Santiago: actividades destacadas do xoves 2 de maio na Feira do Libro

O xoves 2 de maio prosegue a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda), cos seguintes actos literarios destacados:

– 18:30 h. Presentación de Crise e fracaso da Unión Europea neoliberal. Unha alternativa soberanista e democrática, de Xavier Vence, publicado na Fundación Galiza Sempre. Xunto ao autor participa Xesús Veiga.
– 19:00 h. Teresa Moure asinará os seus libros na caseta da Libraría Pedreira.
– 19:30 h. Presentación de Tastarabás. Enciclopedia dos brinquedos tradicionais, do escritor Antón Cortizas, publicado por Edicións Xerais. Xunto co autor, participa no acto Manuel Bragado, director da editorial.
– 20:30 h. A escritora Valentina Formoso presenta o seu libro Do estigma á estima, publicado por Edicións Xerais. Participan no acto Carlos Negro, Manuel Bragado e a autora do libro.

Cee: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

O sábado 27 de abril, ás 20:00 horas, na Restaurante Insua (Avenida de Fisterra) de Cee, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. O acto está organizado polo BNG de Cee.

A Coruña: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

O mércores 24 de abril, ás 20:00 horas, na Livraria Suévia (Rúa Vila de Negreira, 32) da Coruña, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Ermitas Valencia e Manuel Bragado.

As Pontes: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

O luns, 22 de abril, ás 20:30 horas, na Biblioteca Municipal das Pontes, terá lugar a presentación do libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. O acto está organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística das Pontes, coordinada por Mónica da Silva.

Carlos Callón: “O obxectivo é facer que os galego-calantes pasen a ser galego-falantes”

Entrevista a Carlos Callón en Radio Redondela:
“O filólogo e presidente da Mesa pola Normalización Linguïstica salientou, durante a presentación do libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez “a necesidade de animar a todos aqueles galegos que aman o galego a que dean o paso de falalo”.
O libro, editado por Xerais, ofrece de xeito desenfadado e mediante anécdotas diferentes consellos útiles para todos aqueles que queiran dar o paso de usar o galego e mellorar na súa calidade lingüística, desbloqueando os prexuízos e medos aprendidos e asumindo que os problemas con que nos encontramos, moitas veces, non son de orixe gramatical senón social. Este libro é útil para un público diverso, interesado na lingua galega, desde persoas que queren comezar a falala ata estudantes de calquera nivel ou persoas que desexan mellorala.
No transcurso da charla Callón aproveitou para lembrar que un idioma pode ir esmorecendo de xeito radical pola adopción de políticas lingüísticas e puxo como exemplo o cambio de sinalización nas estradas que nestes días fai que na AP-9 os sinais de “Peaxe” se cambien por outros de “Peaje” ou ben de xeito paulatino por comportamentos individuais froito da presión social que fan que a lingua deixe de estar presente na relación dos máis vellos coas novas xeracións.” (…)”.

Ferrol: actividades destacadas do sábado 20 e domingo 21 de abril na Feira do Libro

O sábado 20 e domingo 21 de abril prosegue a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:00 a 21:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados:

Sábado 20:
– 12:30 h. Presentación do libro Enredando nos antropónimos, de Xulia Marqués, con ilustracións de Sandra García Gutiérrez, editado por Galebook. Participarán no acto as autoras.
– 18:00 h. A compañía Maquinarias Teatro representará a obra de teatro Touporroutou, adaptación da peza de teatro infantil de Roberto Vidal Bolaño.
– 18:00 h.: Antonio Seijas autor de Cartas de inverno. Novela gráfica, asinará exemplares na Caseta da librería Espacio Lector Nobel.

Domingo 21:
– 12:00 h. Presentación do libro de teatro infantil O mistério da escada interior, de Adela Figueroa Panisse, con ilustracións de Celsa Sánchez Vázquez, publicado por Edicións do Castro.
– 19:30 h. O escritor Xesús Bermúdez Tellado presenta o seu poemario Viaxe sen cancelas publicado pola editorial Redelibros. Ao remate do acto, o autor dos libros asinará exemplares dos mesmos.

Redondela: actos destacados na Festa das Palabras

A FESTA DAS PALABRAS_Bibliotecas de Redondela (V semana do libro) - copiaEsta é a crónica da última das actividades levadas a cabo, desde o espazo na rede das Bibliotecas de Redondela.

Diversidade lingüística e linguas ameazadas en Europa, por Marta Dacosta

Crónica da participación da AELG no Grupo de Traballo sobre linguas ameazadas e diversidade lingüística na sede do Parlamento europeo, por Marta Dacosta. Publicado en Sermos Galiza.

O pasado 20 de marzo, véspera do Día Internacional da Poesía, participei nun Grupo de Traballo sobre linguas ameazadas e diversidade lingüística na sede do Parlamento europeo, como representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG. Fomos convidados a participar neste grupo de traballo por Ana Miranda, deputada do BNG no Parlamento europeo, integrante da Alianza Libre Europea (ALE)-Os Verdes, formación organizadora do Grupo de traballo.
O presentador e moderador da actividade foi o deputado da ALE François Alfonsi, do Partido da Nación Corsa, quen visitou recentemente o noso País. A sesión comezou coa intervención de varios expertos.
Moseley Christopher, da Unesco, falou da categorización dos diferentes graos de ameaza dunha lingua, indicando que as linguas chegan á fase crítica no momento en que soamente son empregadas por persoas de idade. Mostrou imaxes do Atlas das linguas ameazadas realizado pola Unesco, indicando que está en período de elaboración e por tanto recibindo información. Nas imaxes mostradas, na Península só figuraba o euskera e como vulnerábel, o que logo foi cuestionado polo representante basco (cabe sinalar que a Unesco recolle na Península o euskera e o asturiano, aragonés e aranés como linguas en situación de seria ameaza e o guanche como extinguida).
Fernand de Varennes, experto en dereitos lingüísticos, deixou datos como que cada dúas semanas desaparece un idioma ou que en catro xeracións desaparecerán moitos, sinalando que o número de linguas ameazadas desde o seu punto de vista era superior ao que sinalaba a Unesco. Incidiu que actualmente a novidade radica fundamentalmente na velocidade á que desaparece unha lingua e no incremento da presión en moitos países cara ao monolingüísmo. Entre outras afirmacións sinalou que unha lingua que non ten prestixio fóra do ámbito escolar non ten futuro.
Meirion Prys Jones, da NPLD, sinalou a redución de orzamentos para a protección das linguas. Jonathan Hill, da Comisión Europea, falou entre outras cuestións da importancia das políticas de tradución e Adina Nichifor, do Consello de Europa, manifestou que a Carta europea de linguas minorizadas (CELRM) require políticas activas dos gobernos.
A parte expositiva rematou coa intervención de Markus Osterlund que falou do caso do sueco en Finlandia, lingua falada polo 5,9% da poboación e sobre a que adoptaron medidas de normalización, como a publicación de documentación bilingüe, moi recentemente.
Rematadas as intervencións iniciais chegou a quenda dos representantes das diferentes linguas europeas, deputados e convidados que trasladaron as diferentes situacións. Desde a situación do piamontés, que mesmo a Unesco declara de “definitivamente en perigo” e do que se expuxo que os últimos falantes están nos centros da Terceira idade, ao Ladino, para o que se sinalou que a súa situación mellorara respecto a hai trinta anos ao adoptarse medidas favorábeis.
A situación actual das linguas minorizadas do Estado francés pairou sobre o desenvolvemento do encontro. Ese mesmo día publicábase un comunicado de Régions et peuples solidaires denunciando que Hollande viña de se negar a subscribir a CELRM, en contra do que prometera na campaña electoral. O comunicado comeza dicindo que o bipartidismo á francesa fai que no relativo ás linguas a canción sexa sempre a mesma “Palabras, palabras podería ser o título.” O convidado basco falou da situación en Iparralde, da actitude do subprefecto de Baiona que se dirixira ao municipio de Hendaia para lembrarlle que o Estado francés non permite subvencionar con diñeiro público a construción dunha ikastola ou de que se están pechando, por falta de apoio, as radios comunitarias. Os corsos denunciaban que a súa lingua non tiña espazo nos medios de comunicación, a penas segundos. A estas denuncias sumábase as do deputado alsaciano ou o de Guyana e o convidado bretón, quen informou da coordinación entre as linguas de Francia para procurar a ratificación da CELRM, mentres que o occitano informaba de que neste momento a lingua está presente nas escolas, mais contan só cuns 1000 falantes, cada vez de maior idade.
Fronte a estas intervencións manifestei que a lingua galega, malia non se atopar na situación dalgunha das linguas referenciadas, tiña hoxe o seu maior nivel de ameaza no goberno. No goberno galego e no español, ambos os dous responsábeis dunha lexislación restritiva especialmente no ensino, nun contexto social en que se xeralizou a rutura da transmisión interxeracional e a nosa lingua é cada vez menos falada entre os máis novos, situación que, analizada á luz das intervencións realizadas polos expertos na primeira parte do encontro, poñía moitas incógnitas sobre o futuro. E isto, malia ser o Estado español un dos asinantes da CELRM que incumpre sistematicamente.
Do goberno español e do aragonés, tamén do PP, falou o convidado do CHA, quen tamén incidiu no incumprimento da CELRM e sinalou a última aberración: confeccionar unha única normativa para o aragonés e o catalán de Aragón.
Ao remate da sesión, e despois da intervención das diferentes linguas presentes (mesmo un convidado que falou da situación do esloveno en Italia) as conclusións foron, como cabía agardar, que para o sobrevivencia das diferentes linguas europeas, e do mundo, cómpre o apoio dos gobernos, a súa presenza no ensino e na administración, de tal xeito que todas as persoas poidan usala, incrementar os recursos, apoiar a tradución, o cine, os medios de comunicación, etc. Puntos en común para linguas minorizadas en diferentes situacións e que vén o seu futuro desde diferentes prismas.
Foi un encontro enriquecedor que a bo seguro terá o seu reflexo no informe europeo que se elabore para a protección das linguas.

Marta Dacosta

25 de marzo de 2013.”