Entrevista
a Antón Riveiro Coello na revista dixital Tempo de Lecer Ourense:
“(…) – Tempo de Lecer Ourense (TLO): Presenta no Liceo de Ourense a súa última novela, titulada Laura no deserto. Que nos pode contar desta obra?
– Antón Riveiro Coello (ARC): Non é doado falar desta novela sen descubrir parte das claves argumentais, porque Laura no deserto acolle dentro de si moitísimas sorpresas. Dicir só que é a miña novela máis ambiciosa, que transcorrena primavera de 1982 en diversos escenarios do mundo: Compostela, Barcelona, algunhas cidades de Europa, Nova York e A Pobra do Caramiñal, e que trata de situar ó lector diante de determinados conflitos para obrigalo a reflexionar sobre temas tan diversos como a liberdade, a culpa, a identidade, o amor ou a perda.
– TLO: Dende a publicación de Valquiria, no ano 1994, ata o de agora, como evolucionou a súa prosa? E como evolucionou vostede como escritor? Séguenlle a interesar ou preocupar os mesmos temas que nos seus comezos?
– ARC: Os escritores somos escravos das nosas teimas e obsesións e na temática das miñas novelas adoita haber unha militancia da memoria, dos perdedores e da fusión da memoria individual coa colectiva. En canto á miña evolución, coido que non difire da de moitos colegas porque no mundo da escrita hai algo curioso que é que, segundo pasan os anos, máis críticos e crueis nos viramos contra nós mesmos. Ao principio, canto peor escribimos, máis nos gustamos, e pola contra, co andar do tempo, o proceso faise inverso e gañamos en esixencia e calidade. Nese punto é onde agora creo estar. (…)
– TLO: Cal é a súa opinión da literatura galega actual?
– ARC: Excelente. A verdade é que, malia a invisibilidade á que nos condenan e aos momentos tan duros que hoxe padece o galego, a nosa literatura pouco lles ten que envexar ás literaturas doutros países. Hai cantidade e calidade. Temos poetas incribles e unha morea de novelistas entre os que eu salientaría esa consolidación importantísima de mulleres como Teresa Moure, Anxos Sumai, Rosa Aneiros, Inma López Silva, María Reimóndez, Eva Moreda, Rexina Vega, Iolanda Zúñiga e moitas outras que veñen asentar as bases dunha normalidade sociolóxica que xa se facía necesaria. (…)”
Arquivo da categoría: Internet
Nace Tempo de Contos, un espazo de creación na rede
“Tempos
Dixital abre Tempo de Contos, un espazo online aberto á creación literaria onde escritores e escritoras en lingua galega teñen a oportunidade de dar a coñecer as súas obras. Cada semana publicarase un relato, conto ou poema en Tempo de Contos xunto cun breve perfil biográfico do autor ou autora.
BASES DA CONVOCATORIA
1.- Poderanse presentar relatos, contos ou poemas de temática libre e autoría individual, inéditos e escritos en lingua galega. Atlántica de Información e Comunicación de Galicia, S.A., empresa editora de Tempos Novos, Tempos Dixital e Protexta, resérvase o dereito de decidir sobre a publicación de obras presentadas.
2.- As obras terán unha extensión máxima de 5.000 caracteres (espazos incluídos) e serán enviados en formato .doc ou .odt ao e-mail: dixital@temposnovos.com
3.- Cada semana publicarase unha obra en Tempo de Contos, na sección de Cultura de Tempos Dixital.
4.- O relato máis votado de cada trimestre publicarase na versión en papel de Tempos Novos.
5.- Tempo de Contos manterase activo por tempo indefinido, podendo a empresa editora suspendelo en calquera momento sen aviso previo.
6.- Polo feito da participación, os autores e autoras aceptan as bases e autorizan á empresa editora a publicar as obras presentadas, en calquera dos seus medios ou en edicións colectivas, dentro dos seguintes vinte e catro meses á data do envío para a participación en Tempo de Contos. As autoras e autores poderán exercitar os dereitos que lles recoñece a lexislación sobre propiedade intelectual inmediatamente despois da primeira publicación en calquera dos medios citados.”
Blog do Día de Rosalía
“Un día 24 de febreiro naceu Rosalía de Castro, a muller que nos devolveu a lingua, a poeta que encarnou como ninguén o espírito de Galiza.
A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega anima a conmemorar este acontecemento agasallando un libro e unha flor.
Este blog nace para reflectir todas as iniciativas, actos e celebracións que terán lugar ese día.
Envía o teu poema preferido (escrito ou recitado) a túa cita, a túa canción, a túa fotografía ou montaxe fotográfico, a imaxe que prefiras, un vídeo da celebración na túa aldea, parroquia, vila, cidade, centro escolar, universidade, onde sexa, o que sexa, a blogauria@gmail.com
Se es un creador e queres achegarnos unha colaboración, benvida. Se simplemente queres compartir un dato , unha anécdota, calquera cousa, esta é a túa páxina.
Todos somos Rosalía. Que se vexa.”
Preséntase o web do Ano Celso Emilio
“Esta
mañá presentábase na Cidade da Cultura a programación do dedicado a Celso Emilio Ferreiro. Entre as novidades a destacar presentouse, da man de Ouvirmos, o web que centralizará na rede a información sobre o personaxe e as homenaxes. Na mesma recóllense datos sobre a vida e obra do poeta, así como fotografías, rexistros sonoros e mesmo un repaso da presenza do texto do autor en discos.” Vía Cultura Galega.
Vilagarcía: presentación dos Clássicos da Galiza e o Arquivo digital da AGLP
Muxía: presentación oficial da web da Fundación Gonzalo López Abente
O
sábado 11 de febreiro, ás 19:00 horas, no 2º andar da Biblioteca Municipal de Muxía, terá lugar a presentación da web oficial da Fundación Gonzalo López Abente.
Aveiro: Congresso Internacional As línguas não estatais e as novas tecnologias da informação e da comunicação, o 8 de marzo
A
quinta feira 8 de marzo, na Universidade de Aveiro, terá lugar o Congresso Internacional As línguas não estatais e as novas tecnologias da informação e da comunicação, onde participan os seguintes autores galegos (toda a información pode ser consultada aquí: Programa Congresso Internacional As línguas não estatais e as novas tecnologias):
– 10:00 / 10:30 h. Os blogues e as línguas não-estatais: a presença das línguas ibéricas ameaçadas na net, por Xavier Frias Conde, Professor de galegoportuguês na UNED.
– 12:00 / 12:30 h. Galiza: O País virtual é o país ideal, por Francisco Castro, escritor, editor, blogueiro.
– 15:00 a 16:15 h. Mesa redonda, moderada por Alberto Gómez, com Amadeu Ferreira, Alcides Meirinhos, Xavier Frías Conde, Francisco Castro, Inaciu Galán, Anna Cortils e Sebastià Bennasar.
A Academia colgará na Rede o novo dicionario, con 50.000 entradas
Artigo
en La Voz de Galicia:
“«O novo dicionario estará na Rede dentro duns días». Isto anunciou onte Xosé Luís Méndez Ferrín. O presidente da Real Academia Galega falaba do novo dicionario da RAG diante do conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, que fixo a súa primeira visita oficial á Academia. «Son máis de 50.000 entradas, o dobre que no anterior», detallou Manuel González, académico que encabeza o Seminario de Lexicografía da RAG que foi o encargado de elaborar este traballo. González indicou que «o texto definitivo está entregado para colgar na Rede», aínda que se está traballando na parte máis técnica para facilitar o acceso. Foron nove especialistas os que desde hai oito anos estiveron traballando neste novo dicionario. É un volume normativo, en canto ortografía ou pronuncia e tamén no semántico e en canto a significado. A obra incorpora a información sobre a procedencia das palabras e datos sobre a que rexistro oral pertencen, desde o culto ao familiar. Para os autores, hai solucións e definicións que poden ser consideradas como definitivas. O anterior dicionario da RAG fora publicado en 1997 e foi editado conxuntamente por Xerais e Galaxia. O novo volume publicarase en papel «máis adiante, dentro de oito meses o así», apuntou Manuel González. «Estamos facendo unha Gramática, ¡despois de cen anos!; estase traballando tamén nun dicionario de apelidos galegos, evacuando consultas e nomes de persoas e apelidos para que sexan usados correctamente. A nosa vocación é de traballo, temos que velar pola lingua e pedimos respaldo económico e respaldo moral, que o temos», engadiu Xosé Luís Méndez Ferrín antes do encontro co novo conselleiro de Cultura.”
Arturo Casas: “Co blog volvín experimentar o pracer da escrita”
Entrevista
a Arturo Casas en Protexta, desde Galaxia:
“Así titulan no último Protexta a entrevista que Marta Pérez Pereiro lle fixo a Arturo Casas con motivo da publicación do libro Alusión, que escolma unha parte do seu blog Lándoas. Velaquí podedes ler a entrevista completa.”
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebrou a súa Asemblea Xeral de 2012
A
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou o pasado sábado día 4 de febreiro a súa Asemblea Xeral de socios/as.
A Asemblea aprobou dedicar a Homenaxe Os Bos e Xenerosos a Francisco Carballo, historiador e mestre de historiadores, promotor de empresas editoras en galego, quen ao longo de máis de corenta anos participou coa súa escrita e co seu activismo en dotar de contidos vertebradores á realidade social e cultural de Galicia, o que o converte nunha figura referencial para a cultura e a sociedade galega no seu conxunto; Francisco Carballo súmase así á lista dos Bos e Xenerosos da AELG. Esta homenaxe terá lugar o vindeiro 3 de marzo no Museo do Pobo Galego.
Decidiuse entregar o Premio AELG para institucións aos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino e mais aos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos, galardón que se entregará na Cea das Letras que terá lugar o 5 de maio.
A distinción Escritor Galego Universal será para José Luis Sampedro.
Tamén se aprobou que o vindeiro Escritor na súa Terra sexa Xavier Rodríguez Baixeras, a quen se homenaxeará no mes de xuño en Ribadeo.
A Asociación de Escritores en Lingua Galega tamén acordou realizar unha recollida de sinaturas para reivindicar o nome de Curros Enríquez para a futura estación de ferrocarril de Ourense.
A Asemblea manifestou o seu apoio ás pequenas e medianas editoriais galegas, que se atopan nun momento no que a distribución dos seus libros en galego encontra serias dificultades.
Aproveita para felicitar a editorial Espiral Maior pola celebración do 20 aniversario da súa fundación e á editorial Xerais por alcanzar a venda de 10 millóns de exemplares.
E a seguir o avance da programación para o primeiro semestre de 2012 que se presentou á Asemblea e na que a AELG está traballando, programación que se pode consultar en detalle na web da Asociación:
1. Día de Rosalía. Lectura dun manifesto e textos literarios nas principais cidades (24 de febreiro).
2. Obradoiro da Escola de Escritores/as no Concello de Oleiros.
3. Os Bos e Xenerosos.
4. Premios AELG 2012.
5. V Encontros Cidade da Coruña.
6. Letra E. O Escritor na súa Terra.
7. Continuación das sesións de gravacións a Socios/as.
8. Continuación da dixitalización de documentación de Socios/as.
9. Mantemento das entradas dos Socios/as na Wikipedia.

