O único que queda é o amor (Edicións Xerais), de Agustín Fernández Paz, Premio Xosé Neira Vilas

«Despois da primeira votación entre as candidaturas presentadas ao Premio Xosé Neira Vilas ao Libro infantil e xuvenil do ano, co que se pretende recoñecer un libro infantil ou xuvenil editado polos membros da AGE e publicado orixinalmente en lingua galega entre o 1 de decembro de 2006 e o 30 de novembro de 2007, resultaron finalistas as seguintes obras: “Minimaladas”, de Carlos López (Edicións Xerais de Galicia), “O único que queda é o amor”, de Agustín Fernández Paz (Edicións Xerais de Galicia) e “Xela volveuse vampira!”, de Fina Casalderrey (Baía Edicións). Trala derradeira votación resultou gañadora EDICIÓNS XERAIS DE GALICIA por “O único que queda é o amor”, de Agustín Fernández Paz.» (AGE)

An Alfaya en Santa Comba

O venres 14 de decembro a escritora viguesa An Alfaya estará no IES Terra de Xallas (Santa Comba) para comentar co alumnado de 2º da ESO a súa novela Matei un home (tresCtres Editores, 2005), que resultara gañadora do Premio de Novela Curta “Xulián Magariños Negreira”, convocado en 2004 polo Concello de Negreira e a Fundación Feiraco, co gallo do centenario do nacemento do escritor negreirés (1904 – 1934).
Este acto literario está organizado conxuntamente polo Departamento de Lingua e Literatura Galegas, a Biblioteca e o Equipo de Normalización Lingüística do IES Terra de Xallas, co patrocinio de tresCtres Editores. Comezará ás 11:30 horas na Biblioteca deste centro de Secundaria de Santa Comba.