Entrega do Facho de Ouro a Xosé Neira Vilas

«A Directiva da Agrupaçom acordou outorgar O Facho de Ouro ao escritor e homem de bem, D. Xosé Neira Vilas, como testemunha e reconhecimento a sua longa trajectória na defesa da dignidade e da cultura do País. O acto cívico será acompanhado dumha ceia-homenagem que se celebrará o sábado, dia 31 de Janeiro, às 21 horas no Hotel Riazor d’A Corunha.
Preço por pessoa: 30 €. Para reservar lugar chamade a Rafael (telefone: 981.269.663-tardes; c. electrónico: lobezan@yahoo.es)» (Agrupaçom Cultural O Facho)

O grupo poético De Amor e Desamor celebra os seus 25 años

«Durante este ano, os segundos martes de cada mes, a sede da asociación cultural Alexandre Bóveda, na Coruña, acollerá un recital poético para celebrar os 25 anos do grupo De Amor e Desamor. Esta xeración xurdía na cidade coruñesa en 1984 e reunía a poetas que van desde o falecido Lois Pereiro ata Monterroso Devesa, pasando por Xavier Seoane, Manuel Rivas, Lino Braxe, Pilar Pallarés, Miguel Mato e Salinas Portugal. Estes autores publicaron entón un poemario actualmente descatalogado.[…]» (La Voz de Galicia)

O PEN Clube de Galicia concede a Marcos Valcárcel o seu premio

«As uvas na solaina é o blog personal do escritor e historiador ourensán Marcos Valcárcel. Os artigos que publica nel, así como o seu compromiso coas letras galegas, acaban de lle valer o Premio PEN 2009, que concede o PEN Clube a persoeiros da literatura galega que destacaran na defensa dos dereitos de opinión e de expresión. O premio consiste nunha figura conmemorativa que se lle entregará en breve en Santiago de Compostela. O xurado do PEN Clube quere facer coincidir o acto coa presentación dun libro de homenaxe que están a elaborar os seus amigos. (culturagalega.org)

No 59º cabodano de Castelao

«A Federación de Asociacións Galegas de Arxentina homenaxeará a Castelao cun acto en Bos Aires o próximo 20 de xaneiro. Varios representantes da colectividade galega en Arxentina acudirán á ofrenda floral que se colocará no monumento levantado en honra do escritor, político e intelectual galego, na praza que leva o seu nome na capital porteña. Actuarán a cantante Lorena Lores e a Banda de Gaitas Federal.

Mentres, aquí, na outra beira do Atlántico, a Fundación Castelao anuncia que acabará de catalogar este ano toda a obra de Castelao. Este mesmo día, coincidindo co 59 cabodano do escritor, terá lugar, como todos os anos, unha homenaxe no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval (Compostela), onde repousan os seus restos. Será diante do sartego ás 17.30. O autor morreu o 7 de xaneiro de 1950 no hospital do Centro Galego de Bos Aires. Tamén no Rianxo natal de Castelao, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, presidirá a homenaxe, que comeza ás 11.00 cunha intervención na casa da cultura. Posteriormente, realizarase unha ofrenda floral no monumento a Castelao. […]» (A Nosa Terra)

Ourense: roteiro literario “A esmorga”

Mañá venrés día 19 de decembro, a partir das sete da tarde, a Sección de Literatura do Liceo de Ourense convoca unha nova edición do ROTEIRO A ESMORGA. O inicio terá lugar ás 19:00 horas na Avenida de Zamora, para logo irse desprazando ao longo da cidade medieval polos mesmos espazos físicos e emotivos que percorreron os personaxes da inmortal novela de Eduardo Blanco Amor.

Nesta ocasión a lectura dos textos será a cargo dos alumnos do Instituto de Educación Secundaria da Carballeira, coa que pretenden renderlle a súa pequena homenaxe ao seu profesor, verdadeiro impulsor deste roteiro, Marcos Valcárcel. O peche desta nova edición farase diante da estatua do escritor ourensán na Praza do Bispo Cesáreo, rematando cun viño galego na Sala de Tertulia do Liceo. (Liceo de Ourense)

Vilalba: homenaxe a Agustín Fernández Paz

O domingo 14 de decembro Agustín Fernández Paz será homenaxeado no Muíño de Rañego (Vilalba). Ás 12:00 terá lugar unha mesa redonda sobre a súa obra na que participarán Fina Casalderrey, Xabier P. DoCampo, Paco Martín, Xulio Xiz e Manuel Bragado. Ademais colocarase o terceiro hectómetro literario no Paseo dos Soños e celebrarase un xantar de irmandade no restaurante «A Nova Ruta» de Vilalba. Pode avisarse asistencia ao xantar no teléfono: 646413890. A organización é responsabilidade da Fundación Manuel María.

Compostela: presentación das Actas da I Xornada sobre a figura de don Juan Antonio Posse

O xoves 4 de decembro ás 20:00 terán lugar a presentación na Libraría Couceiro de Santiago as Actas da I Xornada sobre a figura de don Juan Antonio Posse, o crego liberal, con motivo do 240 aniversario do seu nacemento. Falarán: Ana Romero Masiá (catedrática IES Monte dos Postes-A Coruña), Pegerto Saavedra (catedrático Historia Moderna USC), Ramón Mariño Paz (profesor titular Filoloxía USC), Xosé Mª Méndez Doménech (membro do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte), Xosé Mª Lema Suárez (editor destas Actas) e Jacobo Llamas (director Ed. Toxosoutos de Noia).

A Coruña: conferencia de Henrique Rabuñal na UIMP

O escritor e profesor Henrique Rabuñal intervén na Universidade Internacional Menéndez Pelayo dentro do curso consagrado ao 800 aniversario da Coruña para falar da relación entre a poesía galega e a cidade herculina. O acto é o venres 28 ás 16.30 da tarde na Fundación Luís Seoane e leva como título “A Coruña no espello dos seus poetas”.
Henrique Rabuñal é autor de dúas obras de temática coruñesa: Poemas coruñeses (2008) e A Coruña na historia (1999). Poemas coruñeses leva un prólogo do alcalde Javier Losada, foi editado dentro das actividades do proxecto “A Coruña 800” e contén unha antoloxía de poesía galega sobre a A Coruña de autores e autoras dos séculos XIX e XX, desde Rosalía de Castro ata Manuel Rivas.
Henrique Rabuñal é un dos autores do volume A Coruña á luz das letras, de recente publicación, no que múltiples autores actuais evocan a cidade do Faro.

A Coruña: Historias da Coruña. A memoria da cidade

Do 19 ao 28 de novembro de 2008 deselvolveranse as Historias da Coruña. A memoria da cidade: “O futuro da cidade construímolo entre todos e todas, no día a día, aproveitando sempre o traballo e a experiencia de quen nos precedeu, ao tempo que planificamos en termos de futuro, transcendendo intereses inmediatos co pensamento nas vindeiras xeracións.”

Intervirán através dun amplo programa Xavier Seoane, Aurora Marco, María Lopo, Kathleen March, Tareixa Campo, Laura Tato, Cilha Lourenco, Carlos Biscaínho, Xosé António Fraga, Xosé Luís Martínez, Laura Mariño e Diego Pardo. Ver programa. (AS-PG)