Arquivo da categoría: Infantil e xuvenil
Man, a icona do ‘Prestige’ que morreu de tristura
Desde Nós Diario:
“(…) O obxectivo de Man, como o describe Beatriz Maceda para Nós Diario, é “que a rapazada coñeza Man en toda a súa vertente”. “A súa figura paréceme todo un exemplo para a mocidade. Non digo que teñan que ir en taparrabos ou facerse anacoretas, mais se a todos se nos contaxiase algo da súa coherencia e do seu ecoloxismo, mellor nos iría”, engade.
Esa “coherencia” é, para a autora, o trazo definitorio do alemán de Camelle: “Impactoume moitísimo a súa figura, tanto pola súa forma de vida como por esa coherencia que a determinou, tanto no persoal como no referente á súa obra. Era unha persoa que estimaba e admiraba, até o punto de que pasei varios días chorando cando souben do seu pasamento, que para min simbolizou a crueldade desta sociedade”.
Porque Beatriz Maceda, como tantas outras persoas, consideran que Man non morreu “de causas naturais”, como informaron as autoridades, senón “da pena, da tristura” causada por ver a súa terra de acollida tinguida de negro chapapote após da crise do Prestige.
“Cando viu que todo o mar estaba negro, el decidiu pecharse na súa cabana e morrer. A xente da vila ía alí a levarlle comida, pero non lles abría a porta. Cando decidiron botala abaixo, xa era demasiado tarde, estaba morto. A profecía da balea negra facíase realidade”, explica a autora de Man.
Esa profecía da balea negra que referencia a escritora e profesora tivo lugar uns meses antes de que tivese lugar a catástrofe do Prestige, cando Man lle contou a varios veciños da zona un sinistro soño naquel idioma que falaba, un castelán galeguizado profuso en infinitivos: “Seguirá llegando alquitrán hasta que no quedar más en mar, y cuando ya no llega alquitrán, venir una ballena negra, grande como Costa da Morte, muerta. Entonces yo enterrar y todo acabar para min”. Moitos relacionaron o soño do alemán de Camelle co mito da trabe, segundo o cal o home, buscando a trabe de ouro, atopará a trabe de alcatrán e o mundo afundirá.
O volume de Medulia Editorial é unha edición corrixida e aumentada que presenta un novo formato e chega máis de sete anos despois do seu lanzamento orixinal, por parte da desaparecida Galebook.
Beatriz Maceda revela que, no seu momento, o libro tivo “moi boa acollida”, mais facíase “necesaria” esta revisión, porque “as cousas cambiaron moito desde 2012, pois agora hai un museo dedicado á figura de Man e restaurouse a cabana onde vivía”.
Entre os extras desta nova edición destacan “unha unidade didáctica para que a rapazada pense e traballe sobre a figura de Man” e “un anaco do seu testamento, no que expresa o seu desexo de que se conservase o seu legado, quedando a disposición do Ministerio de Educación, para o que deixaba os aforros de toda unha vida, 120.000 euros que nunca se recuperaron, pois quedou con eles Facenda”.
O principal beneficiado da reedición de Man foi o apartado gráfico, que vai asinado pola ilustradora Laura Veleiro. “A anterior edición non estaba mal, pero era cadrada, máis pequena, e o novo formato non presenta esas limitacións, permitindo presentar incluso láminas a dobre páxina”, conta a ilustradora a Nós Diario.
Nos seus debuxos, “feitos con lapis, acuarela e algún detalle en tinta, ao estilo tradicional”, pretende “mostrar, especialmente á rapazada, como estaba o museo de Man e como eran as súas obras cando estaban acabadas de facer, e non estragadas polo tempo, para que miraran a beleza que el vía en todo o que o rodeaba, esa foi a miña inspiración”.”
A Coruña: presentación de Man, de Beatriz Maceda Abeleira
Vídeo da presentación en Vigo de Galicia, o país das marabillas, de Claudia Castro
Compostela: presentación de A Pequena compaña, de Carlos Labraña
Compostela: sinatura de libros de Ledicia Costas, o 14 de decembro
Pontevedra: diálogo arredor de Dragal V. O segredo do dragón, de Elena Gallego Abad
O 13 de decembro, ás 20:00 horas, no Espazo Nemonon (Edificio Villa Pilar, rúa do Marqués de Riestra, 11, 1º), en Pontevedra, terá lugar un diálogo arredor da novela Dragal V. O segredo do dragón, de Elena Gallego Abad, última entrega da saga Dragal publicada por Xerais. No acto, organizado polo Ateneo de Pontevedra, a autora estará acompañada por Anxo González Guerra.
Espazo Lectura celebra 100 sesións dos seus clubs de lectura de narrativa e cómic
“Hai 11 anos a asociación Espazo Lectura de Gondomar botaba a andar os clubs de lectura Sete Vidas, de narrativa, e Lecturas Debuxadas, de cómic, o que supuxo ofrecer por primeira vez na vila actividades semanais centradas en compartir impresións arredor da lectura de determinados libros recomendados.
Esta semana, ambos clubs celebran as sesións número 100, o que supón 100 títulos lidos en cada un dos clubs e cerca dun cento de escritores/as ou ilustradores/as que visitaron Gondomar e participaron nestas actividades. A sesión número 100 do Lecturas Debuxadas tivo lugar o martes 10 de decembro, e a do club Sete Vidas terá lugar na Casa da Lectura o xoves 12 de decembro a partir das 20:00 horas. Nesta sesión especial comentarase a novela Vivir na fin do mundo, da escritora Christina Lilliestierna.
Ao longo desta semana Espazo Lectura organiza outras actividades habituais do seu calendario: o venres 13 ás 18:00 horas, na Casa da Lectura, ten lugar o encontro para bebés e familias Contos en Cueiros, para o cal é necesaria incrición previa. O sábado hai dobre oferta na Casa da Lectura: ás 12:00 horas comeza o club Lendo Contigo para nenos e nenas a partir de 7 anos, e ás 20:00 horas é a quenda do Comando Le, club destinado a rapaces e rapazas a partir de 12 anos.
Por outra banda, o luns 16 de decembro ás 18:00 horas celébrase na Libraría Libraida de Gondomar o Contomar, contacontos para nenos e nenas a partir de 3 anos.
Todas estas actividades son abertas ao público e gratuítas.”
Lalín: presentación de De animais e outros deuses, de Ángeles Madriñán
Teo: presentación de Galicia, o país das marabillas, de Claudia Castro
O 5 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría A Vagoneta Educativa (Travesía de Cacheiras, 19), en Teo, preséntase Galicia, o país das marabillas, de Claudia Castro, publicada por Galaxia. Acompañando á autora, estará o escritor Xosé Antonio Perozo.