Arquivo da categoría: Ilustración
Antonio García Teijeiro: “Este libro é unha homenaxe máis que merecida, e por suposto necesaria, a Rosalía”
Desde Xerais:
“O programa Diario Cultural da Radio Galega emitiu unha entrevista ao escritor Antonio García Teijeiro sobre o poemario infantil: Paseniño, Paseniño, ilustrado por Marcos Viso.
A entrevista pode escoitarse nesta ligazón, concretamente nos minutos 03´15 a 14´15.”
Paseniño, paseniño: García Teijeiro volve achegar a infancia ás pegadas poéticas de Rosalía
Entrevista de Romina Bal a Antonio García Teijeiro en Praza:
“(…) – Praza (P): Que supón a reedición deste libro [Paseniño, paseniño]?
– Antonio García Teijeiro (AGT): : Foi unha aposta persoal, actualizada por Marcos Viso, e que posúe unha visión actualizada e suxestiva, acompañada por música feita ad hoc e pola voz do poeta. Aínda que o primeiro volume resistiu perfectamente o paso do tempo e aguantou moi ben tamén o traballo exquisito de Xosé Cobas, a proposta de Xerais, ofrece un formato actualizado, moi coidado e editado e, así mesmo, unha lectura distinta.
– Marcos Viso (MV): Por suposto, eu coñecía xa o volume, xa que forma parte deses álbums especiais vangardistas da nosa LIX, editado ao coidado de Irene Penas Murias de Everest Galicia e ilustrado por un referente como é Xosé Cobas. O feito de que Antonio García Teijeiro confiase en min supuxo unha sorpresa e unha responsabilidade, pola aposta do poeta e pola lectura que fixo del Cobas. A miña proposta desde o principio foi a de ofrecer unha visión distinta, desvinculándome e evitando as comparacións. A proposta de Cobas segue a ser sublime.
– P: O libro é unha homenaxe a Rosalía de Castro. Como é esa nova visión, que ofrece o álbum?
– AGT: Paseniño, paseniño é un volume ao que eu lle teño un agarimo especial. Trátase dun camiño cara a Rosalía. Todos os poemas parten dun diálogo con ela, coa súa lírica. O rastro das pegadas que Rosalía de Castro deitou sobre as palabras, sobre a natureza e sobre o amor. Marcos Viso crea un todo dentro de cada ilustración que me parece fantástico, déixase guiar por elementos do texto e fainos moi seus e, a partir de aí, desde as súas ilustracións, poderíase facer incluso outro texto. Non tiven dúbidas en absoluto en que tiña que ilustralo Marcos e tampouco en confiar en Xerais para facelo, xa que esta editorial apostou por un formato de calidade. Un valor engadido desta nova proposta é tamén a música, que flúe canda a voz do poeta e transmite sensacións, acompaña o camiño, é atemporal e sensitiva, e dálle profundidade ao texto e á ilustración.
– MV: Desde o principio tanto Antonio García Teijeiro como a editora Helena Pérez, de Xerais, e eu tiñamos moi claro que a proposta tiña que ser elegante. A presenza da cor, de pouca cor, desa cor salmón nas letras iniciais, das texturas, eses pequenos detalles que poñen os ollos sobre a ilustración son o fío condutor. O traballo de Cobas era moi emocional, de percepción sen elementos figurativos, atmosférico. O meu traballo parte dunha concepción máis concreta da realidade, a partir do texto, das pegadas de Rosalía. Nas miñas ilustracións hai un xogo, un diálogo, un gato que miaña con dúas caras por poñer un exemplo, unha contradición que camiña cara á abstracción, cara ao que sente o lector, aberta á interpretación. No álbum, a presenza das iniciais da propia Rosalía complementan unha proposta cohesionada e que invita á lectura. As letras son un elemento que aglutina.”
A Coruña: presentación de Certezas alumeadas, de Luís Seoane
O 4 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Sisargas da Coruña (Rúa San Roque, 7), preséntase o libro Certezas alumeadas, de Luís Seoane, publicado por Figurandorecuerdos Edicións, coa presenza de Xurxo Souto.
Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria, con Eva Mejuto: Escrita ilustrada
O Obradoiro de creación literaria, con Eva Mejuto: Escrita ilustrada é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, coa colaboración do Pazo da Cultura e o patrocinio e colaboración do Concello de Pontevedra.
Álbum ilustrado, libros ilustrados, cómic, novela gráfica… Son narrativas visuais nas que texto e imaxe conflúen para contar unha historia. Neste curso afondaremos principalmente no álbum como categoría propia, no formato, tipoloxía, público destinatario (maioritariamente álbum infantil pero tamén para público adulto), así como en cuestións prácticas de cara ao mercado editorial: cuestións legais e consellos para o contacto coas editoras. Tamén nos achegaremos, en función do público presente, ao mundo da banda deseñada, traballando en diversas propostas de guión.
A cargo de Eva Mejuto, e con clases maxistrais de Kiko da Silva.
Calendario e inscrición
– Días: venres 21 e 28 de setembro; venres 5, 19 e 26 de outubro; venres 2, 9, 16 e 23 de novembro; e venres 7 e 14 de decembro.
– Horarios: de 18:00 a 20:00 todos os venres de setembro, outubro e novembro. Os venres 7 e 14 de decembro de 17:30 a 20:30 h.
– 25 prazas para persoas maiores de 16 anos.
– As prazas asignaranse por orde de solicitude.
– Inscrición, necesaria e gratuíta, en inscricions@pontevedra.eu, indicando os seguintes datos:
- Nome e apelidos
- Correo electrónico
- Núm. do documento de identidade
- Enderezo completo
- Data nacemento
- Ocupación
O obradoiro desenvolverase no Pazo da Cultura (Rúa Alexandre Bóveda), no Seminario 8 – Aula da Escola de Escritoræs da AELG.
O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.
Fase Lunar fanzines (proxección para Cervatos, de Lucía Novas)
Vídeo realizado pola artista plástica Natalia Umpiérrez para proxectar nas presentacións do libro Cervatos, de Lucía Novas.
Burela: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 1 e 2 de setembro
O domingo 2 de setembro remata a Feira do Libro de Burela, que estará aberta na Praza da Mariña, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:
Sábado 1
– 19:00 h. Presentación de Senlleiras, de Antía Yáñez, publicado por Galaxia.
– 20:30 h. Presentación de Conserveiras de Celeiro, de Carlos Nuevo Cal.
– 21:00 h. Presentación de Hai mulleres, de Otero Regal.
Domingo 2
– 20:00 h. Presentación de Crua e Nua, libro de poemas ilustrado de Suevia Figueroa e Otto Treto.
A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 10 de agosto
O 10 de agosto finaliza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 19:00 h. Xosé Ballesteros asina na caseta de Cartabón.
– 19:00 h. Dani Padrón asina Fábulas de Esopo e Pan de millo na caseta de Secretaría.
– 20:30 h. Presentación de Sen piedade, de Pedro Feijoo, publicado por Xerais. O autor estará acompañado de Sira González e Fran Alonso.
– 20:30 h. Henrique Dacosta asina na caseta de Cartabón.
A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 9 de agosto
O 9 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 18:00 h. Charo Pita presenta No país do vento, libro-CD publicado en Galaxia. Na carpa infantil.
– 18:00 h. Sinatura de Ledicia Costas na Caseta da Libraría Cartabón.
– 19:00 h. Presentación de Catro cartas a un amigo alemán e outros textos, de Albert Camus, publicado por Trifolium. Presentan Xosé Manuel Beiras, Miguel Anxo Fernán-Vello, Laura Caveiro e Xan Arias.
– 19:00 h. Presentación de As lembranzas perdidas do Lago Antelväri, de Xosé Duncan, publicado por Galaxia.
– 19:00 h. Carlos Meixide asina Guitiriz, na caseta da Libraría Berbiriana.
– 19:30 h. Óscar Villán e Manuel Lourenzo González asinan na caseta da libraría Lume.
– 19:45 h. Presentación de Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, de Manuel Pérez e Carlos Babio (Fundación Galiza Sempre). Participan Francisco Jorquera e Goretti Sanmartín.
– 20:00 h. Estíbaliz Espinosa asina …as neuronas irmás…, na caseta da Libraría Berbiriana.
– 20:00 h. Pura Tejelo na caseta da Libraría Azeta.
– 20:30 h. Presentación de Contra todo isto, de Manuel Rivas, publicado por Xerais. O autor estará acompañado de Fran Alonso.
A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 6 de agosto
O 6 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 11:30 h. Contacontos de Mar Guerra na Libraría Azeta.
– 18:00 h. Coloquio Editar poesía hoxe. Conversan Dores Tembrás, (ed. Apiario), Antón Lopo (ed. Chan da Pólvora) e Miguel Anxo Fernán-Vello (ed. Espiral Maior).
– 18:00 h. Presentación do libro Ring, ring…! Quen rima?. Lectura de poemas e obradoiro de ilustración con Ana María Fernández e Enrique López.
– 19:00 h. Estefanía Padullés asina Max e Lea e outros libros na caseta de Hércules Edicións.
– 19:45 h. Presentación de Fálame do silencio, de Pablo L. Orosa, publicado por Xerais. O autor estará acompañado de Manuel Rodríguez e Fran Alonso.
– 21:15 h. Presentación de A simetría das bestas, de Alberto Ramos, XVIII premio Risco de Creación Literaria. A continuación o autor asinará exemplares na caseta de secretaría. Participan: Alberto Ramos e David Cortizo.