
Recordatorio: encontro con Fina Casalderrey


O clube de lectura Gálix Tendendo redes convoca para o vindeiro mércores 20 de xaneiro un encontro-coloquio con Fina Casalderrey arredor da súa novela A pomba e o degolado. A presentación da autora corre a cargo de Miguel Vázquez Freire. Será entre as cinco e as sete da tarde, no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, s/n) en Santiago de Compostela.

O libro-disco Tic Tac do músico coruñés Pablo Díaz e con ilustracións de Marc Taeger será presentado este sábado 2 de xaneiro en Ferrol. O libro está editado por Kalandraka e conta coa colaboración de trinta músicos, entre eles Xabier Díaz, Guadi Galego, Carmen Rey e Ruote, ademais das achegas de Santiago Auserón e Xurxo Souto no prólogo e no epílogo, respectivamente.

O escritor galego Xavier Queipo (Santiago de Compostela, 1957) presentará o vindeiro martes, día 29 de decembro, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela o libro A illa dos cangrexos violinistas, álbum ilustrado por Jesús Cisneros e publicado por OQO editora. O acto comezará ás 20 horas.
Mañá sábado, 19 de decembro, ás 12:00 horas, na Biblioteca Pública de Gondomar, a poeta Elvira Riveiro participará na última sesión do ano 2009 do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo, destinado a nais e pais e nenos e nenas de 8 a 11 anos. O libro proposto nesta ocasión é PAlAbrAs brAncAs, publicado pola editorial Xerais e finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil 2007. PAlAbrAs brAncAs é un poemario moi especial, escrito unicamente coa vogal “a”, un marabilloso encontro con palabras que xogan a agasallarnos todos os “as” posibles.
Entrevistas ao escritor Agustín Fernández Paz na prensa galega con motivo da publicación do seu libro Valados:
Faro de Vigo: “Agora hai máis muros ca nunca, uns 8.000 quilómetros no mundo”
Xornal de Galicia: “Cando alguén ergue unha muralla, sempre é para manter os seus privilexios”
Hoxe martes, 15 de decembro, ás 20:00 horas nas instalacións da Casa do Libro de Vigo presentarase Valados, o novo libro de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Xan López Domínguez. No acto acompañarán ao autor Alberto Estévez, voceiro de Amnistía Internacional en Vigo e o editor Manuel Bragado.
O libro Mil cousas poden pasar de Jacobo Fernández Serrano, Premio Merlín de Literatura Infantil 2009, será presentado o vindeiro xoves, 10 de decembro, ás 20,00 horas na Libraría Librouro (rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo. Participarán no acto Chus Pereiro, Helena Pérez e Jacobo Fernández Serrano.
O club de lectura Gálix Tendendo redes organiza unha mesa redonda que leva por título A fráxil existencia, temática escollida para o mes de novembro polo club, e que aborda eses libros que teñen como fondo de reflexión os inadaptados sociais, os seres humanos que dun xeito ou doutro se sitúan nas periferias da sociedade.
Nesta mesa redonda participarán a escritora Concha Blanco, que centrará as súas reflexións no tratamento desta temática da súa novela Nano; o escritor Marcos Calveiro, que centrará as súas reflexións no tratamento desta temática dentro da súa novela Rinocerontes e quimeras e a escritora Rosa Aneiros, que centrará as súas reflexións no tratamento desta temática na súa última obra Ás de bolboreta. Modera a mesa Ánxela Gracián. O acto terá lugar o xoves 26 de novembro de 17 a 19 horas no Consello da Cultura Galega (pazo do Obradoiro, Santiago).
(Gretel)