A AELG realiza unha ofrenda floral a Rosalía como acto institucional para recibir unha delegación de alumnado da Universidade Estadual do Ceará (Brasil)

O 17 de outubro a AELG realizou unha homenaxe floral a Rosalía de Castro no Panteón de Galegos Ilustres, coa participación do seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias, no marco das relacións coa Universidade Estadual do Ceará (Brasil) e o Centro de Estudos Turísticos da Universidade de Santiago de Compostela. Para a AELG, esta ofrenda floral á nosa poeta nacional é o máis relevante acto institucional que unha cultura pode ofrecer a outra cultura irmá.
Un grupo de alumnado da institución brasileira visitou Compostela entre o 14 e o 18 de outubro tivo lugar o un curso de Planificación turística comparada e experiencias internacionais en materia de turismo, no que A elección de Galicia como destino do curso baseouse na proximidade lingüística entre galego e portugués, tal e como indicou Jakson Renner Rodrigues Soares, investigador na USC e director do curso, ofertado polo Centro de Estudos Propios da USC (CEP).
A Universidade Estadual do Ceará é a universidade pública máis destacada do Nordeste brasileiro e conta con 24.000 alumnas e alumnos. Está situada en Fortaleza, na capital do estado, que destaca polo potencial do seu turismo litoral. Millóns de persoas acoden todos os anos ás praias e paraxes de Ceará, así como aos festivais e outros eventos que teñen lugar na rexión. No marco da colaboración coa USC, a UECE acolleu en maio deste ano a Semana das Letras Galegas, que contou coa presenza de Uxía Senlle e Cesáreo Sánchez Iglesias.

Crónica fotográfica da Letra E – O Escritor na súa Terra, Pilar Pallarés, 2019

Estas son algunas das fotografías da Homenaxe Letra E – A Escritora na súa Terra a Pilar Pallarés, que tivo lugar o pasado sábado 29 de xuño na Coruña. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Maceda: crónica da colocación da placa en homenaxe a Francisco Carballo

Agradecemos a Santiago Prol a crónica do acto de colocación da placa en homenaxe a Francisco Carballo en Maceda, o pasado 14 de setembro, publicada no blog da Asociación Amigos de Francisco Carballo, da que recollemos este fragmento:
“(…) Despois de escoitar o solemne Himno do Antigo Reino de Galiza que tanto lle gorentaba a Carballo -nunha loábel interpretación da banda de gaitas de Maceda- e de ler a sentida mensaxe do presidente da AELG, repartiuse o díptico entre os presentes. Escollemos unha das fotos iconográficas que lle tirara Xan Carballa na rúa Príncipe de Vigo a mediados dos anos 80, cun Carballo pletórico e transgresor para os parámetros convencionais daquela época. Santiago Prol leu só o primeiro parágrafo da autobiografía (reproducida no díptico e que el publicara na súa entrada na web da AELG). Francisco Carballo falaba da súa infancia no lugar de Celeirón (niño de reiseñores), da parroquia de Asadur, da familia, das feiras de Maceda, dos xogos, da escola republicana e de que montou a cabalo dende sempre, pois sabía montar dende os tres anos. No libro de Conversas (ANT, 2002) díxonos que o que más botaba en falta no Morrazo naquela altura –tiña 76 anos- era non ter un cabalo: “Os meus curmáns dedicábanse a vender e a mercar gando, como todos os Solveiras. Nós tiñamos cabalo na casa. Os nosos parentes viñan na primavera coas greas de gando, maiormente poldros e cabalos, para que engordasen e se vigorizasen e logo vendíanos na feira de Maceda. Eramos bos xinetes e a miña ilusión, aínda hoxe, sería ter un cabalo. Nós nacemos nos cabalos, era algo consubstancial ao noso tempo”. (…)”