Ramón Neto Otero, Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

O xurado da XXII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, reunido en Fene, resolveu outorgar o premio ao libro A estación única dunha illa, presentado baixo o pseudónimo Glas-Ao. Aberta a plica, o libro resultou ser da autoría de Ramón Nieto Otero, escritor nado na na Illa de Arousa en 1975. Licenciado en filoloxía inglesa, fixo o último ano da carreira cunha beca Erasmus na Universidade Libre de Bruxelas e, dende aquela, reside na capital belga dedicado ao ensino da lingua inglesa. Ten estudos de música clásica e jazz e é un afeizoado á cultura mariñeira, practicando no mar de arousa a navegación en dorna. O libro gañador será publicado na colección de poesía Espiral Maior, a máis importante colección de poesía galega. O gañador do premio recibirá, ademais, unha peza cerámica do artista Francisco Pérez Porto, fillo de Xosemaría Pérez Parallé.

O xurado, integrado polo poeta e artista plástico Baldo Ramos, Carmen Bar, exdirectora da biblioteca de Narón e Susana Sánchez Aríns, gañadora da XXI edición do premio, mencionou especialmente a alta calidade xeral das obras presentadas, destacando particularmente as tituladas O xardín de inverno e outras augas e Noites na casa do pai.

A entrega do premio terá lugar na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, entidade convocante do premio, o próximo sábado 21 de novembro.

Juan Carlos Mestre, Premio Nacional de Poesía

Juan Carlos Mestre (Vilafranca do Bierzo, 1957) foi galardonado co Premio Nacional de Literatura 2008 na modalidade de Poesía pola obra La casa roja. Concede o premio o Ministerio de Cultura para distinguir unha obra de autor español escrita en calquera das linguas oficiais do Estado e editada en España durante 2008. Está dotado con 20.000 euros. [Ler nota de prensa completa]

Dúas obras e tres autoras comparten o Premio de Poesía Victoriano Taibo

O xurado da segunda edición do Premio de Poesía Victoriano Taibo dediciu nomear gañadoras ex aequo dúas obras e tres autoras, dada a súa calidade. As nomeadas foron María Carmen Caramés, por Cuarto minguante, e Elvira Riveiro Tobío e Silvia Penas Estévez pola autoría colectiva de Biografía da multitude. O premio está dotado con 3.000 euros –que terán que repartir entre elas–, unha escultura conmemorativa realizada polo artista Fino Lorenzo e a edición da obra na colección de poesía do Instituto de Estudos Miñoranos. [Ler noticia completa en Xornal de Galicia]

Pablo Bouza gañou o XXXV Certame Literario Concello de Vilalba

O poeta Pablo Bouza Suárez vén de gañar o XXXV Certame Literario do Concello de Vilalba, dotado con 3000 euros e publicación da obra, polo seu poemario Poética da memoria. O xurí estivo composto polo concelleiro de cultura de Vilalba, José María García-Leira, o académico e escritor Darío Villanueva, o xornalista Fidel Fernán e o xefe territorial de cultura en Lugo, José Carlos Rodríguez Andina. Pablo Bouza foi tamén o vencedor hai uns meses do Premio de Poesía Concello de Marín.

Pablo Bouza Suárez gaña o Certame de Poesía Concello de Marín

O poeta de Fene Pablo Bouza Suárez foi o gañador da XV Edición do Certame de Poesía Concello de Marín pola súa obra A pel da pedra presentado baixo o pseudonimo de “Mazafacha. A entrega do premio tivo lugar o pasado día 17 de maio no Museo de Manuel Torres de Marín.

Elisabet Ríos Liste, Premio de Poesía Concello de Carral

Elisabet Ríos Liste, coa súa obra Nós escoitando o badalo de Marienplatz resultou gañadora do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano. O xurado, formado polos poetas Luis González Tosar, Lucía Novás e Paulino Peña Álvarez, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Mª José García Fariña, e asistidos en calidade de secretario polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez, escolleu o libro de Elisabet Ríos entre as 42 obras presentadas ao certame, salientando a súa calidade, frescura e innovación.

O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. O acto de entrega do premio terá lugar o 29 de maio, na Biblioteca de Carral.

Javier de la Rosa, Premio Esquío 2009

O escritor Javier de la Rosa foi o gañador da XXVII edición do Premio Esquío de Poesía coa súa obra Diario vespertino. O xurado outorgou ademais un áccesit ao poeta coruñés Francisco Vila. No concurso de poesía en galego o vencedor foi o ferrolano Marcelino Sixto Deibe. O xurado recoñeceu tamén os traballos presentados por Carlos García Gómez (Ferrol) e María Jesús Concejo (A Coruña).

Baldo Ramos gaña o IX Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

Sarria, 14 de marzo de 2009

Reunidos na casa do Concello de Sarria os membros do xurado do IX Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño acordamos conceder o premio ao libro presentado baixo o lema: *Palabras para un baleiro*.

Neste libro atopamos unha reflexión profunda sobre o sentido da poesía como canle para entender a vida, para interpretar vivencias inefables. Un achegamento existencialista, case filosófico, na procura dunha expresión alén da propia poesía. Unha poesía esencializada con moito sentido do ritmo.

Aberta a plica da obra seleccionada, en acto público celebrado ás 13:30 horas, resultou ser o seu autor Baldo Ramos.

Xosé Antón Neira Cruz, Lucía Aldao, Pilar Pallarés, Xermán Arias (Presidente), María Casar (secretaria).

Mario Regueira gaña o Johán Carballeira

«Foi unha decisión difícil. O xurado, reunido no Concello de Bueu, dubidou durante boa parte da tarde do martes entre dúas obras. Finalmente escolleron o Blues da Crecente de Mario Regueira; porén, o debate non era tan importante en realidade, pois a outra obra que chegou ao final con opcións de gañar o premio tamén fora presentada por Regueira. O xurado salientou que o poemario “representa unha reflexión sobre o amor e as súas condicións existenciais, nun conxunto poemático sometido a unha esixencia de gran atractivo; rítmica, poesía e vida entrelazadas, o amor como sinal de unión e de liberación” […]» (Vieiros)