Feira do Libro da Coruña 2020: actividades destacadas do 1 e 2 de agosto

O 1 de agosto comeza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Sábado 1
12:30 h. Acto de inauguración, con Érica Esmorís.
18:00 h. Elba Pedrosa asina O que non sabías, publicado por Xerais.
18:00 h. Amador Castro Moure asina Shanghai a Barcelona, publicado por Xerais.
19:00 h. Arancha Nogueira asina Dente de leite, publicado por Xerais.
19:00 h. Xosé Antón Perozo asina Amor amargo, publicado por Auga.
20:00 h. Manuel Rivas asina O Chispas, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
20:00 h. Irene Tomé e Xabier Ron asinan Os exilios que somos, publicado por Alvarellos.
21:00 h. Érica Esmorís asina Quen salva un can, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.

Domingo 2
12:00 h. Laura Titimoki asina Ata 10, publicado por Galaxia.
13:00 h. Rocío Leira asina Trescatorcedezaseis, publicado por Xerais, e Veleno en familia, publicado por Baía.
13:00 h. Aser Álvarez asina Galicia rural e Carvalho Calero sen fronteiras, publicados por Arraianos.
13:00 h. Mar Guerra asina Rimaletras, publicado por Galaxia.
18:00 h. María Canosa asina O lado do que dormes e Unha fábrica de bicos, publicados por Xerais, e o resto da súa obra.
18:00 h. José Alfeirán asina Pequena historia da Coruña, publicado por Embora.
18:00 h. Héitor Picallo asina As letras galegas en caricatura (1963-2020), editado polo autor.
19:00 h. Antonio Reigosa asina Guía de campo da Galicia Encantada, publicado por Xerais, e Contrahistorias de Galicia, publicado por Embora.
19:00 h. Almudena Otero Villena asina Diario dos mapas, publicado por Urutau.
19:30 h. Natalia Carou asina O mal querer, publicado por Baía.
20:00 h. Vicente Araguas asina Través do trebón, publicado por Belagua, e O amor non se fala soamente, publicado por Medulia.
20:00 h. Antía Yáñez asina O misterio do torque de Burela, publicado por Galaxia, e Be Water, publicado por Cuarto de Inverno.
21:00 h. Xavier Seoane asina A póla branca, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.

María Canosa: “Pretendía amosar as pequenas pingas machistas da sociedade que, ás veces, custa discernir, é dicir, os micromachismos”

Entrevista de Montse Dopico a María Canosa en Praza:
“Laura é unha profesional cun posto de traballo no seu. Cunha nai que a axuda cos fillos. Cun marido ás veces ausente, mais non mal pai. Unha privilexiada, dadas as circunstancias. Mais tamén unha muller que carga coas culpabilidades aprendidas nunha sociedade que non deixa de ser patriarcal aínda que, ás veces, non se note tanto. Laura irá aprendendo a ser máis consciente de por que se sente desbordada. Máis reflexiva sobre a desigualdade estrutural na que sobrevive. E máis aberta a apoiarse nas súas iguais: outras mulleres. Disto vai O lado do que dormes, a última novela para público adulto de María Canosa, autora máis coñecida polo seu traballo na LIX. Falamos con ela, que respondeu as nosas preguntas por correo electrónico, deste libro e, en xeral, da súa narrativa.
– Praza (P): Laura é unha muller nova, con fillos, hipoteca, traballo e a sensación de que a súa vida quedou atrás, pois séntese desbordada. Laura podería ser moitas mulleres. Como xorde a personaxe?
– María Canosa (MC): Laura xorde da experiencia persoal. Da propia e da allea que me rodea. Laura é o compendio das experiencias vividas ao longo da miña existencia, a través de min mesma e das mulleres coas que compartín vida. Así que podería dicir que Laura non é unha muller, senón moitas mulleres, como ben apuntabas. Crear a Laura foi o froito dunha necesidade de expresar unha situación habitual.
– P: Ela defínese a si mesma como “corredora de fondo” e di que non existe a conciliación, senón a “reconciliación”. Parte do seu conflito é ese: carga cunha culpabilidade na que os homes, normalmente, non son educados, aínda que é o seu compañeiro o que está máis veces ausente. En que sentido quixeches facer, neste libro, unha reflexión sobre isto?
– MC: Como me acontece moitas veces, o libro concibino dun xeito máis natural e irreflexivo do que se poida pensar. Eu déitome continuamente coa necesidade de reconciliar a miña mente, a miña conciencia, porque me foi imposible a conciliación. Iso da reconciliación é moi María, ademais de moi Laura. A miña intención era reflectir a situación da miña xeración desde o meu punto de vista e experiencia.
A sensación de Laura é compartida por moitas mulleres da miña contorna vital. O que eu pretendo é amosar a realidade que vivimos, e a reflexión aparece soa despois. O que pretendía era amosar as pequenas pingas machistas da sociedade que, ás veces, custa discernir, é dicir, os micromachismos, eses que ás veces non detectamos ata que nos fatigan, por insistentes e persistentes. Aí centrei o meu esforzo, nas cousas pequenas, unha teima (a das cousas pequenas) que me persegue, ha, ha!
– P: Malia todo, non deixa de ser unha persoa con sorte, dadas as circunstancias: é unha muller con estudios que traballa do seu, ten a axuda da nai e o compañeiro non é mal pai, cando menos cando está. O caso de Laura non é o máis representativo da realidade. Algún motivo para escoller unha muller licenciada, de clase media…?
– MC: A escolla da situación de Laura é totalmente consciente. As mulleres coma ela son consideradas unhas privilexiadas. E si, son privilexiadas en parte, pero tamén sofren, por máis que certos privilexios ou eleccións oculten outros problemas.
Non son moi dada a xeneralizar, quizais porque son consciente de que cada persoa é un universo completamente diferente, por iso non me gustan as visións xerais. Eu pretendía amosar un caso particular, pero non illado. Como ben dis, por moito que existan colexios, xardíns de infancia… as xornadas laborais adoitan ter un horario incompatible con eles.
Así pois, a crianza dos fillos adoita converterse nunha re-conciliación, que só é posible grazas á axuda externa. Laura debátese entre a responsabilidade laboral e responsabilidade familiar, porque a súa elección foi ter as dúas cousas, traballo e familia. Agora ben, como conseguilo?
A sociedade non debera facela elixir, pero é habitual escoitar o de: ela quixo traballar, ou ela quixo ter fillos. E si, ela quixo as dúas cousas. E neste caso, o seu home, tamén. Por que non se lle fai a mesma pregunta a el? Por que se lle esixe a ela que cargue con todo ás costas? Á fin e ao cabo, dá igual a clase social, a situación, o status. O caso é que é ás mulleres a quen se nos esixe. (…)”

María Canosa le un fragmento de O lado do que dormes

Desde a AELG recollemos a lectura dun fragmento de O lado do que dormes por parte da súa autora, María Canosa, no marco da iniciativa #envozpropia de Edicións Xerais, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.