes e heroínas sen galóns militares.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-A paciencia.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Estou encontrando unha resposta convincente.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Dispoñibilidade. Para vivir.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Os propios da condición humana que non invadan a liberdade allea.
30.– Un lema na súa vida?
-Anda o teu camiño. Escribe o teu verso.”

Entrevista a Cesáreo Sánchez, Marcos Calveiro e Ledicia Costas sobre a plataforma Seguir creando

DesdeAELG Logo 3-2015 o Diario Cultural da Radio Galega:
“De pensións e remuneracións polo traballo literario na xubilación. Escoitamos a Cesáreo Sánchez, presidente de AELG que participa na plataforma Seguir creando, e *s escritor*s Marcos Calveiro e Ledicia Costas. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”

Cuestionario Proust: Cristina Corral Soilán

DesdeCristina Corral Soilán o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Cristina Corral Soilán:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
-Extrovertida.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A humildade.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Lealdade.
4.– A súa principal eiva?
-Son moi nerviosa e inqueda.
5.– A súa ocupación favorita?
-Non hai unha única: ler, escribir, coser, navegar polo Pinterest adiante…
6.– O seu ideal de felicidade?
-Vivir facendo só o que me gusta.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Estar separada da familia.
8.– Que lle gustaría ser?
-Teletraballadora.
9.– En que país desexaría vivir?
-De non ser en Galicia, en Italia ou Portugal.
10.– A súa cor favorita?
-Vermello.
11.– A flor que máis lle gusta?
-Margarida.
12.– O paxaro que prefire?
-Os paporroibos que pinta Suso Cubeiro.
13.– A súa devoción na prosa?
Teresa Moure.
14.– E na poesía?
-Non podería elexir… Rosalía, Víctor Botas, por exemplo.
15.- Un libro?
Herba Moura.
16.– Un heroe de ficción?
-Don Quixote.
17.– Unha heroína?
– A Elene Jans de Herba Moura.
18.– A súa música favorita?
-O himno galego.
19.– Na pintura?
-Diego Rivera.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Os pais e nais que queren sacar as súas crianzas adiante cando case non chegan a fin de mes.
21.– O seu nome favorito?
-Hai moitos, non podería elixir un.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-Que fumen mentras estou a comer.
23.– O que máis odia?
-A mentira.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Entre Franco e Hitler non sabería a quen escoller
25.– Un feito militar que admire?
-A palabra “militar” dáme noxo porque me lembra a palabra “armas”.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-O de saber pintar e cantar.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Sen sabelo, sen dor, en paz e sen que ninguén sufra por min.
8.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-A ledicia.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-A ignorancia por imposibilidade de remediala.
30.– Un lema na súa vida?
-É unha frase de María Aurelia Capmany: “Nunca serei tan vella e covarde como para non recomezar dende o principio, de novo e coas mans baleiras”.”

Audio da conversa arredor de Fontán co seu autor, Marcos Calveiro

DesdeMarcos Calveiro A Kalimera:
“A Comissom de História do C. S. A Gentalha do Pichel, onde está o estúdio da Kalimera, estreia o seu programa de conversas ‘Café 1932′. Neste primeiro capítulo Helena Carro e André Seoane conversam con Marcos Calveiro, autor da novela Fontán (Ed. Galaxia, 2015). (…)”

Carlos Seijo: “Neira Vilas era amigo de todo o mundo por enriba dos seus dogmas”

Entrevista Xosé-Neira-Vilas-150x150de Montse Dopico a Carlos Seijo en Praza:
Xosé Neira Vilas foi entrevistado moitas veces na súa casa de Gres. E non era difícil xa non empatizar con el, senón ficar prendado da súa xenerosidade. Mais o equipo do documental O espantallo amigo, dirixido por Carlos Seijo, quixo ir máis alá. Captar, nunha metáfora, a “esencia” do personaxe ou, máis ben, do creador e da persoa. E atopárona nun espantallo que quere ser amigo de todo o mundo. Tamén dos animais que van comer as froitas das árbores. E que quere, sempre, ser útil aos demais.
– Praza (P): Foi iniciativa de Neira Vilas ou vosa?
– Carlos Seijo (CS): O proxecto xurdiu un pouco da convivencia con el, do encontro con el, que partira da iniciativa de xente da súa contorna. Nun principio a idea era gravalo e entrevistalo. Pero xa estando con el o que tentamos foi buscar a súa esencia. Xa tiña moitas entrevistas feitas na súa casa, polo que o que nós queriamos era iso: buscar a esencia de Neira Vilas. Que non é fácil, porque é unha persoa cun gran percorrido vital e creativo. Así que, como capturar a esencia de alguén tan inmenso? Pensamos que coa metáfora. E repasando a súa bibliografía reparamos en Espantallo amigo, porque detrás dese personaxe está Neira Vilas. É un personaxe que está por enriba do seu dogma, que é escorrentar os animais. É un espantallo conciliador, amigo de todos os animais. Pois así era Neira Vilas. Unha persoa amiga de todo o mundo, por enriba dos seus dogmas. (…)
– P: Iso pode ter máis lecturas. Coma moitos outros emigrantes que fixeran moito pola cultura galega, volveu a Galicia sen nada. Outros tiveron menos sorte e pasárono realmente mal, porque este país é así e ninguén lles botou unha man.
– CS: Penso que niso foi elemental o seu don de xentes. El tiña esa capacidade de ser amigo de todo o mundo. O que teño claro é que tivo o control da súa vida en cada momento. El chamábame para dicirme que podía facer tal cousa ou tal outra no documental… Os artistas moitas veces teñen a tendencia a recollerse na súa esfera de creatividade e esquecer o demais, pero el non. E claro que existe esa historia negra do artista que quedou sen nada. Pero non era o seu caso por esa capacidade que tiña. El estivera en Cuba e participara da revolución, pero aquí tiña moi bos amigos que eran alcaldes do PP… Neira Vilas era amigo de todo o mundo por enriba dos seus dogmas. (…)
– P: “En galego síntome libre”, di.
– CS: Gústame esa parte. Di iso e abre as mans. E nós poñemos despois o espantallo cos brazos abertos. Quedou moi coreográfico… O galego é a súa lingua nai, algo nuclear para el. Emigrou pero mantivo un vínculo fortísimo coa lingua. Nunca deixou de lado o galego, pois seguiu sendo o centro da súa creación. (…)”