Entrevista
de Carme Vidal a Xabier P. DoCampo en Sermos Galiza:
“- Sermos Galiza (SG): E se lle preguntara a cantas manifestacións pola lingua leva asistido?
– Xabier P. DoCampo (XPD): Son incontábeis porque sempre que alguén se manifesta a favor da lingua, así sexa o mesmo demo, pode contar con que alí estarei. Niso son totalmente evanxélico. Aínda que se reúnan catro, alí estarei e estarei mentres sinta que a miña lingua non acada sequera o estatus de oficialidade que ten recoñecido, que é o mínimo.
– SG: A do domingo en Compostela ten especial relevancia?
– XPD: A forza que precisamos ten que quedar á vista. Agora mesmo estamos a ver a lingua atacada de fronte, sen ningún tipo de rubor e eu creo que o cen por cen dos galegos e galegas non consenten iso no seu corazón. Os negacionistas son moi poucos e, polo tanto, é necesario que todos estes que non negan a lingua -úsena ou non- se decaten da situación grave na que a están a poñer desde o goberno galego, do feito inaudito de que exista un goberno que traballa arreo contra a propia lingua.
– SG: Por que se atreve o goberno se, como vostede di, ten toda esa vontade en contra?
– XPD: Atrévese porque confía en que, mesmo que haxa oposición, o tempo fai que todas as falcatruadas queden, que perduren, e por iso actúa con esa aleivosía. O que acontece é que unha persoa que fala galego e desenvolve a súa vida na nosa lingua non é consciente dese perigo. Cómpre unha atención máis continuada e intensa para se decatar e reaccionar. Pouco a pouco a xente darase conta da gravidade da situación.
– SG: Como profesor que foi e pola súa continua relación pola literatura coas xeracións máis nova, coincide no diagnóstico da situación crítica da lingua?
– XPD: A situación de hoxe é peor que a de antonte e a de onte pola tarde. Cada día vai a peor desde que este goberno está no poder. O máis grave que fixeron non foi só lexislar en contra, senón desvalorizar o galego. Coas súas accións levan a que a xente pense: se eles son os encargados polo Estatuto e a Constitución de preservar a lingua, que vou facer eu se eles din que o galego non vale? A situación de hoxe é mellor que a de mañá con este goberno. Agora continúo indo aos centros de ensino e atópome con situacións que crin que xa non se darían, consideraba que estaba conseguido ter unha escola co galego como lingua vehicular de maneira que os nenos saísen competentes e preparados para escoller a lingua na que falaban e vexo que iso non só non é certo, senón que foi a peor. Con aleivosía crean situacións contra a lingua que son difíciles de reverter, mais eu son optimista e penso que todo ten remedio. Precisamos poñer mans no asunto.
– SG: Que significa poñer man no asunto?
– XPD: Simplemente con que se cumpra a lexislación actual, a Lei de Normalización Lingüística e o Plan de Normalización comezamos a reverter a situación. O que acontece é que eles non din que deixan o asunto. Cando a Real Academia Galega aproba a súa declaración institucional, o que di o goberno é que está de acordo e o está a facer Con esta resposta fan de menos á propia Academia.
– SG: O lema da manifestación é “Polas fillas dos nosos fillos”. Está aí o perigo, na perda da transmisión ás xeracións máis novas?
– XPD: Cando vou polos colexios e institutos encóntrome por vez primeira na miña vida con nenos e nenas que non saben a nosa lingua. Xa non é sequera cuestión de querer ou non. De toda a vida o cen por cen entendía o galego e sabía falalo, mais agora iso xa non se dá. Xa hai quen non coñece a nosa lingua na nosa terra. O lema está ben, como todos os das manifestacións, mais o que importa é todos os que imos detrás da faixa de saída. Temos que ir e non só polas fillas dos nosos fillos, senón tamén porque debemos coidar e preservar os moitos falantes infantís e mozos da lingua que quedan, temos que valoralos e facer que se mesturen con outros para que se contaxien.
– SG: De todas maneiras, vostede que é persoa optimista, tamén cre que poderemos saír desta situación?
– XPD: Está nas nosas mans. A xente nova ten que tomar conciencia. A situación é reversíbel e todos sabemos na man de quen está. O tema é se imos seguir tendo gobernando o futuro da nosa lingua a negacionistas lingüícidas.
– SG: Se a manifestación é multitudinaria, que tería que pasar o día despois?
– XPD: Non sei se podemos confiar en que pase nada con respecto a quen tivo o cinismo de ir polo peor camiño para a lingua. O que si teremos é a sensación de vernos reforzados no que estamos facendo. Por iso tamén son necesarias as manifestacións. Estamos, repito, no camiño de reverter a situación e para iso é preciso implicarse.”
Arquivo da categoría: Lingua
Lingua coa que queremos construírnos, artigo de Marta Dacosta
Artigo de
Marta Dacosta en Sermos Galiza:
“Nos inicios do meu camiño cara á lingua, están os anos de instituto. É certo que eu xa traía esa fame, por iso, cando en 1980 comecei recibir as primeiras aulas de galego, acabei de saber que me faltaba. E así a lembranza daquel profesorado do IES Santo Tomé do Freixeiro, en Vigo, ten un lugar importante na memoria da lingua, como aquel primeiro manual de galego, como o Rosalinda de Fausto a soar nunha clase ateigada. Logo souben que nese momento comezaba impartirse galego como materia. Mais naquel instituto xa había outras profes que impartían as súas aulas en galego, por exemplo matemáticas, algo que non pasaba desapercibido á nosa atención adolescente.
O certo é que naquela década a lingua e a necesidade de debater sobre a súa presenza no ensino ocupou unha parte importante do noso tempo: no instituto, no Colexio Universitario, na Facultade. Sempre reclamando máis presenza.
Porque a docencia en galego é útil, necesaria, imprescindíbel.
Logo chegounos a hora de sermos nais e pais e aprendémoslle ás nosas fillas e fillos a lingua de noso, desexando que non tivesen que transitar o camiño, ás veces amargo, que nós realizamos cara á nosa lingua. Desexos incumpridos, porque todo ao seu redor fainos estraños.
E os datos chegaron para confirmar as sensacións e unha pregunta comezou a baterme na cabeza: falarán en galego as fillas ou os fillos do meu fillo? Que futuro lle agarda ás miñas netas?
Por iso este 8 de febreiro estarei outra vez na rúa, porque quero vivir en galego, porque quero que os nosos fillos e fillas poidan vivir en galego, porque quero que poidan aprenderlles a lingua ás súas fillas e fillos e porque quero que as miñas netas ou netos poidan vivir en galego, coma un día viviron as e os avós.
O día 8 percorrerei Compostela para reclamar que se adopten todas as medidas necesarias que me permitan soñar que un día sentirei esta lingua nosa na boca doutra xeración. Porque …
démoslle a LINGUA
e a lingua é AMOR
non é unha coiraza
que poida defendelo cada vez que non oe
falar na súa lingua, cada vez que ao redor
falan nesoutra lingua, cada vez que lle din
por que fala esta lingua, cada vez que lle esixen
que fale esoutra lingua
que a lingua non é coiraza que poida defendelo
cada vez que lle negan ESTAR na súa lingua
démoslle a LINGUA
e a lingua é POBO
non é unha espada
que poida defendelo cada vez que lle negan
que esta patria ten lingua, cada vez que lle negan
que esta é a que nos pertence, cada vez que lle negan
que ela é identidade, cada vez que lle negan
que somos porque falamos
que a lingua non é espada que poida defendelo
cada vez que lle negan SER na súa lingua
que a lingua é AMOR
o amor das avós que a ergueron como CASA
en que fomos nacendo para que sempre fose
un lugar de FUTURO
que a lingua é POBO
o pobo que a creou para dar nome á TERRA
e deixarnos memoria de quen somos e como
queremos CONSTRUÍRNOS
Marta Dacosta, febreiro de 2015
Presentadas as actas dun simposio sobre lingua e identidade na fronteira galego-portuguesa
Desde
Cultura Galega:
“Lingua e identidade na fronteira galego-portuguesa é unha publicación que se achega a esta zona xeográfica desde a perspectiva histórica, antropolóxica pero sobre todo lingüística. O volume, foi presentado o xoves 29 de xaneiro por Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ernesto González, director do Instituto da Lingua Galega (ILG) e Xulio Sousa un dos tres editores deste volume xunto con Rosario Álvarez e Marta Negro. A variación sintáctica, o léxico dialectal, a entoación e as percepcións así como as actitudes lingüísticas na fronteira galego-portuguesa son algúns dos temas tratados no volume. Nel tamén se analizan os camiños diverxentes de Galicia e Portugal a partir da Idade Media ou a permeabilidade bidireccional da raia, que a un tempo une e separa ambos os territorios.”
O galego dá vida, pola vida do galego, declaración institucional da Real Academia Galega
Entrevista a Xosé Manuel Sánchez Rei no Diario Cultural
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Entrevista a Xosé Manuel Sánchez Rei arredor do libro colectivo Modelos de lingua e compromiso, publicado en Baía Edicións, no Diario Cultural. A entrevista completa pode escoitarse aquí.
Narón: presentación de Contra a morte das linguas, de Miguel Moreira Barbeito
O
venres 30 de xaneiro, ás 19:30 horas, na Libraría Day (Estrada da Gándara, 141), de Narón, terá lugar a presentación do libro Contra a morte das linguas. O caso do galego, de Miguel Moreira Barbeito, publicado por Xerais. No acto, organizado por Queremos Galego Narón, participará o propio autor.
A Coruña: presentación de Modelos de lingua e compromiso
Carlos Callón: “O activista que loita coas palabras”
Entrevista
a Carlos Callón en La Voz de Galicia:
“(…) Para tratar de orientar ou axudar a aquelas persoas interesadas en vivir en galego, Carlos Callón publicou tres ensaios sobre o idioma: En castellano no hay problema; Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, e Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. O ribeirense refírese a este último coma o seu pequeno best seller e razón non lle falta. Tal é a demanda que rexistra esta obra que está a piques de saír a quinta edición.
A maiores, Callón ten outros tres libros publicados: Unha historia que nos pertence, que é un ensaio sobre a figura do poeta Lorenzo Varela; Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, obra que conta cos premios Vicente Risco e Fervenzas Literarias; e Atravesar o fantasma, unha compilación de poemas que veu a luz a finais do ano pasado e da que se está a preparar unha exposición para o seu lanzamento.
Nesta batalla, na literaria, é na que o ribeirense quere seguir lidando a partir de agora: «Quero dedicarlle tempo a proxectos que levan moito tempo aparcados». Seguirá, como non, defendendo o idioma e a cultura de Galicia, aínda que descarta facelo desde un escano que non sexa o que emprega para escribir.”
ProLingua: “O desleixo lingüístico do Concello de Bueu”
“ProLingua,
plataforma a prol da defensa e promoción da lingua, presentou esta semana un escrito no rexistro do Concello de Bueu onde se pide que se corrixan erros graves de lingua na sinalización. Son múltiples as queixas recibidas por este desleixo e o concello ten que ser consciente que non só hai que empregar o galego, senón empregalo ben.
Aquí está o texto completo e no axunto unha mostra do que se denuncia”
A Xunta silencia unha proposta de edición multilingüe de obras literarias galegas, catalás e vascas
Desde
ProLingua:
“(…) Aproveitando a presentación da edición bilingüe en galego-éuscaro da obra de Díaz Castro Nimbos/Argi-koroak, o goberno vasco anunciaba unha proposta conxunta coa Generalitat de Cataluña e a Xunta de Galicia para instar o Goberno de España a poñer en marcha unha iniciativa para a edición multilingüe (catalán-castelán-éuscaro-galego) de obras literarias representativas das linguas minorizadas.
De poñerse en práctica esta iniciativa só se derivarían consecuencias positivas. Exteriormente incrementaríase o coñecemento e o aprecio polos nosos escritores, pois tal e como dicía o Viceconselleiro de Política Lingüística vasco Patxi Baztarrika, “non se pode amar o que non se coñece”. Internamente, cando se percibise esa valoración e recoñecemento foráneos, incrementaríase o orgullo e a autoestima pola nosa lingua, do que se derivan evidentes efectos normalizadores.
Sorprendentemente desde a Xunta de Galicia ocultouse a iniciativa das edicións multilingües. Non hai ningunha referencia a ela na nota de prensa da Consellería de Educación na que (só) se informa da edición e presentación en Euskadi de Nimbos/Argi-koroak.
Tendo en conta que a proposta anunciada por Patxi Baztarrika só pode ter beneficios para Galicia e para os galegos é difícil de xustificar a actuación do Secretario Xeral de Política Lingüística Valentín García na presentación do poemario de Díaz Castro. A súa intervención consistiu en dar un paso atrás para despois pasar a atacar e desvirtuar a proposta da edición multilingüe. O Secretario Xeral argumenta que as competencias en materia de linguas propias son das Comunidades Autónomas co cal lle retira ao Estado toda responsabilidade no uso e difusión de ningunha outra lingua que non sexa o castelán.
É simplemente escandaloso que se nos impoña o coñecemento da literatura española cando a un tempo nunca se abordou seriamente nin tan sequera a difusión das culturas galega, vasca e catalá fóra dos seus respectivos territorios. Este tipo de actitude esnaquiza a convivencia ao establecer xerarquías racistas entre as persoas consonte a súa lingua, co que se instauran cidadáns de dúas categorías, e os representantes galegos apúranse a apuntarnos entre os de segunda clase. Ninguén debe estrañarse, xa que logo, de que os galegos abandonemos perigosamente a nosa lingua, é o que se está a incentivar desde as estruturas de poder.
Tampouco se arrubiou Valentín García cando afirmou que Galicia ten unha vantaxe comparativa respecto de Euskadi e Cataluña no relativo á difusión exterior da nosa lingua. Nós contamos cos Centros Galegos, asegurou, e contamos tamén cunha enorme cantidade de emigrantes que levan o galego por toda a xeografía española. Continuando con esta liña argumentativa é de supoñer que deberiamos fomentar a emigración para así espallar máis e mellor a nosa cultura. Velaí como unha perversa interpretación do triste fenómeno da emigración galega converte a nosa desgraciada febleza económica nunha macabra vantaxe cultural. Con esta actitude apártase o galego da reivindicación dun estatus coa mesma categoría que o éuscaro e o catalán e o que é peor, esta retirada faise a costa da dignidade do pobo galego.
Outra vez se consumou unha traizón á lingua propia de Galicia
ProLingua, 16 de xaneiro do 2015″


