O
xoves 29 de outubro, ás 19:30 horas, na Libraría Cronopios (Frei Juan Navarrete, 5) de Pontevedra, preséntase Morena, perigosa e románica, de Pedro Feijoo, publicado en Xerais. A xornalista de Onda Cero, Susana Pedreira, entrevistará, nun acto aberto ao público, ao escritor
Arquivo da categoría: Entrevistas
Luís Valle: “A única verdade da voz poética é o aquí e o agora”
Entrevista
de Montse Dopico a Luís Valle en Praza:
“(…) – Praza (P): Hai continuidade entre todos os poemarios. En cuestións como a oposición amor e afectos / morte e dor, en favor dos primeiros, pero sen obviar a realidade dos segundos e quizais a complementariedade entre todos. (“Na morte hai luz / e no silencio / tamén hai luz”, di A caída). En que sentido pode dicirse, entón, que é todo como unha unidade, nese aspecto temático?
– Luís Valle (LV): Si, hai un fío condutor que ganduxa todos os poemarios porque todos eles beben das mesmas fontes; aínda que as motivacións para a súa escrita sexan ben diferentes. Penso que amamos como amamos precisamente porque morremos. Toda a nosa luminosa existencia ten un reflexo crepuscular que lle confire seriedade a este xogo no que andamos metidos.
– P: A túa é unha poesía de imaxes. Mesmo cando é máis narrativa. De símbolos. Que parten, moitas veces, das sensacións. Por que?
– LV: A miña obra poética pode ser descrita como unha poesía de imaxes e de símbolos. Pero creo que a clave está no emprego desas imaxes e símbolos. Falando, por exemplo, dos símbolos, o antropólogo Gilbert Durand explicaba que estes teñen algo máis que un sentido artificialmente dado porque aprehenden un esencial e espontáneo poder de resonancia… Ese poder é innegable. Os símbolos son, polo tanto, útiles para, como dicía Pound, cargar a linguaxe de significado até o seu grao máximo. (…)
– P: Dixeches noutra entrevista que te influíran os poetas románticos. Por que te identificas con ese tempo?
– LV: En realidade, non me identifico exactamente co seu tempo, pero si admiro as súas realizacións. Sinxelamente, moitos son grandes artistas. En calquera caso, non falaría só dos poetas. A poesía de Keats impresióname tanto como a música de Mahler ou os lenzos de Turner, por exemplo. (…)”
Entrevista a Cesáreo Sánchez, presidente da AELG
Antón Fernández de Rota publica o ensaio Sexo e monstruosidade
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“”O monstro é unha figura de resistencia, aquilo que non se amolda ao que está pautado”. Axóuxere edita esta xenealoxía da polícia sexual, Sexo e monstruosidade, de Antón Fernández de Rota. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Entrevista a Francisco Castro
Desde
Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Que supõe para ti a literatura?
– Francisco Castro (FC): Para min a literatura é un xeito de vida. Unha maneira de respirar. O que me salvou da loucura. O que fai que non ande amargado. Luz.
Fun un neno, e sobre todo un adolescente, moi metido, digamos “para dentro”, moi introvertido e tímido. Non son orixinal nisto, pero na lectura atopei acubillo e unha maneira de evadirme. Moi cedo, decidín que quería tamén escribir. E a primeira tentativa foi a través da música. Pero trabuqueime. Fíxenme “cantautor” na época da Movida viguesa. Hai que ser parvo. Logo, aos 18 xa tiña claro que como músico non tiña futuro. E empecei a escribir. Primeiro poesía. Logo xa narrativa, pequenos relatos. E dende hai moitos anos concentrado só na novela.
Teño a fortuna, ademais, de dedicarme en exclusiva á literatura pois son editor. Máis que á literatura cumpriría dicir “ao literario”. E imparto dende hai moitos anos Obradoiros de Literatura e Escrita Creativa. Así pois, a literatura é a miña vida completa.
– P: Como entendes o processo de criação literária?
– FC: Reflexiono moito sobre isto e paréceme moi difícil de explicar. Diría que o proceso de creación literarira é, no meu caso, un complexo exercicio de comunicación artística. Eu sempre digo que escribo para comunicarme, para contarlle a alguén. Non para contar. O matiz é importante. Escribo para contarlle a alguén, para contactar con alguén, para estar presente na vida e no corazón dun outro alguén que me le. Así pois, cando escribo teño claro que quero contar algo, mais son moi consciente de que ten que ser dunha maneira artística, con vocación estética. Procurando a beleza aínda que se estea a contar unha historia dura (teño escrito sobre asuntos moi duros, tamén para crianzas).
Eu empezo sempre cunha idea xeral. A idea que pode resumir a novela logo nunha lapela. A partir daí vou construíndo un mínimo esquelete que muda seguido. O resultado final, na meirande parte das ocasións, nada ten que ver co que eu imaxinaba. (…)
– P: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação cultural e literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?
– FC: No recente Congreso de Escritoras e Escritores da AELG tocoume coordinar o Seminario de Dereitos de Autoría e Profesionalización. Amosei, con toda a súa frialdade, os datos reais de vendas en galego, é dicir, a práctica ausencia dun mercado que nos permita vivir disto. Se falamos dun camiño, temos que falar da realidade, do país real, non do país que lle gustaría a moitas e a moitos. Un país que vive alleo, porque non lle importa, ás creacións culturais propias en galego. Non só da literatura. De todo.
Sen embargo, hai un camiño. E pasa por facermos a mellor literatura do mundo, en galego, pero buscando novos mercados. Creo que é necesaria unha actitude profesional, dunha vez, nos escritores e escritoras deste país. Hai que atreverse a buscar novas latitudes lingüísticas. Hai que implicarse máis como creadores na promoción da propia obra.
Á cultura galega, e aos seus creadores, e sinto se a a alguén lle parece mal, sóbralle autocomplacencia, sóbralle tanto choro e queixa e fáltalle ambición. (…)”
Entrevista a Gonzalo Hermo no Diario Cultural
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“”Aquí temos unha tradición poética propia que é de ruptura desde Rosalía”. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Entrevista a Xesús González Gómez no Grupo Surrealista Galego
Desde
o Grupo Surrealista Galego, entrevista a Xesús González Gómez:
“- Grupo Surrealista Galego (GSG): Que é para ti, hoxe, o surrealismo (ou surrealismos)?
– Xesús González Gómez (XGG): O surrealismo (e surrealismo só hai un), é para min o que foi sempre: unha utopía. Ou, se queredes que tempere un pouco a expresión, unha difícil, penosa, procura dunha disciplina que abra os camiños a esa utopía, que non é outra cousa que a total realización social, poética e política do home e da muller. (…)
– GSG: Como entendes a unión entre Arte(s) e Vida(s)? Que proxectos tes (ou quererías chegar a desenvolver nalgún momento) vinculados (da maneira que for) ao surrealismo?
– XGG: As artes e a vida, que non se confunden, sempre están unidas, mesmo no proxecto máis cutre ou máis elitista. Por outra banda, cómpre non confundirmos as cousas. Como moi ben dixo Terry Eagleton: «Non se trata de que a arte substitúa á vida social, senón, máis ben, de que represente unha excelencia de vida á que a propia sociedade aspira. E a arte define aquilo en aras do que vivimos, mais non vivimos en aras da arte. Un argumento, xa que logo, aberto e cerrado ao mesmo tempo: Que xeneroso é pór a arte ao servizo da vida, mais que parcial resulta imaxinar que a arte abonda para definir aquilo que merece a pena vivir!».
Proxectos? Do que se entende por proxectos, eu, na miña vida fixen ningún. Perdón, se fixen algún foi, digamos, por amor ou compaixón cara a algunhas persoas amadas, pero en realidade nunca puiden cansarme de ter proxectos, porque, que recorde, nunca tiven ningún. Por carácter, tendo ás rupturas. Iso si, sen vontade e sen ruído. Voume e, logo, non me acordo de regresar. Ora, en realidade talvez si que tivese, talvez si teño proxectos, se por proxectos se entende o que di o crítico italiano de arte Giulio Carlo Argan: Proxecto é o que se fai no presente pensando para o futuro: é dicir, o proxecto é sempre presente. «actuante», contraditorio, dialéctico, etc. O outro, o que moita xente entende por proxecto é, simplemente, programación, e eu estou en contra de calquera programación. Por outra banda, considero que todos os meus proxectos, no sentido que lle dá o italiano, estiveron, e están, vinculados, desde que o descubrín alá polo afastado 1969, ao surrealismo. Cando escribo algo, cando fago algo, cando actúo politicamente ou socialmente, sempre penso que iso que estou a facer entra dentro do que chamariamos as coordenadas ou parámetros do pensamento, e da acción, surrealista.”
Entrevistas sobre Morena, perigosa e románica, de Pedro Feijóo
Desde
o Galicia por Diante, da Radio Galega:
“O escritor vigués preséntanos o seu novo libro, Morena, perigosa e románica. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
E entrevista en Tempo de Lecer.
Gonzalo Hermo: “En Celebración asumo a tradición poética galega, hai moita influencia de Cunqueiro
Entrevista
a Gonzalo Hermo na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): De que parte da tradición escrita galega considera que bebe máis?
– Gonzalo Hermo (GH): Aínda que non se comentou moito nas críticas que se fixeron do libro, hai moita influencia de Cunqueiro. Escribino despois de ler a Cunqueiro con detemento, moi profundamente. [A crítica] Chus Nogueira si comentou que é un libro bastante cunqueiriano, e tamén eu vexo ese peso forte, esa tradición da poesía que representa Cunqueiro, que é vangardista pero ao mesmo tempo ten tamén unha atención ás formas clásicas. (…)
– RAG: O premio que vén de recibir concédese a autores menores de 31 anos. Cando empezou a escribir Celebración? É froito de distintos momentos vitais ou escribiuno dunha sentada?
– GH: Hai certas obsesións que teñen que ver co cambio, coa mudanza, coa idea de avanzar, coa memoria e o esquecemento que estiveron na miña cabeza durante case un ano. Pero cando sentei a escribir o proceso foi bastante rápido. (…)
– RAG: Alén do que significa para a súa carreira, o premio que vén de recibir é tamén unha boa nova para as letras nunha lingua minorizada. Como o valora neste sentido?
– GH: Encantaríame que fose unha canle para que se descubra o que fai a xente nova, e a xente en xeral, porque moitas veces fóra de Galicia non se coñece a poesía en galego. Autores que ao mellor para nós son canónicos fóra de Galicia non teñen ningún tipo de repercusión, porque non son traducidos, empezando por aí. Gustaríame tamén que dentro do Estado se aprendese a poesía que se fai nas linguas que non son o castelán, en galego, catalán e vasco. Falo por min propio, que tamén teño certo descoñecemento do que se fai nesas realidades; na catalá menos, pero tamén. Sería fantástico que isto servise para abrir ese cancelo que parece pechado. (…)”
Gonzalo Hermo: “Inscribirme na tradición poética galega xogou ao meu favor”
Desde
Praza:
““Estou aínda en shock”. Iso confesaba o escritor Gonzalo Hermo moi poucas horas despois de saber que viña de ser recoñecido co Premio Nacional de Literatura do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte español, na modalidade de Poesía Joven Miguel Hernández, co seu poemario Celebración, escrito en galego como o resto da súa obra. “Estou moi contento”, dicía.
O xurado valorou de Celebración “a aposta por abrir novos camiños para a expresión poética apuntando unha linguaxe arriscada e innovadora, neste libro, que trata sobre a memoria e o esquecemento, sobre a necesidade de construír sobre las ruínas, de romper o círculo e avanzar malia todo”. O propio autor cre que os membros do xurado “viron unha linguaxe innovadora porque a miña obra inscríbese nunha tradición poética, que é a galega, e que non é coñecida fóra. Eu aquí non son un autor excéntrico, nese sentido. E creo que iso xogou ao meu favor”. Engade, ademais, que “o premio é un recoñemento á poesía nova que se fai en Galicia, e en xeral a toda a poesía galega”. (…)
O xurado, presidido Mónica Fernández, subdirectora general de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, estivo composto polos autores galardoados en 2015 e 2013, Carlos Loreiro e Unai Velasco; Juan Gil Fernández, designado pola Real Academia Española; Xosé Luís Regueira Fernández, pola Real Academia Galega; Amaia Jaureguizar, pola Real Academia da Lingua Vasca; Susanna Rafart, polo Instituto de Estudios Cataláns; Xandru Fernández, pola Conferencia de Rectores das Universidades Españolas (CRUE); Guadalupe Grande, pola Asociación Colegial de Escritores de España (ACE); Julia Barella, pola Asociación Española de Críticos Literarios; Juan Carlos Fernández Aganzo, pola Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE); Dídac Llorens Cubedo, polo Centro de Estudios de Género da UNED e Ignacio Elguero, polo ministro de Educación, Cultura e Deporte.”