Desde
Sermos Galiza (medio que tamén reproduce esta fotografía):
““A distancia, en especial, con respecto ao caso catalán é grande polo que atopar puntos de conexión é difícil”, sinala o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega á volta da xuntanza anual do Galeusca que desta volta se desenvolveu en Barcelona co tema da profesionalización como central dos debates.
No caso galego, Cesáreo Sánchez destacou das xuntanzas, nas que tamén participou a secretaria da asociación Mercedes Queixas xunto con Suso de Toro e Ledicia Costas, valorouse que a profesionalización é cada vez máis difícil no ámbito da literatura galega. “Os bos froitos da situación actual da literatura no nivel creativo -á altura de calquera literatura Europea- son resultado de vinte ou trinta anos dun proceso que se foi conseguindo mais que agora se está a derrubar. A consecuencia do retroceso da lingua galega no ensino conlevará unha perda de lectores que afectará tamén na produción literaria e editorial”, sinala o presidente da AELG. Comparte tamén a aclaración da avogada e escritora Ledicia Costas, que defendeu que o concepto de profesional non está, no noso caso, vinculado a vivir da escrita, o que practicamente non é posíbel, senón á propia consideración e dedicación profesional á literatura.
“En vinte anos haberá menos escritores, menos lectores e, polo tanto, menos posibilidades de profesionalización. Esta situación nosa contrasta cos avances en Euskadi e Catalunya”, destaca Cesáreo Sánchez Iglesias.”
Arquivo da categoría: Entrevistas
Entrevista a Rafael Lobelle, gañador do Premio de poesía Avelina Valladares con Andar ás póutegas
Entrevista a Antón Dobao no Diario Cultural da Radio Galega sobre As ilusións estrañas
Xosé Manuel G. Trigo: “O lector tradicional está agora nas series de televisión”
Entrevista
a Xosé Manuel G. Trigo en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Que se atoparán os lectores na súa novela [Raíñas no meu xardín]?
– Xosé Manuel G. Trigo (XMGT): Agora que podo obxectivizala un pouco me parece un manual de ensoñanzas. Colle unha dirección distinta aos xéneros máis en circulación neste momento, como a novela negra, a erótica, a romántica e a templaria. É un libro de ensoñación no que predominan os efectos imaxinativos e a vontade de crear un libro de culto á propia persoa. Pero mantén unha dialéctica coas asperezas e adversidades do mundo deste momento, como pode ser o estado da economía ou a fronteira que temos entre un mundo que parece que vai morrer, pero non acaba de facelo, e outro que parece que vai nacer. (…)
– FdV: Hai lectores en galego suficientes para tanta produción?
– XMGT: Ás veces se publica demasiado. Hai xente que publica todo o que escribe. A afirmación de que o lector morreu paréceme esaxerada, pero é certo que hoxe o lector convencional está nas series televisivas. É un consumidor voraz de historias e hai que recoñecer que as mellores historias as elaboran os equipos de guionistas cada vez con máis talento. As series merecen, como xénero narrativo, un crédito e moitas delas son moi plausibles, hai verdadeiras obras de arte e quizais houbo un desvío do consumo narrativo literario. Descende tamén a formación do lector. O sistema educativo non produce lectores.”
Ramón Vilar Landeira: “Aprendín do xornalismo o gusto pola linguaxe clara e precisa”
Cuestionario Proust: Paco Souto
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Paco Souto:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Adaptabilidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A sinceridade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que non teñan un coitelo afiado nas costas.
4.– A súa principal eiva?
– A dispersión.
5.– A súa ocupación favorita?
– A pesca.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Traballar para que ninguén pase fame, tamén de xustiza.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Morrer? Game over.
8.– Que lle gustaría ser?
– Ser humano.
9.– En que país desexaría vivir?
– Na Galiza.
10.– A súa cor favorita?
– Azul, azul cobalto que diria Estevo Creus.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A da laranxeira.
12.– O paxaro que prefire?
– Un arao.
13.– A súa devoción na prosa?
– Esa chica… Sara Mago. Tamén Galeano e Sampedro.
14.– E na poesía?
– O Lorca de Poeta en Nueva York. Avilés.
15.– Un libro?
– Tres que son cinco: Poeta en Nueva York. Cantos Caucanos. Memoria del fuego.
16.– Un heroe de ficción?
– Ulises.
17.– Unha heroína?
– Maria Balteira.
18.– A súa música favorita?
– O jazz. Morro por un trio de piano, contrabaixo e bateria. Sobre todo se está ao piano Bill Evans ou Monk. Claro que tampouco me disgusta o piano solo do Köln Koncert de Jarret ou o sexteto que gravou o Kind of blue de Miles.
19.– Na pintura?
– Tantos! Goya, Klimt, Munch, Pollock, Kandinski. Fiquei fascinado da expo de Ana Mendieta no CGAC. Tamén lembro como se fora hoxe cando de novo entrei nas covas de Altamira…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Sampedro pola coherencia. A xente do común que traballou arreo e non aparece como resposta de ningún cuestionario Proust. Meus pais.
21.– O seu nome favorito?
– Alba.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A hipocrisía.
23.– O que máis odia?
– A impunidade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Ese bo e xeneroso… Manuel Fraga. Por estar próximo que a historia é moi grande e hai moito onde sachar.
25.– Un feito militar que admire?
– A música militar nunca me soubo levantar… se acaso a revolución dos cravos, claro, que se pegaron poucos tiros. As loitas pola independencia: Cuba, India.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O da ubicuidade… estamos en camiño.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Suicidado. Digoo por aquelo de sermos donos do destino até as últimas consecuencias.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O optimismo comedido.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– O despiste. Pero non o do que che pasa por riba porque non mira máis que para o seu cu.
30.– Un lema na súa vida?
– Pola boca morre o peixe.”
Xurxo Souto adéntrase no mar de Irlanda
Entrevista a María do Cebreiro arredor de Os inocentes
Entrevista de Xiana Arias a María do Cebreiro no Diario Cultural da Radio Galega arredor do seu novo libro Os inocentes:
