



Mañá sábado 27 de marzo reunirase o xurado do X Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño para realizar a derradeira deliberación. O xurado está formado por Olalla Cociña, Cesáreo Sánchez Iglesias e Miguel Anxo Fernán-Vello, e nel tamén participan con voz e sen voto o concelleiro de cultura de Sárria, Xermán Arias e a Presidenta de Ergueitos, María Casar. Ás 13:30 horas abrirase a plica da obra gañadora no salón de actos da casa do Concello de Sárria.
Alberte Momán gañou a VII edición do Certame de Poesía Aurelio Aguirre coa obra Sermos un. O xurado valorou “a construción do poemario, a perfecta cohesión entre o poético e o real permitindo transmitir unha confesión irreverente a través do verso libre que flúe na conciencia social”.
O vencedor do IX Certame de Relato Curto José Saramago foi Diego Giráldez García coa obra Un cometa para unha despedida, sobre a cal o xurado salientou a solidez da linguaxe, a tensión do relato e o misterio que envolve o argumento. Os dous premios están organizados pola concellaría de Cultura de Santiago.
O escritor Xavier Rodríguez Baixeras gañou onte a oitava edición do Premio de Poesía Caixanova, dotado con 12.000 euros, pola súa obra Deserto diamantino, que foi presentada ao certame baixo o lema Areoura. O director da Obra Social de Caixanova, Guillermo Brea, e o presidente do PEN Clube de Galicia, Luís González Tosar, deron a coñecer o fallo da convocatoria, que se produciu tras unhas dúas horas de deliberacións. O tribunal escolleu o poemario de Baixeras entre un total de 55 propostas, ao xulgar que esta obra retoma aspectos do mundo poético clásico “maxistralmente engarzados coa herdanza da linguaxe patrimonial”. Segundo o órgano encargado da selección, o texto fai unha “fonda reflexión dende a experiencia da madureza vital e literaria, apostando por unha revitalización da poesía estrófica e rimada” ao servizo dunha visión actual do mundo.
Noticia recollida do Xornal de Galicia.

O xurado da XXII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, reunido en Fene, resolveu outorgar o premio ao libro A estación única dunha illa, presentado baixo o pseudónimo Glas-Ao. Aberta a plica, o libro resultou ser da autoría de Ramón Nieto Otero, escritor nado na na Illa de Arousa en 1975. Licenciado en filoloxía inglesa, fixo o último ano da carreira cunha beca Erasmus na Universidade Libre de Bruxelas e, dende aquela, reside na capital belga dedicado ao ensino da lingua inglesa. Ten estudos de música clásica e jazz e é un afeizoado á cultura mariñeira, practicando no mar de arousa a navegación en dorna. O libro gañador será publicado na colección de poesía Espiral Maior, a máis importante colección de poesía galega. O gañador do premio recibirá, ademais, unha peza cerámica do artista Francisco Pérez Porto, fillo de Xosemaría Pérez Parallé.
O xurado, integrado polo poeta e artista plástico Baldo Ramos, Carmen Bar, exdirectora da biblioteca de Narón e Susana Sánchez Aríns, gañadora da XXI edición do premio, mencionou especialmente a alta calidade xeral das obras presentadas, destacando particularmente as tituladas O xardín de inverno e outras augas e Noites na casa do pai.
A entrega do premio terá lugar na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, entidade convocante do premio, o próximo sábado 21 de novembro.
Juan Carlos Mestre (Vilafranca do Bierzo, 1957) foi galardonado co Premio Nacional de Literatura 2008 na modalidade de Poesía pola obra La casa roja. Concede o premio o Ministerio de Cultura para distinguir unha obra de autor español escrita en calquera das linguas oficiais do Estado e editada en España durante 2008. Está dotado con 20.000 euros. [Ler nota de prensa completa]
O xurado da segunda edición do Premio de Poesía Victoriano Taibo dediciu nomear gañadoras ex aequo dúas obras e tres autoras, dada a súa calidade. As nomeadas foron María Carmen Caramés, por Cuarto minguante, e Elvira Riveiro Tobío e Silvia Penas Estévez pola autoría colectiva de Biografía da multitude. O premio está dotado con 3.000 euros –que terán que repartir entre elas–, unha escultura conmemorativa realizada polo artista Fino Lorenzo e a edición da obra na colección de poesía do Instituto de Estudos Miñoranos. [Ler noticia completa en Xornal de Galicia]
O poeta Pablo Bouza Suárez vén de gañar o XXXV Certame Literario do Concello de Vilalba, dotado con 3000 euros e publicación da obra, polo seu poemario Poética da memoria. O xurí estivo composto polo concelleiro de cultura de Vilalba, José María García-Leira, o académico e escritor Darío Villanueva, o xornalista Fidel Fernán e o xefe territorial de cultura en Lugo, José Carlos Rodríguez Andina. Pablo Bouza foi tamén o vencedor hai uns meses do Premio de Poesía Concello de Marín.
O gado do Senhor, da poeta portuguesa Rosa Alice Branco, resultou a obra gañadora do Premio de Poesía Espiral maior, quedando por detrás un total de 198 títulos procedentes de Galicia, Portugal, Angola e Brasil [Ler noticia completa]