Arquivo da categoría: Lingua
A Coruña: presentación de Estudos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüismo
O xoves 21 de outubro, ás 20:30 h., na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (rúa Olmos, 16-18) da Coruña, preséntase o libro Estudos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüismo, publicado por Laiovento, coa participación dos autores Luís Villares e Carlos Amoedo, acompañados por Francisco Pillado.
Comunicado do Equipo de Normalización da Lingua Galega do CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis
O Equipo de dinamización da lingua galega (EDLGA) do CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis, ante a campaña desatada contra o equipo por un colectivo alleo ao ensino, manifesta:
– O EDLGA realiza dende hai máis dunha década un labor continuado que persegue a mellora de competencias lingüísticas e a sensibilización e mellora das actitudes respecto do galego entre a comunidade educativa, especialmente, entre o alumnado. Os seus proxectos responden aos criterios emanados das convocatorias da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) da Xunta de Galicia. Así, desde o EDLGA do noso centro realizáronse ao longo dos últimos anos multitude de actividades (contacontos, teatro, expresión musical, edición de revistas, regueifas, publicacións dixitais, intercambios culturais con outros centros, concursos literarios, de fotografía, etc) nos que colaboraron ducias de profesores e que foron recoñecidas pola comunidade educativa e polas institucións e asociacións locais, que colaboraron en múltiples destas actividades. Tamén a SXPL recoñeceu este traballo nas convocatorias de 2008 e 2009 ao outorgarlle as máximas puntuacións aos seus proxectos.
– Unha das actividades permanentes do EDLGA foi a creación dun blog en outubro do 2007 que, como acontece con moitos outros espazos web dos centros escolares, dá a coñecer recursos educativos e lingüísticos e serve de voceiro das actividades e doutros artigos e informacións vinculados aos obxectivos que lle son propios. A día de hoxe no blog foron publicados 277 artigos.
– O 25 de maio do 2008 unha alumna publicou un artigo no que informaba da actuación en Cuntis do grupo Skarnio, e as súas impresións sobre dito grupo, acompañada dun vídeo do grupo insertado desde Youtube, dentro do Festidoiro 2008. Este festival organizouno a Asociación Cultural O Fervedoiro, e contou coa colaboración económica de varias Consellerías da Xunta de Galicia, do Concello de Cuntis e da Radio Galega, entre outras institucións. O artigo desta alumna acolle unicamente as súas impresións sobre a música feita por esta banda sen ningunha alusión a outro tipo de temáticas. O vídeo segue colgado en Youtube sen que teña sufrido ningún tipo de restrición.
– En setembro do 2010, dous anos e tres meses despois da publicación do artigo, este colectivo iniciou unha campaña de desprestixio dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros de ensino e das persoas que os coordinan, utilizando tácticas impropias dunha democracia. Tiraron imaxes e outros contidos dos blogs e páxinas de distintos Equipos e, descontextualizándoos e esaxerando a súa transcendencia, acusaron, coa complicidade dalgúns medios de comunicación, aos membros dos equipos de adoutrinar ao alumnado, mesmo de facer apoloxía da violencia. Estas imaxes están totalmente quitadas de contexto e as relacións entre as causas e os feitos son absurdas e demagóxicas e descualifican máis a quen as utiliza para atacar que ao atacado (…)
– Nun primeiro momento, os membros actuais do EDLGA decidimos non facer ningún comunicado, co obxectivo de non darlle máis publicidade á ruín ‘caza de bruxas’ iniciada por ese colectivo, que só busca notoriedade pública e relevancia política.
– O 11 de outubro soubemos que agora o único branco da vil campaña deste colectivo é o noso EDLGA, ao solicitarlle ao Valedor do Pobo que esixa a retirada do vídeo citado máis arriba.
– Ante a trascendencia que acadou o tema decidimos redactar este comunicado e levar a cabo outras actuacións para informar á comunidade educativa e á opinión pública en xeral sobre esta cuestión. (…)
Desde o EDLGA non imos retirar o vídeo a non ser que a autora do artigo o solicite. O blog é personalizado e non pertence ao dominio oficial da Xunta. Iso si, se algo conseguiu esta polémica é que o blog teña máis visitas que nunca e se poida comprobar o traballo desenvolvido. Non imos aceptar de ningún modo a presión e censura feita por un colectivo (…) totalmente alleo ao ensino que o único que busca é desprestixiar a todo o profesorado e alumnado que participa nas actividades do noso centro. (…)
Estivemos, estamos e estaremos sempre a favor dunha educación aberta, tolerante e respectuosa con todas as persoas e traballaremos arreo para conseguir maiores espazos sociais no uso da lingua galega, polo que non aceptaremos ningún tipo de censura de ninguén (…).
O texto completo do comunicado pódese consultar aquí.
Arcade (Soutomaior): Feira do Libro e mesa de debate en O Circo da Lingua
O sábado 16 de outubro celébrase en Arcade O circo da Lingua, organizado pola Plataforma Queremos Galego de Soutomaior. Dentro dela, a partir das 16:00 h. haberá unha Feira do Libro, con mostra e venda de libros na que participarán diferentes editoriais e librarías galegas na rúa Xosé Solla (Arcade), e, a partir das 17:30 h. celebrarase unha mesa de debate sobre Un futuro en galego: retos de hoxe para unha lingua normalizada, que contará coas intervencións de Anxo Louzao, Bieito Lobeira, Fran Rei, Pilar García Negro e Xosé Henrique Costas no Multiusos de Arcade (Soutomaior).
Galicia Hoxe: “Nace o ecolingüismo”
A Estrada: presentación do libro Estudos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüísmo
O venres 15 de outubro, ás 19:30 h., preséntase na sala de exposicións de Caixanova na vila da Estrada o libro Estudos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüismo, publicado en Laiovento. No acto intervirán Alba Nogueira, profesora de dereito administrativo da Universidade de Santiago de Compostela e Héctor López de Castro, avogado e membro do gabinete xurídico da CIG. O acto está convocado pola plataforma Queremos Galego d’A Estrada.
Xornal: “Emilia Pardo Bazán tamén escribía en galego”
(Xornal)
Últimas prazas para o Foro Mugardos
Marín: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón
Santiago: participación de autores galegos no IBBY nas xornadas do sábado 11 e domingo 12 de setembro
Dentro das actividades para o sábado 11 de setembro no 32º Congreso do IBBY que se celebra No Pazo de Congresos de Santiago, esta é a participación de autores galegos:
– 14:00 – 15:30 h. Sala Santiago: Mesa redonda sobre Minorías lingüísticas, presentada por Mingzhou Zhang (China) e coordinada por Elizabeth d’Angelo Serra (Brasil), coa participación de Fina Casalderrey, Miriam G. Möllers (Alemaña) e Jant van der Weg-Laverman (Holanda).
Para o domingo 12, derradeiro día deste Congreso, esta é a participación galega:
– 09:30 – 10:45 h. Sala Santiago: Conferencia plenaria de Manuel Rivas: A literatura infantil e xuvenil dende (como) insurxencia poética, coa presentación de Asun Agiriano.
– 11:15 – 12:30 h. Sala Santiago: Obradoiro Developing Literary Understanding across International Lines. A Readers Theatre Performance in Five Acts, impartido por Elizabeth Poe (Estados Unidos). Participan: David Almond (Reino Unido), Marcos S. Calveiro, Ana Maria Machado (Brasil) e María Reimóndez.
– 11:15 – 12:30 h. Sala Obradoiro: Panel de editores, coordinado por Víctor F. Freixanes, coa participación de Jacqueline Kergueno (Francia), Catherine Mitchell (Canadá), Akoss Ofori (Ghana) e Dolores Prades (Brasil).
– 14:00 – 15:30 h. Sesións de comunicacións na Sala 12 coa temática: Promoción lectora – Internet, presentada por Blanca-Ana Roig, con autores de diversas procedencias.