A Coruña: Día Lugrís, o sábado 22 de decembro

O movemento cidadán In Nave Civitas e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) convocan a toda a cidadanía a unha nova xornada cívica de homenaxe a Urbano Lugrís, o gran pintor das cousas do mar, este sábado 22 de decembro.
Na obra do artista agroma un mar sen tempo, onde os elementos coruñeses –Marola, Torre, Orzán- se converten en arquetipos –illa, faro, praia- para nós contar a historia toda dos océanos. A presenza de Urbano Lugrís segue a iluminar as rúas e tabernas da Pescadería, como representante máximo da bohemia. Poderosa humanidade – así o definiu o poeta Antón Avilés de Taramancos–  protagonista de moitas historias populares daquela cidade dos anos cincuenta.
Mais tamén, un ano máis, este Día Lugrís  ten que ser, desgraciadamente, unha xornada de reivindicación. Lugrís mostrounos un océano máxico, cheo de historias e de misterios inmortalizados para sempre en debuxos, cadros e murais. Admirado por moitos, a súa figura fica esquecida e mesmo algunhas da súas obras palidecen á intemperie. A obra que creou para diferentes locais hostaleiros coruñeses, non goza de protección institucional ningunha. O grande mural da cafetería Veccio da Rúa Real ten un futuro absolutamente incerto. Máis grave é aínda a situación das pinturas que decoraban o antigo restaurante Fornos (Rúa dos Olmos). Un establecemento actualmente pechado, sen control público ningún sobre estado desas obras.
Ante isto, o colectivo cidadán In Nave Civitas  e a Asociación de escritoras e escritores en lingua galega queremos removelas conciencias e honrala memoria de Urbano Lugrís coa celabración do III Día Lugrís:

ACCIÓN LUGRÍS, velaí o programa deste ano:

– 20:00 horas. Obradoiro submarino: Xuntanza no Obelisco para decorar paraugas con debuxos de peixes. Se chove, faremos da necesidade virtude, e poderemos principiar deseguido, ao son dos gaiteiros, a manifestación atlántica.
– 20:30 horas. Camarote Lugrís: Intervención pictórica na rúa Mantelería, no lugar onde estivo situado o estudo do artista.
– 21:00 horas. Habitación do vello mariñeiro. Presentación no Borrazás, café moi querido por Lugrís, do colectivo poético-musical In Nave Civitas, artistas diversos reunidos ao redor da condición da Coruña como cidade-barco.

Día Lugrís. Está subindo a marea, ti non quedes varado en seco !

Medre o mar!

Allariz: presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O venres 21 de decembro, ás 20:30 horas, na Fundación Vicente Risco (Rúa San Lorenzo, 3) de Allariz, preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Luís Martínez-Risco. Haberá acompañamento musical de José Luis Fernández Carnicero.

A Coruña: presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O xoves 20 de decembro, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo) da Coruña, preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto, coorganizado pola editora e Asociación de Amigos dos Museos de Galicia, participarán, xunto ao autor, Felipe Senén, Eva Veiga, Fran Alonso e o autor. Haberá acompañamento musical de Antonio Facal Rivas.

A Coruña: presentación de Cartafol de soños, homenaxe a Celso Emilio Ferreiro

O mércores 19 de decembro, ás 20:00 horas, no local de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda presenta o libro Cartafol de soños, homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario (1912-2012). No acto participan tres dos seus autores, Lois Diéguez, Ánxeles Penas e Alberte Suras, e contará tamén coa participación musical de Miro Casabella.

Pontevedra: recital e presentación de Versus

O martes 18 de decembro, ás 20:00 horas, no Pazo Mugartegui de Pontevedra, preséntase a escolma poética Versus, con presentación do poeta bergantiñán Óscar de Souto e recitación en directo de parte dos outros autores do libro (Antón Borrazás e Miguel Queipo), actuación poético-musical a cargo do grupo Versus e sinatura de libros ao finalizar o acto.

Santiago: presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O martes 18 de decembro, ás 20:00 horas, na Capela do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, María Jesús Cabado Pampín, Xosé M. Núñez Seixas (LMU, Múnich), que intervirá a través de skype e Fran Alonso. Haberá acompañamento musical de Carlos Arias.

Gondomar: Contos en Cueiros, con Arrolos de salitre, en Espazo Lectura

O venres 14 de decembro, ás 18:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, terá lugar unha nova sesión de Contos en Cueiros, actividade de animación á lectura para bebés organizada por Espazo Lectura. Trátase dun concerto de Xabier Díaz e Guillerme Fernández que interpretarán pezas do seu disco Arrolos de Salitre: unha compilación de once cantigas de berce tradicionais e novas composicións creadas para meniños e meniñas, do que van interpretar unha escolma de temas ao son da guitarra e do acordeón. As sesións de bebés Contos en Cueiros están pensadas para achegar aos cativos e cativas dende os primeiros meses de vida á lectura a través de recursos da tradición oral, como arrolos ou cantigas, xogos e contos destinados especificamente a estas primeiras idades.