Cambados: homenaxe a Luis Fernández Silvoso, exposición e recital poético

O sábado 12 de novembro, ás 20:00 horas, na Galería Borrón 4 de Cambados (Avenida de Galicia), inaugúrase unha exposición en homenaxe a Luis Fernández Silvoso, que permanecerá aberta até o sábado 3 de decembro, na que participan 23 pintores e oito escultores. No acto leranse poemas de Saúl Otero, Miguel Anxo Fernán-Vello e Baldo Ramos.

Mos: presentación do proxecto 2020 European Art Tour

O venres 9 de decembro, no Pazo dos Marqueses de Mos, terá lugar o acto de presentación do proxecto itinerante de arte e cultura 2020 European Art Tour, deseñado para que novos artistas de todalas disciplinas poidan ter un espazo de difusión para as súas creacións. No evento haberá exposicións, presentación de obras, mercado creativo e sesións de curtametraxes. Os interesados en participar poden contactar coa organización nestas dúas ligazóns do proxecto.

A Coruña: exposición Le monde habité, con fotografías de Gustavo García Roig e poemas de François Davo

Desde o mércores 9 ao mércores 30 de novembro, na Casa Museo María Pita (Rúa Herrerías, 28) da Coruña, con horario de martes a sábado, de 10:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 20:00 h., domingo, de 10:30 a 14:00 h. (luns pechado), e dentro do Outono fotográfico 2011, poderase visitar a exposición Le monde habité, coa fotografía de Gustavo García Roig e a poesía de François Davo. A inauguración terá lugar o mércores 9 de novembro, ás 20:00 horas, e, dentro dela, terá lugar un recital poético do propio autor.

Rianxo: presentación de In vino veritas, de Francisco Castro

O venres 28 de outubro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Rianxo, preséntase In vino veritas, de Francisco Castro, publicado en Galaxia. No acto, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, e no que participan, acompañando ao autor, María Xesús Blanco López e Antón Riveiro Coello, presentarase a exposición de Che Tembra Castelao: 125 aniversario. Ao inicio e ao final do acto Iago Hermo Martínez interpretará varias pezas musicais ao piano.

Edición ampliada de Lois Pereiro. Achegas críticas

“O dosier que Poesiagalega.org presentaba o pasado mes de maio sobre Lois Pereiro conta xa cunha segunda edición ampliada. A nova versión “incorpora unha parte significativa da relevante produción crítica dedicada ao autor con motivo da celebración do Día das Letras”, entre as que se atopan os suplementos publicados en El Ideal Gallego, Faro de Vigo e Xornal de Galicia, así como o catálogo completo da exposición Desembarco dos 80. Cando A Coruña foi posmoderna. Asimesmo, tamén se poden ouvir e ollar as entrevistas que lle fixeron Ana Romaní e Xosé Ramón Gayoso ao poeta ou diferentes documentos audiovisuais que recollen a celebración do Día das Letras.” Desde Cultura Galega.

Santiago: exposición Suleiman e Salúa, de Ali Ali, sobre un conto de Francisco X. Fernández Naval

Do mércores 5 ao xoves domingo 23 de outubro, con horarios de luns a venres de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h., e sábados de 11:00 a 14:00 horas, na Galería Caroní da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas (Rúa do Vilar, 21) de Santiago de Compostela, estará aberta a exposición Suleiman e Salúa, que recolle as ilustracións (de 1,20 m. de alto) que o artista sirio Ali Ali realizou sobre un conto, que tamén se pode ler alí mesmo, escrito por Francisco X. Fernández Naval como unha recreación fantástica dos recordos da infancia do artista, centrada nunha aldea das montañas do leste de Siria. Segundo o autor galego, Ali Ali “faloume da xeografía, da aldea situada ao pé dun lago, dos costumes e das festas nas que participaban os nenos, do ceo estrelado, dos animais e dos seres míticos. Con toda a súa memoria eu construín esa historia que el logo ilustrou”. A inauguración terá lugar o mesmo mércores 5 ás 20:30 horas.

Santiago: exposición con obra pictórica de Baldo Ramos, Aurichu Pereira e Xulio García Rivas

Do venres 30 de setembro ao venres 28 de outubro, con horario de visita de luns a venres de 12:00 a 14:00 horas, e de 18:00 a 21:00 horas, na Galería de Arte Citania (Rúa Algalia de Abaixo, 39) de Santiago de Compostela, exporán a súa obra pictórica Baldo Ramos, Aurichu Pereira e Xulio García Rivas. A inauguración terá lugar o propio venres 30 setembro, ás 20:30 horas.

A Coruña: inauguración de Libros para soñar

O venres Libros para soñar30 de setembro, a partir das 18:00 horas, e con entrada libre até completar capacidade, inaugúrase Libros para soñar na Coruña (Avenida de Fisterra, 64). Trátase dunha libraría especializada en Literatura Infantil e Xuvenil que conta tamén cun lugar de lectura e cunha sala para realizar sesións de contacontos, obradoiros infantís de plástica e de escrita creativa, cursos de formación para mediadores e profesionais do ensino, e exposicións de ilustracións orixinais co obxectivo de inculcar a sensibilidade estética necesaria para apreciar o traballo dos artistas plásticos nos libros. O acto de inauguración, no que vai participar o equipo de animación á lectura de Kalandraka, xunto con varios autores e ilustradores, consistirá nunha sesión especial de contos e música, aberta ao público. O ilustrador Pablo Otero -ourensán afincado na Coruña- protagoniza a primeira mostra do novo espazo: as imaxes do álbum Contos por teléfono, un libro de relatos do escritor italiano Gianni Rodari, e que se poderá visitar até finais do vindeiro mes de outubro.

A Coruña: exposición No niño novo do vento, e faladoiro sobre A obra dramática de Álvaro Cunqueiro

A Consellería de Cultura, Editorial Galaxia, e Fundación Penzol, coa colaboración do Concello da Coruña, presentan a exposición No niño novo do vento, conmemorativa do centenario de Álvaro Cunqueiro, que estará aberta desde o xoves 8 de setembro na Sala Municipal de Exposicións do Palexco, na cidade herculina.  A exposición, comisariada por María García Liñeira e Víctor F. Freixanes, estrutúrase en cinco grandes apartados, que describen o universo cunqueiriano a través de elementos tan íntimos como a reprodución do seu escritorio de traballo, a narración biográfica no seu contexto histórico e vital ou a exhibición de materiais de grande valor tanto emocional como patrimonial. Un espazo audiovisual reproduce en vídeo distintos documentais, entrevistas e gravacións das súas obras teatrais; e dous computadores con pantallas interactivas permiten a consulta de datos, fotos e bibliografía. Editouse así mesmo, como material complementario, un catálogo sobre os contidos da exposición. A inauguración terá lugar o xoves 8 ás 12:00 horas. (…)
O mesmo día, ás 19:00 h., no mesmo recinto, Ánxeles Cuña, Manuel Lourenzo, Euloxio R. Ruibal e Laura Tato participarán nun faladoiro baixo o título A obra dramática de Álvaro Cunqueiro.