Santiago: acto de homenaxe institucional a Francisco Fernández del Riego

A Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a Fundación Penzol e a Editorial Galaxia realizan unha homenaxe conxunta a Francisco Fernández del Riego, que terá lugar o mércores 1 de decembro a partir das 17:00 h. no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela.

Consello da Cultura Galega e Instituto Cervantes asinaron un protocolo xeral de colaboración durante tres anos

O Consello da Cultura Galega e o Instituto Cervantes asinaron o seu primeiro protocolo xeral de colaboración, cunha inicial vixencia de tres anos, para o desenvolvemento de accións e iniciativas conxuntas de difusión da lingua galega e de impulso da diversidade cultural de Galicia. Ramón Villares, Prsesidente do CCG, e Carmen Caffarel, Directora do Instituto Cervantes, subliñaron “a importancia da cooperación institucional” e felicitáronse polo acordo alcanzado. A sinatura fíxose na Biblioteca do CCG, onde previamente a Directora do Instituto Cervantes mantivo un coloquio con representantes de diferentes entidades culturais galegas e reflexionou sobre Presenza da cultura galega na rede do Instituto Cervantes. O protocolo asinado establece as bases de colaboración entre o Instituto Cervantes e o Consello da Cultura Galega e fixa as seguintes liñas:
-Divulgación do coñecemento da lingua galega, con atención preferente á tradición literaria.
-Planificación e execución de actividades culturais en todas as súas manifestacións e formas de expresión que permitan mostrar a riqueza e a diversidade cultural de Galicia.
-Promoción, mediante o reforzo de colaboración, de programas ou iniciativas culturais de interese para a súa difusión nos centros do Instituto Cervantes no exterior e que desenvolva o Consello da Cultura Galega.
-Potenciación da participación e do interese das empresas de Galicia polas actividades que desenvolvan o CCG e o Instittuto Cervantes no exterior co fin de que contribúan ao seu financiamento a través do patrocinio.
A nova completa pódese consultar aquí. Tamén ven comentada en Galicia Hoxe e Xornal.

A Coruña: visitas guiadas á Real Academia Galega

Todos os mércores de novembro, ás 17:30 h., desenvólvense visitas guiadas, realizadas pola propia institución, á Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), na Coruña. Esta actividade inscríbese no programa A Cidade que le, que desenvolve a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña. A entrada é libre e gratuíta, aínda que hai que inscribirse previamente no teléfono 981-189830 (extensión 12026) ou no correo electrónico: cultura@coruna.es. As visitas inclúen unha breve explicación sobre a historia da Academia e a orixe dos fondos que custodia, visita das pezas do arquivo como o pergameo asinado pola raíña dona Urraca, outros pergameos galegos medievais, copia da Crónica Troiana, manuscritos autógrafos de Pondal, de Murguía e outros escritores e intelectuais galegos. Sen esquecer as actas fundacionais da Academia e da correspondencia coa Asociación Iniciadora da Habana. Na Biblioteca poderanse observar as primeiras edicións dos principais escritores galegos do século XIX: Rosalía, Curros, Pondal, Pintos e algunha obra dos séculos escuros. Da hemeroteca amósanse exemplares do século XIX escritos en galego ou relacionados con Galicia: desde o primeiro, O vello do Pico Sagro ata a revista Nós. Durante o percorrido observanse ademais algúns óleos (Seoane, Souto…) e esculturas (Curros por Asorey).