Anselmo López Carreira: “Falarmos do reino de Galicia serviu para crebar o dogma da “eternidade” de España”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Anselmo López Carreira en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Vostede xa participara na redacción da Historia Xeral de Galiza, que publicara Edicións A Nosa Terra no 2005. Por que este novo manual de historia [Historia de Galicia]?
– Anselmo López Carreira (ALC): Pasou moito tempo desa publicación. Hai que acomodar as novas perspectivas, estudos e recompilación de materiais desde aquela para cubrir unha necesidade social dun manual simple e actualizado sobre a nosa historia. Ademais, xa que até agora me achegara a este tipo de libros divulgativos como parte dun equipo de investigadores, tiña gana de elaborar unha síntese da historia de Galicia coherente coa miña visión propia sobre o tema.
– B: A súa especialidade é a historia medieval. Como se encara un proxecto coma este, que vai máis alá do obxecto fundamental dos seus estudos?
– ALC: Para facer un percorrido global é básico asentarse nas investigacións doutros autores, facer unha síntese do seu traballo e escolmar aqueles aspectos máis xerais, que lle permitan ao lector ter unha visión do que pasou, o máis ampla e interesante. Hai momentos históricos nos que o historiador, hoxe en día, xa non conta o que pasou, porque non se sabe a ciencia certa senón que explica o que os investigadores acharon. É o caso do período castrexo, capítulo no que enfronto as diferentes escolas sen tomar partido porque os argumentos de ambas son fortes e deben coñecerse.
– B: Como está o panorama historiográfico galego. Dá a sensación de que nas universidades segue a gobernar un paradigma pouco rigoroso, aínda herdeiro de Menéndez Pidal e da Real Academia de la Historia.
– ALC: Ese paradigma é certo que mantén no estudo da historia medieval. A pesar de que moitos dos seus presupostos foron refutados cos documentos, unha e outra vez se repiten falsidades ou medias verdades interesadas para un determinado modelo de construción da historia. Noutros períodos, hai resistencias, como no caso da análise das guerras napoleónicas na península. No caso da Idade Antiga, a historiografía galega tomou independencia desde hai tempo, xa con Florentino Cuevillas e hoxe en día ten ideas orixinais. (…)”

Cuestionario Proust: Ramón Blanco

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Ramón Blanco:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Disperso.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O sentido do humor.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que estean ben escollidas.
4.– A súa principal eiva?
– Cústame dicir «non».
5.– A súa ocupación favorita?
– A comida, se pode ser cunha boa conversa.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Primeira premisa: A felicidade é a ausencia de contratempos e preocupacións. Segunda premisa: A ausencia de contratempos e preocupacións é imposíbel. Conclusión: Polo tanto a felicidade é imposíbel.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a miña parella.
8.– Que lle gustaría ser?
– O espectro de Robespierre acompañado de Madame Guillotina.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nas Illas Caimán, para facer churrascadas cos veciños ilustres.
10.– A súa cor favorita?
– Amarela.
11. – A flor que máis lle gusta?
– Rododendro.
12.– O paxaro que prefire?
– Garza.
13.– A súa devoción na prosa?
– Enrique Vila-Matas ou Mircea Cărtărescu.
14.– E na poesía?
– Derek Walcott.
15.– Un libro?
– A conxura dos necios, de John Kennedy Toole.
16.– Un heroe de ficción?
– William «Will» Munny, interpretado por Clint Eastwood en «Sen perdón».
17.– Unha heroína?
– Clarissa Dalloway (Mrs. Dalloway).
18.– A súa música favorita?
– Silvio Rodríguez e o rock anglosaxón dos setenta.
19.– Na pintura?
– Marc Chagall.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Fidel Castro.
21.– O seu nome favorito?
– Lucía.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A mala educación.
23.– O que máis odia?
– Os fillos de puta que se apropian do mundo impunemente.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– O doutor Josef Mengele, «o anxo da morte» de Auschwitz.
25.– Un feito militar que admire?
– A derrota nazi en Stalingrado.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A claridade.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De súpeto.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Cismón.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Certo grao de hipocrisía e covardía.
30.– Un lema na súa vida?
– “Entre a dor e a nada, escollo a dor” (W. Faulkner). Os meus amigos dirán que é: «Se o sei non veño».”

Cuestionario Proust: Marilar Aleixandre

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Marilar Aleixandre:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Talvez o perfeccionismo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O espírito crítico.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que me acompañen no camiño (ás veces por causas perdidas).
4.– A súa principal eiva?
– A impaciencia.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A felicidade adopta moitas formas, o amante, os libros, camiñar polo monte entre os abruñeiros en flor.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a capacidade de razoar.
8.– Que lle gustaría ser?
– Gústame ser o que son, escritora e investigadora sobre o pensamento crítico.
9.– En que país desexaría vivir?
– Eu vivo aquí en Galicia porque é onde quero vivir.
10.– A súa cor favorita?
– Azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A flor do abruñeiro, ou a cerdeira, as maceiras, a rosa ventureira, as flores de cinco pétalos desas árbores (da familia da rosa).
12.– O paxaro que prefire?
– O animal que prefiro é o lagarto arnal, supoño que vale por estar emparentado cos dinosauros e as aves.
13.– A súa devoción na prosa?
– Conrad.
14.– E na poesía?
– Sylvia Plath.
15.– Un libro?
– Dart (é o nome dun río) de Alice Oswald.
16.– Un heroe de ficción?
– Corto Maltés.
17.– Unha heroína?
– Scout Finch, a protagonista de “Matar un reiseñor” de Harper Lee.
18.– A súa música favorita?
– Uns días a sonata para piano e violín en si bemol K378 de Mozart, outros Lester Young ao clarinete (mellor que ao saxo) tocando “I cover the waterfront”.
19.– Na pintura?
– O autorretrato de Kazimir Malevich, o autorretrato de Egon Schiele (“Poeta”).
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Rosa Luxemburgo, que pagou coa vida ser crítica co seu país e o seu partido.
21.– O seu nome favorito?
– Kalypso (é o nome dunha amiga grega).
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Choromicar, facerse a vítima.
23.– O que máis odia?
– O machismo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco, pois tiven que aturalo.
25.– Un feito militar que admire?
– A deserción.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Cantar.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Mentres estou durmindo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Esgazada entre varios proxectos que quero facer a un tempo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A gula.
30.– Un lema na súa vida?
– Rebelarse contra o establecido para mudalo.”

Ramón Villares: “A cultura ten un inxusto sambenito de ser un lugar de subvencións”

Entrevista a Ramón Villares en La Voz de Galicia:
“Ramón Villares Paz acaba de ser reelixido presidente do Consello da Cultura Galega. Será o seu derradeiro mandato ao fronte desta entidade, uns anos nos que as novas tecnoloxías e a acción exterior estarán moi presentes.
– La Voz de Galicia (LVG): ¿Enfróntase á terceira etapa de xeito distinto ás dúas primeiras?
– Ramón Villares (RV): Cada etapa é distinta. Agora hai outro contexto histórico. A primeira foi de reorganización interna; na segunda fixemos unha tentativa de sobrevivir en tempos de crise; e esta terceira vai estar presidida por unha maior presenza na rede e unha recuperación ou un impulso da acción exterior.
– LVG: ¿É o de agora outro contexto histórico pola crise?
– RV: Non soamente. Na cultura temos cambiado moito, pero non nos damos moita conta. Coas novas tecnoloxías e a rapidez da información, hai moitas máis posibilidades de que un poida estar presente, crear, facer un blog, un documental, e iso muda a nosa forma de entender a cultura. Tamén cambian os públicos, que xa non son estáticos nin cautivos que veñen a unha sala pechada a escoitar unha conferencia. (…)
– LVG: Se saímos da crise, ¿cultura e institucións sairán reforzadas?
– RV: É probable. A crise obriga a todos os sectores a medir mellor os seus obxectivos e priorizar. A cultura non é dos que peor utilizou os seus recursos. É unha oportunidade para depurarse e funcionar mellor. A cultura ten un sambenito de que é un lugar de subvencións, que é un floreiro. É profundamente inxusto, xa me dirás qué pasa coa agricultura, a pesca ou a automoción. Habería que substituír a PAC (política agraria común) pola PEC (política europea da cultura).”

Entrevista a Ledicia Costas sobre Recinto gris no Clube de Lectura CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco

Entrevista do blogue do Club de Lectura do CPI ‘Alcalde Xosé Pichel’ de Coristanco a Ledicia Costas:
“(…) – Clube de Lectura do CPI Alcalde Xosé Pichel (CLAXP): De onde naceu a idea de traballar a temática que desenvolves en Recinto Gris?
– Ledicia Costas (LC): A idea naceu nunha época na que eu estaba a documentarme para a escrita dun libro de relatos arredor da Segunda Guerra Mundial. Afondei no tema dos totalitarismos e, máis en concreto, do ascenso do nacionalsocialismo en Alemaña e nas súas repercusións. Decateime entón de que nos plans de estudos non se abordaba practicamente este tema. Fun máis alá e percibín que existía un enorme baleiro académico no que se refire aos holocaustos. Entón díxenme: se nos centros de ensino non se estudan os xenocidios, temos un problema. E decidín abordar o tema nunha obra, para que puidese ser tratado nas aulas, aínda que sexa de xeito transversal.
– CLAXP: Entendemos que a protagonista Nube representa o perfil dunha nena autista. É así? Por que esta escolla?
– LC: O que padece Nube exactamente é Síndrome de Asperger. Escollín este trastorno porque na sociedade existen moitas persoas que conviven con este problema, tanto nenos e nenas coma persoas adultas. Quixen poñer de manifesto algunhas das dificultades coas que se atopan os Asperger na súa vida diaria (dificultade á hora de interaccionar socialmente, problemas de comunicación…), así como a súa excelencia intelectual. Quixen desmitificar a imaxe que se ten das persoas que padecen este tipo de trastornos incidindo nas problemáticas do día a día. (…)
– CLAXP: Como te sentiches unha vez rematada a escrita desta novela?
– LC: Sentín que escribira exactamente o que quería: unha distopía que integra elementos do realismo máxico, na que se achega ao lectorado un tema para min imprescindible, como é o holocausto e o funcionamento dos sistemas totalitaristas. E máis aínda, nestes momentos en que a ultradereita ascendeu en Europa de xeito tan preocupante. A única posibilidade de non cometer os mesmos erros no futuro, é coñecer os erros que se cometeron no pasado. Necesitamos rapazas e rapaces con capacidade crítica e con vontade de cambio.”