Chamamento de ProLingua aos partidos políticos

Este Prolinguaano electoral de 2015 debe ser o da decisión colectiva de mudar un rumbo catastrófico para o noso idioma, medio de comunicación habitual dunha boa parte do país e fundamento da cultura galega contemporánea. ProLingua avaliou con suma preocupación, sabemos que compartida por milleiros de persoas, sexa cal sexa a súa adscrición partidaria, as últimas cifras sobre o uso da lingua.
Por iso pensamos que a nosa responsabilidade cívica, como plataforma plural e non dependente de organización ningunha, é realizarmos un chamamento ás forzas políticas galegas, tanto as que contan con presenza institucional coma as que aspiran a acadala nos próximos comicios, para poñer fin a unha etapa nefasta, sen dúbida a peor na Historia recente do idioma.
Non é este momento nin lugar para un relato polo miúdo do que se leva destruído en tan pouco tempo. Calquera persoa, calquera familia que intente desenvolver a súa vida en galego pode achegar detalles. Os resultados desa suma de agresións sociais, pedagóxicas, culturais etc. son públicos e causan escándalo polo que expresan en si e polo cinismo con que boa parte das administracións, especialmente a autonómica, ollan para outro lado. Mentres afogan a lingua e a cultura cunha man visten a outra con luva branca, presiden cerimonias e invocan quen sabe que tipo perverso de galeguidade.
É a hora de recuperar o consenso na dobre dirección de fortalecer os dereitos das persoas galegofalantes e garantir o dereito das castelanfalantes a aprenderen e valoraren o idioma propio de Galicia. Só así se pode escoller en liberdade, só ese consenso (reflectido no Estatuto de Autonomía, que se saiba, aínda en vigor) responde ao que sente a maioría social: a nosa maior creación como pobo, o esteo básico sobre o que se asenta a cultura e identidade galegas debe ter futuro. Un futuro que está nas nosas mans, nas das persoas que falan galego habitualmente e nas das que o fan en castelán, pero que comparten un obxectivo común: nin queren nin están dispostas a permitir que o idioma galego siga nun devalo que nos borraría do mundo como pobo diferenciado.
ProLingua chama por un acordo global das forzas políticas, pero xa non hai tempo para declaracións baleiras. A mellor forma de basear firmemente unha futura converxencia acerca do destino da lingua é situala nos programas ao nivel que a súa importancia merece; un nivel que asegure a súa transmisión e continuidade, que fomente as actitudes positivas e garanta o seu uso real en calquera situación.
Abonda de decorado folclórico e de rituais grandilocuentes: cómpre concreción, asunción de compromisos ante a cidadanía e mecanismos para que o recollido no programa vaia máis alá do ámbito do virtual. Se a galeguidade é un valor, tentar apropiarse dela para beneficiarse dos votos constitúe unha fraude contra o patrimonio común, fágao quen o faga.
ProLingua solicítalles daquela ás direccións e ás militancias do conxunto dos partidos -por suposto na Comunidade autónoma galega, mais tamén naquelas limítrofes onde os dereitos lingüísticos simplemente non existen- que debatan e expliquen con claridade cal é a súa proposta para un consenso nacional sobre o idioma e cales as medidas que urxe tomar.
Quizais non sexa dabondo para lle asegurar un futuro de vida á lingua propia de Galicia, mais o que parece claro é que sen el non haberá futuro ningún.
Poñan mans á obra, por favor.

Galicia, 8 de xaneiro do 2015“

A Coruña: conferencia sobre A microtoponimia da cidade da Coruña, por Xosé Manuel Sánchez Rei

OXosé Manuel Sánchez Rei 2 martes 2 de decembro, ás 20:00 horas, no local social da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar a sexta conferencia do Ciclo Recuperación, análise e divulgación da toponimia menor da Coruña e da súa comarca, patrocinado pola Deputación da Coruña. Versará sobre A microtoponimia da cidade da Coruña, e estará a cargo de Xosé Manuel Sánchez Rei.

A Coruña: roteiro centrado na toponimia costeira da península da Torre, con Xurxo Souto

OXurxo Souto sábado 22 de novembro, ás 12:00 horas, no antigo embarcadoiro de carbón de Santo Amaro, na Coruña, terá lugar un roteiro pola península da Torre con Xurxo Souto para complementar a conferencia sobre a toponimia costeira da Coruña que tivo lugar o martes 18 de novembro, actividade enmarcada dentro do ciclo Recuperación, análise e divulgación da toponimia menor da Coruña e da súa comarca, que leva a cabo a A. C. Alexandre Bóveda.

A Coruña: conferencia sobre Aproximación á toponimia costeira da Península da Torre, por Xurxo Souto

OXurxo Souto martes 18 de novembro, ás 20:00 horas, no local social da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar a segunda conferencia do Ciclo Recuperación, análise e divulgación da toponimia menor da Coruña e da súa comarca, patrocinado pola Deputación da Coruña. Versará sobre Aproximación á toponimia costeira da Península da Torre, e estará a cargo de Xurxo Souto.

Compostela: VIII Xornada Xustiza e Lingua. Reflexións para a normalización, o 25 de novembro

A inscrición pode realizarse aquí.

VIII Xornada Xustiza e Lingua

Arteixo: presentación de A toponimia celta de Galicia, con Fernando Cabeza Quiles

OFernando Cabeza A toponimia celta de Galicia venres 14 de novembro, ás 19:30 horas, na Libraría Á lus do candil (Rúa Historiador Vedía, 3, baixo) de Arteixo, preséntase A toponimia celta de Galicia, de Fernando Cabeza Quiles, publicado por Toxosoutos.

A Coruña: conferencia Onomástica e literatura: a cidade da Coruña, por Pilar García Negro

OPilar García Negro martes 11 de novembro, ás 20:00 horas, no local social da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar a terceira conferencia do Ciclo Recuperación, análise e divulgación da toponimia menor da Coruña e da súa comarca, patrocinado pola Deputación da Coruña. Versará sobre Onomástica e literatura: a cidade da Coruña, e estará a cargo de Pilar García Negro.