Entrevista a Xosé Luís Méndez Ferrín en Noitábrega:
“(…) – Noitábrega (N): A súa obra No ventre do silencio retrata unha Galicia sumida nas tebras. Desapareceron esas tebras ou substituíronse?
– Xosé Luís Méndez Ferrín (XLMF): Hai outras. Cada época ten a súa malicia. É como se me preguntas se me parece mellor o sistema do escravismo ou o actual. Contestareiche que mellor é o actual, pero ti podes pensar que no escravismo en Roma había escritores como Ovidio ou como Cicerón. Cada época ten as súas luces e as súas sombras. No ventre do Silencio o que quixen retratar era como vivían os estudantes, fundamentalmente de clase media, nunha universidade mesquiña como era a universidade de Santiago. Hoxe os rapaces universitarios gañan os premios de Física. Hai moitos que están en Xenebra traballando. Hai unha Galicia moitísimo máis preparada que naquel momento. (…)
– N: Por que o tema artúrico é tan recorrente nos escritores galegos?
– XLMF: Non é tanto como parece. Hai un libro de Cunqueiro que se chama Merlín e familia no que hai de todo menos Merlín (risas). Despois está un libro meu, Amor de Artur. Só teño un conto artúrico e teño que apandar con toda esa lenda de que teño literatura de Bretaña. De todas maneiras a min ese mundo interésame moito porque foi un modo de expresión da época medieval, paneuropea incluso. Hai o gran mito dun rei que non está morto senón durmido e que vai volver a liberarnos. (…)
– N: Que significou publicar co pseudónimo de Heriberto Bens?
– XLMF: Hai unha resposta que real e histórica e hai outra xa máis elaborada. A real é a seguinte, a min metéronme dous anos de cadea por unha novela que escribirá e non publicara pero que toparan na miña casa. E entón os amigos de Montevideo e camaradas da UPG publicaron un conxunto de poesías miñas e algunhas eran bastante explícitas co réxime e a súa denuncia. Polo tanto decidín publicalas con pseudónimo. Esta é a verdadeira. A máis elaborada é que se se crea un personaxe e ese personaxe escribe textos de algún poemas pois xa non é un co que se está escribindo e entón danlle unha certa distancia. Foi unha estratexia de defensa dunha denuncia e unha estratexia literaria. A teoría é de Pessoa e de Machado en parte, Pessoa inventa os heterónimos e os leva ata o final. (…)”
Arquivo da categoría: Entrevistas
Fernando M. Cimadevila: “A vida real precisa camiñar polos bosques máxicos da literatura fantástica”
Entrevista de Carme Vidal a Fernando M. Cimadevila en Sermos Galiza:
“Con A batalla por Avalon (Urco) o escritor Fernando M. Cimadevila atravesa o ecuador da súa pentaloxía O mundo secreto de Basilius Hoffman, un universo literario que conseguiu o aplauso do público e está a traducirse a outras linguas. Apaixonado da literatura fantástica, Cimadevila explícanos as claves da súa obra e dun xénero do que é autor e tamén editor, co selo Contos Estraños que se vén de fusionar con Urco.
– Sermos Galiza (SG): A batalla por Avalon é o terceiro dos cinco libros d’O mundo secreto de Basilius Hoffman. Que leva a un escritor a decidir que un proxecto literario será unha pentaloxía?
– Fernando M. Cimadevila (FMC): A serie básica son cinco libros, mais o proxecto tería outros tres de relatos, que teñen como protagonistas personaxes secundarios. Algúns deles gustan máis aos lectores ca os principais. Quería tamén escribir un libro sobre a mocidade de Basilius Hoffman, co cal, na fin, rebordaremos esa cifra. Desde hai moito tempo son afeccionado da literatura fantástica e, con 33 anos, decidín escribir. Cando me puxen, xa con bastante bagaxe, decateime de que non era un libro, senón moito máis. Fixen unha sinopse e deseñei a pentaloxía: cinco puntos ata a resolución final. Ou facía un libro inmenso ou capítulos moi longos, que son as cinco novelas, aínda que cada unha delas é autoconclusiva. (…)
– SG: A literatura fantástica, en certa maneira, ten o seu propio circuíto, mais vostede está a conseguir atravesar as fronteiras e os seus libros están a entrar nos centros de ensino.
– FMC: Acontece coma con outros xéneros. Hai lectores só de novela negra, de novela histórica… Non me defino como escritor só de fantasía, aínda que se queres dedicarte, tes que traballala. Sempre digo que un xénero non determina a calidade nin o trasfondo das historias. O soño dunha noite de verán, de Shakespeare, é fantasía. O mundo secreto de Basilius Hoffman é a historia dun rapaz que non ten fogar fixo e un tío que o acolle. Son historias humanas, só que o marco no que se sitúan é diferente. O que lle interesa á xente son as historias dos personaxes. O marco é o atrezzo. (…)”
Elena Gallego Abad: “Cada entrega de Dragal evidencia a miña progresión como escritora”
Entrevista arredor de A identidade fascinada, de Antonio Piñeiro
Entrevista a Elena Gallego Abad
Entrevista a Elena Gallego Abad en Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Que é para ti a literatura?
– Elena Gallego Abad (EGA): Lectora dende que teño memoria, a literatura foi sempre o meu refuxio, un universo de universos no que viaxar, soñar, vivir outras vidas e tempos imposibles. Como escritora, non hai mellor posibilidade de xogar a ser deus creador e converter o efémero en memoria. Síntome moi afortunada.
– P: Como entendes o processo de criação artística e literária?
– EGA: No meu caso é complexo, froito de moitas horas de traballo. Mentres os personaxes e as ideas van cobrando vida, preciso realizar un labor de documentación que sustente a súa historia. Iso pode levar semanas… meses incluso. Só podo escribir un capítulo cando visualizo a escena completa, cando podo describir o entorno no que se moven os personaxes e reproducir o seu diálogo sen vacilacións. Creo na mente e logo transcribo, ás veces unha páxina, noutras ocasións varios capítulos consecutivos. Despois xa chegará o proceso de depuración, talvez o máis difícil. (…)
– P: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?
– EGA: Os camiños da globalización lévannos a renovarnos ou extinguirnos. Nun momento en que calquera pode acceder dun xeito inmediato a tantos libros que non terá tempo de ler en setenta vidas, hai que buscar fórmulas orixinais para sorprendelo e conquistalo. Mesturados entre as ducias de milleiros de títulos que se publican cada ano no mundo, os nosos semellan absolutamente irrelevantes.
Hai que experimentar novas fórmulas de comunicación co lector? Posiblemente, mais talvez o segredo estea en conservar a nosa identidade. Despois da tradución de Dragal ao catalán e castelán, sorpréndeme o grande número de lectores interesados en coñecer a Galicia contida nas páxinas dos meus libros. Moitos virán, seguro. (…)”
Cuestionario Proust: Érica Esmorís
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Érica Esmorís:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A sensibilidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A capacidade de rirse dun mesmo.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Novas e divertidas aventuras.
4.– A súa principal eiva?
– Son moi despreocupada (pola miña aparencia, pola miña saúde, polo estado da miña conta bancaria, a desorde xeral na miña casa). Tan só se salva o ordenador que, de ordenado, non parece meu.
5.– A súa ocupación favorita?
– A praia en todas as estacións do ano.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Amar e ser amado e vivir como eu quero (e se é nunha casa na praia e rodeada de animais, mellor).
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A enfermidade ou perda dun dos meus.
8.– Que lle gustaría ser?
– Escritora e libre.
9.– En que país desexaría vivir?
– En todos os que me leve a miña vella furgoneta.
10.– A súa cor favorita?
– A amarela.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As que tinguen de cores os campos, as silvestres.
12.– O paxaro que prefire?
– Calquera das aves de mar.
13.– A súa devoción na prosa?
– As historias que narran vidas enteiras.
14.– E na poesía?
– As que dan para imaxinar vidas enteiras.
15.– Un libro?
– Cien años de soledad.
16.– Un heroe de ficción?
– Agora mesmo non se me ocorre ningún.
17.– Unha heroína?
– Pippi Langstrump.
18.– A súa música favorita?
– Jam e Eddie Vedder en solitario.
19.– Na pintura?
– Turner.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Miña nai.
21.– O seu nome favorito?
– Momo.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Os asubíos. Non soporto as melodías asubiadas.
23.– O que máis odia?
– O único que realmente odio son os pementos.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Non sei se son ás que máis desprezo pero a figura dun toureiro é, para min, incomprensible.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún pero, falando de Turner, gustaríame poder ver, por exemplo, ao xeneral Aníbal cruzando os Alpes para atacar Roma, simplemente por curiosidade
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O don da boa caligrafía.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De ningunha maneira. Espero que non sexa obrigatorio.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A alegría.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que non desestabilizan os meus valores.
30.– Un lema na súa vida?
– Por que non?”
Eduardo Estévez e o fotógrafo Ignacio Castro ‘Nachok’ publican Entrar na casa en Estaleiro Editora
María Lado: “Eu disfruto tanto recitando que non me imaxino sen facelo”
Entrevista de Carlos Loureiro a María Lado en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Por outra banda, ti sempre fuches partícipe de múltiples recitais poéticos… Que gaña a lírica con estas actividades interactivas segundo ti?
– María Lado (ML): A poesía achégase moito á xente nos recitais, iso é evidente, pero eu recito porque me gusta moito, faime moi feliz, o directo é o que máis me gusta de recitar. Supoño que tamén hai lectores que prefiren ler eles, ou mesmo recitar en voz alta eles, no canto de escoitar a un poeta, pero eu disfruto tanto recitando que non me imaxino sen facelo. (…)
– NG: Tes dito por algures que para ti “a concepción da obra literaria que traspasa xéneros” che interesa abondo e coido que foi ao te referires á túa obra Berlín, onde con posterioridade converxeu coa arte musical… Cres que esta interacción de xéneros é o futuro especialmente para a lírica?
– ML: Non necesariamente. A lírica sempre estivo moi unida á música e tamén leva séculos existindo sen necesidade de mesturarse con outras artes. Eu atopo moi divertido facer esa mestura, pero non básico nin necesario. O básico e necesario para a poesía que eu fago é a palabra. O resto son cousas a maiores que a min me parecen entretidas, curiosas, divertidas… pero o futuro da poesía supoño que seguirá sendo a palabra. (…)
– NG: Se a fin de contas a poesía é a expresión do íntimo, por que cres que aínda se ve como algo tabú o erotismo poético?
– ML: Ben, eu non creo que se vexa como algo tabú, realmente. Eu creo que a xente xa está preparada para iso e para moito máis. Ás veces pensamos que o público se ruboriza por atopar “cona” nun poema, pero eu creo que se ruborizan máis cando len un poema malo anque fale da receita das filloas. (…)”