A minha embala gaña o concurso Musicando Carvalho Calero

O concurso Musicando Carvalho Calero, organizado pola Associaçom Galega da Língua (AGAL) e Komunikando, foi gañado por A minha embala, proxecto da angolana Aline Frazão e o segoviano César Herranz, coa súa versión do tema Maria Silêncio. O xurado estaba formado por Carlos Quiroga, Xavier Freire, Carlos Mourente Valcárcel e Leo Fernández Campos (Leo i Arremecághona). O premio consiste nunha semana nun estudio profesional de música para gravaren os temas que consideraren oportunos e tres dias máis para as misturas e masterización do disco. Este incluirá o tema enviado ao concurso e será editado con licenza Creative Commons. O orzamento do premio foi compartillado polas concellarias de cultura da Coruña, Santiago e Ourense. Máis información na web de Komunikando.

San Cibrao, Cervo: inauguración da exposición Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!

Con motivo da celebración do 125 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro a Fundación Manuel María promove varios actos que van ter lugar no Museo Provincial do Mar (Avenida da Mariña, s/n.), San Cibrao, Cervo, entre o 2 ao 15 de novembro de 2010. O día 2 de novembro, ás 20:00 h. terá lugar a inauguración da exposición Rosalía sempre viva. Viva Rosalía, que se poderá visitar co seguinte horario: de martes a sábado: mañás de 11:00 a 14:00, tardes de 16:00 a 19:00 h., domingos e festivos: mañás de 11:00 a 14:00, luns pechado. A entrada é gratuíta.

Vigo: exposición Fermín Penzol. Unha obra para un país

Desde o mércores 20 de outubro até o martes 30 de novembro, na Fundación Penzol, Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, s/n.), de Vigo está a exposición Fermín Penzol. Unha obra para un país, mostra homenaxe, coordinada por María Dolores Cabrera e Henrique Monteagudo, a este rexistrador da propiedade, bibliófilo galeguista, que durante toda a súa vida e dende a mocidade se dedicou a reunir libros e documentos referidos á nosa cultura, dende a Idade Media aos nosos días. Poderá ser visitade no seguinte horario: de luns a venres, de 18 a 21:30 h., sábados, de 11 a 14 h, e de 18 a 21:30 h. e domingos e festivos, de 11 a 14 h.

Vilalba: concesión do premio Chairego de honra a Felipe Senén López

O sábado 30 de outubro, a partir das 12:00 h., no Muíño do Rañego, en Vilalba, celébrase unha mesa redonda sobre a figura de Felipe Senén, distinguido este ano como Chairego de honra, coa participación de Felipe Arias, Xoán Naveiro López, Xosé Neira Vilas, Francisco Pillado e David Otero. Organizado pola Irmandade Manuel María.

A Coruña: Carvalho Calero. De puño e letra, exposición-homenaxe da AS-PG

Do 2010-10-30 Carvalho Calerosábado 30 de outubro ao martes 30 de novembro, na Casa Museo Casares Quiroga (rúa Panaderas, 12) da Coruña, estará aberta a exposición Carvalho Calero. De puño e letra, organizada pola Asociación Sócio-Pedagóxica Galega con motivo do centenario do seu nacemento, como homenaxe ao autor da primeira historia da literatura galega. A inauguración será o sábado 30 de outubro ás 12:00 h.

Santiago: Foro Encrucillada, Repensar a Teoloxía. Recuperar o cristianismo, en homenaxe a Andrés Torres Queiruga

A revista Encrucillada homenaxea ao escritor Andrés Torres Queiruga, un dos teólogos galegos con máis peso no mundo católico celebrando nos vindeiros 28, 29 e 30 de outubro o seu tradicional Foro de Relixión e Cultura (que celebra a súa XXV edición) en Santiago de Compostela. Nesta edición, Encrucillada quere render, tamén, unha homenaxe ao seu antigo director, Torres Queiruga, quen se xubila este mesmo ano, pasando a ser profesor emérito da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago. Participarán nesta homenaxe compañeiros e escritores como Victorino Pérez Prieto, Xesús Ferro Ruibal ou Xosé Luís Barreiro Barreiro. O programa e emprazamentos pódense descargar neste enlace.